[07-12-2018] O inverno chega cargado de actividades á Aula CeMIT de Ames, que ten programadas un total de dezaseis actividades para os meses de decembro e xaneiro, entre as que se contan varios cursos para adultos, videoconferencias, talleres e actividades para os nenos e nenas. Para obter máis información ou para reservar praza nalgunha destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da web https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á Aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.
Ofimática para adolescentes
Realizarase un ciclo formado por dous cursos sobre informática para o Instituto, recomendado para rapaces e rapazas de entre 10 e 15 anos que xa posuan certas nocións á hora de usar o ordenador. Así, o primeiro curso xirará en torno a o LibreOffice Writer e desenvolverase entre o 14 e o 23 de xaneiro, luns e mércores, de 18.15 a 19.45 horas. Estará centrado na aprendizaxe das distintas funcións de Writer necesarias para facer os traballos de clase, dende o formatado básico e a inserción de imaxes ata elementos máis complexos como campos automáticos , cabeceira, rodapé ou fontwork.
A segunda parte, que se impartirá os luns e mércores do 28 de xaneiro ao 6 de febreiro no mesmo horario que o anterior, centrarase no LibreOffice Impress e xirará na creación de presentacións para o colexio, sobre como inserir toda clase de elementos e animalos para facer máis dinámica unha presentación.
Exame EMA
Nos meses de decembro e xaneiro tamén se realizarán exames EMA, que consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. Así, en horario de 12.00 a 13.00 horas, realizaranse estas probas o 14 de decembro e o 18 de xaneiro.
Tramitación das inscricións
Para participar en calquera das actividades é preciso matricularse con antelación. Así, para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura (de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h), chamando ao número de teléfono 662 371 511 (no mesmo horario) ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.
Ciclo de empregabilidade
Tamén se realizará un ciclo formado por dous cursos, enfocado a mellorar o nivel de empregabilidade dos participantes. Así, na primeira parte, que terá lugar o martes 22 e o xoves 24 de xaneiro, veranse os diferentes tipos de currículos para entender cal se adapta mellor ás necesidades de cada un para, despois, ofrecer todo tipo de consellos e unha práctica de creación do CV.
A parte final desenvolverase o martes 29, cunha xornada adicada á busca de emprego online a través de tódolos medios dispoñibles, como é o caso de boletíns, redes sociais ou páxinas de emprego. Todas as sesións deste ciclo impartiranse en horario de 18.15 a 19.45.
Talleres de Nadal para menores
Durante o Nadal é imposible esquecerse dos máis pequenos e pequenas da casa, que contarán con diversos obradoiros para que deseñen e elaboren as súas postais para felicitar estas festas.
Así, os mércores 26 de decembro e 2 de xaneiro terá lugar un taller no que os menores de oito anos aprenderán a manexar o rato para facer a súa propia postal de Nadal no programa Paint. Asemade, realizaranse dous talleres para aprender a animar unha postal co programa Scratch, o primeiro impartirase os xoves 27 de decembro e 3 de xaneiro destinado a menores de dez anos, mentres que os maiores de dez anos poderán participar os venres 28 e 4.
Os rapaces que queiran participar nalgún destes obradoiros, que se realizarán en horario de 10.00 a 12.00h, poderán matricularse en varios dos talleres, pero só terán preferencia nun deles.
A programación, coa que a Aula CeMIT de Ames despide o 2018 e lle dá a benvida ao 2019, comezou este luns coa videoconferencia Teléfono móbil: contratación, facturación e reclamacións, na que se falou sobre conceptos como tipos de tarifas, servizos empaquetados, permanencia, roaming ou portabilidade. Tamén se abordaron as principais reclamacións, os dereitos do consumidor e os diferentes servizos ofertados polas compañías de telecomunicación.
Esta semana tamén se impartiu o curso de Compras seguras a través de Internet, que xirou en torno ao uso do comercio electrónico dende o punto de vista de un consumidor. Para hoxe, 7 de decembro, programáronse dúas sesións de xadrez destinadas aos nenos e nenas. Unha pola mañá, de 11.00 a 12.00 horas, e outra pola tarde, de 16.30 a 18.00 horas, para practicar este xogo de estratexia.
Por outra banda, o próximo mércores, 12 de decembro, realizarase unha videoconferencia de 10.30 a 12.00 horas centrada en Youtube e como xestionar unha canle propia en dita plataforma.
En canto aos cursos destinados a un público adulto, despois de Compras seguras a través de internet, os martes e xoves, do 11 ao 20 de decembro, realizarase Aprende a buscar en Internet, en horario de 10.30 a 12.00 horas. Este curso de nivel intermedio buscará sacarlle partido tanto a buscadores xerais como outros específicos para determinados usos.
Cursos para o mes de xaneiro
O mes de xaneiro comezará co curso Traballando na nube, que se impartirá os martes e xoves do 8 ao 17 de xaneiro en horario de 18.15 a 19.45 horas. Nesta ocasión, tratarase dunha acción formativa de introdución ás ferramentas que permiten traballar dende a nube. Entre o 15 e o 24 de xaneiro, entre as 10.30 e as 12.00 horas, terá lugar Manexa as apps do teu móbil, centrado en todo tipo de apps do sistema Android para ampliar o uso que facemos do smartphone.
Do 29 de xaneiro ao 7 de febreiro, de 10.30 a 12.00 horas, impartirase outro curso centrado no manexo avanzado do correo electrónico, tanto gmail como de outras alternativas, tendo en conta aspectos como filtros automáticos, etiquetas ou reenvío automático.





