Actualidade

Ex., 22-07-2026
Ex., 22-07-2026
Venres, 07 de decembro de 2018

[07-12-2018] O inverno chega cargado de actividades á Aula CeMIT de Ames, que ten programadas un total de dezaseis actividades para os meses de decembro e xaneiro, entre as que se contan varios cursos para adultos, videoconferencias, talleres e actividades para os nenos e nenas. Para obter máis información ou para reservar praza nalgunha destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da web https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á Aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

Venres, 07 de decembro de 2018

[07-12-2018] O técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, estivo 15 días en Tarrafal, para colaborar na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas no municipio caboverdiano cun carácter social e con perspectiva de xénero. Esta colaboración xestionouse a través dun convenio asinado entre o Concello de Ames e a Cámara municipal de Tarrafal para establecer un programa de cooperación internacional entre ambos municipios. Dito convenio nace despois de que a técnica municipal de Turismo de Ames participase no ano 2016 no programa “Vacacións con traballo”, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames forma parte.

Xoves, 06 de decembro de 2018

[06-12-2018] A Aula da Natureza de Ames organiza varios obradoiros de diversa temática de Nadal para os meses de decembro e xaneiro. Ademais do tradicional taller de decoración natural, tamén se realizará un obradoiro de Showcooking: buffet de Nadal, varias sesións de preparación de galletas e o ciclo Xogando coa ciencia. Para participar nalgún destes obradoiros, é necesario enviar cuberta a ficha de inscrición dispoñible baixo o apartado de descargas ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal antes do 18 de decembro.

Xoves, 06 de decembro de 2018

[06-12-2018] O Servizo de Normalización Lingüística de Ames pon en marcha, por cuarto ano consecutivo e en colaboración coa Maxia do Nadal, unha iniciativa para encher de contido as cartas coas que as cativas e os cativos piden os agasallos. Nesta edición o lema é “Faille máis sitio á lingua”, que anima ás crianzas a utilizar a súa lingua, o galego, no maior número posible de contextos e situacións do seu día a día. Así, os cativos/as poderán compartir as súas vivencias e pensamentos cos magos nunha carta da forma que elas ou eles consideren: escribindo, debuxando, pintando, decorando...

Xoves, 06 de decembro de 2018

[06-12-2018] O Concello de Ames conmemorou esta mañá os corenta anos da Constitución Española cun programa específico para a ocasión. O acto central do programa tivo lugar este xoves, 6 de decembro, na Casa do Concello, en Bertamiráns, onde se lles fixo entrega das medallas aos alcaldes de Ames que gobernaron dende 1978. A dito acto tamén asistiron o cronista oficial do Concello de Ames, Maximino Viaño, o presidente de Feiraco, José Montes, o campión de Europa de squash, Borja Golán, e diversos representantes de asociacións veciñais, culturais e empresarias, así como membros dos clubs deportivos de Ames, da asociación Arcea Adames e do Real Aero Club de Santiago. Todos eles leron diferentes artigos da Constitución. Tamén se puido asinar no Libro da Cidadanía, situado no salón de Plenos.

Mércores, 05 de decembro de 2018

[05-12-2018] A oficina municipal de información xuvenil (OMIX) organiza un novo obradoiro de programación, electrónica e deseño 3D destinado a xoves de maiores de 12 anos. Realizaranse dúas edicións do taller, o primeiro os días 26, 27 e 28 de decembro na Aula de Informática da Casa da Cultura do Milladoiro e un segundo o 2, 3 e 4 de xaneiro na Aula CeMIT da Casa da Cultura de Bertamiráns. Para participar nalgún destes obradoiros é necesario enviar a ficha de inscrición cuberta ao enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal antes do 18 de decembro.

Mércores, 05 de decembro de 2018

[05-12-2018] Este martes, 5 de decembro, conmemorase o Día internacional do voluntariado. Dende o ano 2002 o Concello de Ames conta cunha oficina municipal de voluntariado que desenvolve ao longo do ano programas de acción social, de atención socioeducativa, así como outros programas de acción voluntaria e sociocomunitarios. Durante estes 16 anos, máis de 350 voluntarios/as colaboraron con este departamento municipal. Na actualidade, 54 voluntarios/as colaboran activamente coa Oficina municipal de voluntariado nas diferentes accións voluntarias desenvolvidas. Dentro do abano de perfís de voluntarios/as, destacan as persoas xubiladas e/ou prexubiladas, así como as mulleres de mediana idade. Todas as actividades están dirixidas e supervisadas polo coordinador da OVA.

Mércores, 05 de decembro de 2018

[05-12-2018] A Aula da Natureza de Ames organiza para este sábado, 8 de decembro, a terceira e última saída micolóxica das tres programadas para este outono. As persoas que se inscriban deberán estar ás 10.00h diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e as 10.15h na Casa da Cultura do Milladoiro. A saída para recoller cogomelos farase polo porto da Gañidoira, no concello de Muras. Con esta saída finalizan as actividades de achegamento ao mundo dos cogomelos. É necesario inscribirse antes das 14.00 horas deste venres.

Mércores, 05 de decembro de 2018

[05-12-2018] O Concello de Ames conmemora os corenta anos da Constitución vixente cun programa específico para a ocasión. A programación comezou este martes, 4 de decembro, cunha mesa redonda moderada pola xornalista Aida Pena, na que participaron os profesores da USC: José Julio Fernández e Antón Losada. O acto central do programa terá lugar este xoves, 6 de decembro, na Casa do Concello de Bertamiráns, onde se lles fará entrega das medallas aos alcaldes de Ames dende 1978.

Mércores, 05 de decembro de 2018

[05-12-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, fai pública a relación de prazas libres nas actividades das Escolas Deportivas Municipais para o curso 2018-2019. As persoas que desexen optar a ditas prazas deben poñerse en contacto co departamento de Deportes a través dos enderezos: deportes@concellodeames.gal ou deportes.milladoiro@concellodeames.gal ou de xeito presencial pasando pola oficinas de deportes situadas na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa da Cultura do Milladoiro. As actividades das Escolas Deportivas comezaron na semana do luns 1 de outubro, rematando a semana do 31 de maio de 2019. Premendo á túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a relación de prazas libres das Escolas Deportivas Municipais e mailo impreso de inscrición.