[08-12-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a segunda modificación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar, na modalidade de SAF Dependencia do Concello de Ames. A Consellería de Política Social vén de aprobar un novo reforzo de horas, e vista a necesidade de poder dar cobertura á demanda existente, o Concello volve a reforzar o servizo cun incremento de 5.030 horas, quedando así o total de horas anuais de prestación do servizo en 51.006 horas para o SAF-Dependencia. Actualmente, hai 77 persoas que son beneficiarias do Servizo de Axuda no Fogar, polo sistema de dependencia. Dende o Concello de Ames indican que con este novo incremento de horas, agárdase poder dar cobertura a unha parte das persoas que demandan este servizo e que están na listaxe de espera.
O Servizo de Axuda no Fogar constitúeo o conxunto de actuacións levadas a cabo no domicilio das persoas en situación de dependencia, co fin de atender as necesidades básicas da vida diaria e incrementar a súa autonomía, posibilitando a permanencia no seu domicilio. Os servizos son prestados por entidades ou empresas, acreditadas para esta función, e poden ser os servizos relacionados coa atención persoal na realización das actividades da vida diaria; e mailos servizos relacionados coa atención das necesidades domésticas ou do fogar: limpeza, lavado, cociña ou outros.
No Concello de Ames, a empresa que presta este servizo é Atendo Calidade SL, que comezou a prestación do servizo o pasado 1 de setembro de 2017, asinando un contrato de 41.800 horas anuais para a prestación do SAF-Dependencia, incrementando as horas de prestación do servizo en 1.521 horas/mensuais (18.262 horas anuais) cun incremento do crédito asignado a esa partida de 312.742 euros, acadando o crédito total asignado ao SAF a cifra de 766.267 euros.
Sen embargo, a pesar do incremento de horas feito en 2017, a elevada demanda do servizo e o incremento da listaxe de agarda, así como a aposta do goberno municipal por darlle unha maior calidade ao Servizo de Axuda no Fogar, xa que entenden que non é un servizo sen máis, senón que é un dereito, levou ao Concello a aprobar un reforzo de prestación de horas para poder dar cobertura e atención á maior parte das persoas demandantes deste servizo. Este reforzo foi asumido e aceptado en xullo de 2018, cun incremento do número de horas de prestación do servizo en 4.176 horas, quedando un total anual de 45.976 horas de prestación de servizo de SAF-Dependencia.
Aínda así, este reforzo foi insuficiente para poder cubrir a totalidade da demanda existente. Actualmente, a Consellería de Política Social vén de aprobar un novo reforzo de horas, e vista a necesidade de poder dar cobertura á demanda existente, o Concello volve a reforzar o servizo cun incremento de 5.030 horas, quedando así o total de horas anuais de prestación do servizo en 51.006 horas para o SAF-Dependencia.
Na actualidade, hai 77 persoas que son beneficiarias do Servizo de Axuda no Fogar, polo sistema de dependencia. Dende o Concello de Ames indican que con este novo incremento de horas, agárdase poder dar cobertura a unha parte das persoas que demandan este servizo e que están na listaxe de espera.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica “unha das nosas prioridades foi dotar de recursos económicos e dunha mellor atención ao Servizo de Axuda no Fogar. Iso logrouse, en parte ca nova licitación do servizo, e noutra con actuacións encamiñadas á unificación da xestión, dos criterios e do procedemento, así como para reorganizar o departamento de Servizos Sociais co obxectivo de que este servizo sexa xestionado por un único técnico municipal. Isto permitiu unificar criterios, modernizar o servizo e a súa xestión e asumir un forte incremento de horas para poder prestar o servizo a un maior número de usuarios/as”.
Obxectivos do servizo de axuda no fogar
Na maior parte dos casos a través do Servizo de Axuda no Fogar aténdese a persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato, así como fogares con menores, cando se observa a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Os obxectivos básicos do servizo de axuda no fogar son: mellorar a calidade de vida das persoas usuarias; posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual; favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio; manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social; previr situacións de dependencia ou exclusión social; e retardar ou evitar a institucionalización.
Para dar cumprimento a estes obxectivos poden prestarse, entre outras, tarefas de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria (aseo, levantarse e deitarse, control do réxime alimentario, axuda e control da medicación prescrita,...) ou na realización doutras tarefas da vida diaria (acompañamento a consultas ou tratamentos, apoio psicosocial,...). Existe unha oficina nos servizo sociais do Concello para a xestión deste programa que atende á veciñanza de luns a venres, en horario de 09:00 a 13:30 horas, ou no correo electrónico saf@concellodeames.gal.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames aproveita o reforzo de horas para a Axuda no fogar"
Compostela 24 horas: "Ames volve a reforzar o servizo de axuda no fogar cun novo incremento de 5.030 horas"