Pestanas principais

Instalarase un novo paso de peóns e novos semáforos na avenida de Rosalía de Castro para mellorar a seguridade viaria na N-550 ao seu paso polo Milladoiro

Sábado, 27 de outubro de 2018

[27-10-2018] Durante o mes de novembro executaranse as obras do proxecto de mellora da seguridade viaria na rúa Viorneira e na avenida de Rosalía de Castro do Milladoiro. A través deste plan vanse a instalar dous semáforos e un paso de peóns adaptado, que parta da rúa Viorneira e atravese a avenida de Rosalía de Castro. Búscase mellorar a seguridade na N-550 e facilitar o cruce desta avenida, xa que son moitos os veciños e veciñas que cruzan por ese punto e poñen en risco a súa seguridade. A maiores preténdese habilitar un novo cruce e conectar os dous lados da avenida Rosalía de Castro, á altura da rúa Viorneira, unha zona eminentemente comercial. Esta actuación será realizada con fondos propios municipais e ten un custo de 32.192 euros.

Humanización da avenida de Rosalía de Castro
Por outra banda, a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia vén de trasladarlle ao Concello de Ames que limitará o paso dos vehículos pesados, con MMA maior a 30 toneladas, pola avenida de Rosalía de Castro, polo que terán que desviarse a estrada SC-20 (á altura da gasolinera), cara a autoestrada AG-56 e polo corredor AC-522, ata a rotonda de As Galanas, situada na N-550. Esta mediada permitirá desviar o tránsito de entre 250 e 300 vehículos pesados de máis de 30 toneladas que pasan diariamente polo tramo urbano do Milladoiro. Esta medida tamén permitirá humanizar un pouco máis esta localidade amesá. "Esperamos que coa nova sinalización e o novo semáforo haxa máis vehículos que tomen o novo desvío alternativo e se reduza en maior cantidade o tráfico rodado polo Milladoiro" apunta o concelleiro.

Esta actuación chega despois da reunión mantida a finais do pasado mes de xuño, na Delegación Territorial da Coruña, co delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, e co xefe do servizo de infraestruturas da Coruña, Felipe de la Vega. Neste encontro trasladouse a vontade da Xunta de colaborar en todas as medidas que decidan adoptar Ministerio de Fomento e Concello e asumir os gastos ocasionados polo desvío do tráfico pola vía autonómica. E, foi fundamental para a consecución da posta en marcha da nova alternativa a xuntanza mantida a principios do mes de setembro entre o alcalde de Ames, José Miñones, e a Subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, e o o xefe da Demarcación de Estradas de Galicia, Ángel del Río, na que se estudaron as posibles alternativas ao importante problema de tráfico existente no Milladoiro.

O Concello de Ames ten solicitada unha xuntanza no Ministerio de Fomento que se realizará no vindeiro mes de novembro.

Asemade, o Ministerio de Fomento elaborou un estudo técnico para modificar a sinalización existente. Dito informe foi enviado aos concellos de Ames e Teo para que estuden a proposta. Deste xeito, proximamente farase efectiva unha das reclamacións feitas pola Corporación municipal e maila Plataforma veciñal N-550.

A instalación dos semáforos e os pasos de peóns obxecto desta intervención está situada na avenida Rosalía de Castro (N-550), á altura do cruzamento coa rúa Seidón e do cruzamento coa rúa Viorneira, situada en Milladoiro. Para iso crearase unha zona peonil no cruzamento da rúa Seidón coa avenida Rosalía de Castro, colocando un semáforo e un paso de peóns que comunicará co outro lado da estrada, onde se colocará outro semáforo. Para realizar esta intervención é necesario actuar na mediana da estrada, demolendo a parte da mesma que coincida co novo paso de peóns.

Modificaranse tamén as beirarrúas da que parte e á que chega o paso de peóns creando unha pequena rampla de acceso para que se poida utilizar o paso de peóns de forma accesible. As arquetas existentes nas que sexa necesario modificaranse á nova cota do pavimento que se vai a xerar no cruzamento da rúa Seidón e a avenida Rosalía de Castro. Realizaranse todas as obras e instalacións necesarias para a colocación e funcionamento dos semáforos previstos nesta actuación. A superficie de actuación é de aproximadamente de 195 metros cadrados.

Esta obra poderá executarse despois de solicitar a correspondente autorización ao Ministerio de Fomento. Para elo houbo que falar co Ministerio e solicitar a pertinente autorización, ao ser a N-550 unha estrada dependente do Estado. Unha vez redactado e deseñado o proxecto, foi enviado a Fomento para que teñan constancia da actuación e dos prazos de dita obra. O proxecto foi redactado polo arquitecto amesán, David Fernández.

A través desta actuación preténdese ir humanizando a avenida de Rosalía de Castro e diminuír o tráfico rodado no centro da localidade do Milladoiro. Dende hai máis de 20 anos os veciños/as do Milladoiro levan pedindo unha solución para esta vía que atravesa esta localidade amesá en dúas partes, cun denso tráfico, e cunha media de 30.000 vehículos diarios, que xeran problemas de seguridade viaria e peonil. Esta actuación, en concreto, foi solicitada tamén pola Asociación de Pequenos Comerciantes de Viorneira, Palmira-Bulebar.

O concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, explicou que esta actuación é unha vella reclamación da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar. “A actuación que se vai executar consiste en instalar un novo paso de peóns e dous semáforos, un cada sentido sentido de circulación. Para iso haberá que cortar a mediana que separa a avenida Rosalía de Castro. Ademais, vaise a reforzar a seguridade viaria nesta zona dotando ao cruce de Rosalía de Castro coa rúa de Seidón dun pavimento diferente ao da estrada e eliminando a circulación de vehículos neste cruce. Deste xeito, só poderán saír por esta zona os veciños de dúas vivendas da rúa de Seidón, que están pegadas á Rosalía de Castro”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Milladoiro tendrá más pasos de peatones y más semáforos"