Actualidade
[11-12-2018] O Salón de Actos da Deputación de Córdaba acolleu este luns a gala de entrega de premios da XI Edición do Premio Progreso, na que o Concello de Ames foi recoñecido na categoría de educación polos seus programas de conciliación como reclamo poboacional. Ao acto acudiron Luísa Feijóo, Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e Rosalina Martínez, técnica municipal de nutrición, que foron as encargadas de recoller o galardón.
[11-12-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o anuncio co resultado da proba de galego do proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de administrativo do Concello de Ames, e a data fixada para a realización do exame de oposición deste proceso, que se realizará o vindeiro 19 de decembro de 2018, ás 16.45 horas. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito resultado.
[10-12-2018] Ames Radio fai pública a súa programación da semana do 3 ao 9 de decembro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar a programación completa.
[10-12-2018] A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 14 de decembro, a representación de público familiar Puño Puñete de Baobab Teatro. O espectáculo consta de música en directo, contos, cancións e xogos populares, a través dos cales os cativos e as cativas se mergullarán nun mundo de fantasía e sensacións. Os convites para asistir xa están dispoñibles na Billeteira electrónica.
[10-12-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comercio e Promoción Económica, volve convocar, un ano máis, o Concurso de Escaparates de Nadal. As persoas que queiran participar deberán engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co Nadal, prestando atención á orixinalidade para conseguir a atracción do público. Os escaparates deberán permanecer expostos entre o 14 de decembro de 2018 e o 7 de xaneiro de 2019. As solicitudes de inscrición poderán entregarse no rexistro municipal ata o vindeiro 12 de decembro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición do XIII Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames.
[10-12-2018] O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou durante o pasado mes de outubro 548 visitas. Das achegas feitas ao longo do mes destacan fundamentalmente os residuos eléctricos e electrónicos que se achegaron aos 3.391 quilogramos. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser.
[08-12-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a segunda modificación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar, na modalidade de SAF Dependencia do Concello de Ames. A Consellería de Política Social vén de aprobar un novo reforzo de horas, e vista a necesidade de poder dar cobertura á demanda existente, o Concello volve a reforzar o servizo cun incremento de 5.030 horas, quedando así o total de horas anuais de prestación do servizo en 51.006 horas para o SAF-Dependencia. Actualmente, hai 77 persoas que son beneficiarias do Servizo de Axuda no Fogar, polo sistema de dependencia. Dende o Concello de Ames indican que con este novo incremento de horas, agárdase poder dar cobertura a unha parte das persoas que demandan este servizo e que están na listaxe de espera.
[08-12-2018] A través da iniciativa Vacacións en Paz as familias de Ames, ou de calquera concello galego, poden acoller durante os meses de xullo e agosto a nenos e nenas saharauís que viven unha difícil situación nos campamentos de refuxiados de Tindouf, en Alxeria. O Concello de Ames anima a toda a veciñanza interesada en participar do programa a asistir a unha nova reunión que organiza a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. A xuntanza terá lugar o vindeiro mércores, 12 de decembro, ás 20:00 horas, no salón de Plenos da Casa do Concello. Quen non poida acudir á reunión, pero desexe participar no programa, pode poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais do Concello, no número de teléfono 981 377 656.
[07-12-2018] Con motivo da celebración de Santa Icía, patroa da música, a Escola Infantil A Madalena converte novembro no mes máis musical do ano. Nesta ocasión, ao longo do mes pasaron pola escola varios músicos profesionais e familiares de alumnos ou alumnas, que teñen a música como afección e/ou tocan algún instrumento. O mes da música rematou coa xa tradicional Festa do rock do centro.
[07-12-2018] O inverno chega cargado de actividades á Aula CeMIT de Ames, que ten programadas un total de dezaseis actividades para os meses de decembro e xaneiro, entre as que se contan varios cursos para adultos, videoconferencias, talleres e actividades para os nenos e nenas. Para obter máis información ou para reservar praza nalgunha destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da web https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á Aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.
- ‹ anterior
- 7 de 793
- seguinte ›




