[27-10-2018] Para despedir o 2018 e recibir o vindeiro ano con enerxía, Rutas a Pie, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica e Turismo, ten preparados dous cursos aplicados á práctica do sendeirismo. Así, para o 10 e 11 de novembro organizase un curso de orientación, mentres que o 12 e o 13 de xaneiro realizarase outro de iniciación no manexo do GPS. Estas actividades terán lugar no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, en horario de 09:30h a 19:00 horas. As inscricións poden realizarse a través do enderezo de correo electrónico clubrutasapie@gmail.com, do perfil de Facebook da asociación Rutas a Pie ou dos números de teléfono 628 28 79 57.
A asociación Rutas a Pie, en colaboración co Concello de Ames, organiza dous cursos aplicados ao sendeirismo co obxectivo de facilitar ás persoas asistentes a aprendizaxe dun conxunto de técnicas que as preparen para deseñar e realizar as súas saídas á montaña de forma segura e con autonomía. Así, o primeiro en celebrarse será un curso de orientación, os días 10 e 11 de novembro, mentres que o segundo xirará en torno ao uso do GPS, e impartirase en xaneiro. Ámbalas dúas actividades desenvolverase no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, en horario de 09:30h a 13:30 horas e de 15:00h a 19:00 horas, e serán impartidas pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM).
Ao longo das dúas xornadas nas que se impartirá o curso de orientación, abordaranse contidos sobre a preparación de rutas, a orientación por medios naturais, a navegación básica e a introdución e orientación no uso de instrumentos como o compás, o mapa e o altímetro. Deste xeito, as persoas participantes obterán nocións de declinación magnética, acimut e rumbos, e coñecementos que lles permitirán ler e interpretar de forma correcta un mapa ou utilizar o compás e o sistema de G.P.S.
Curso de iniciación ao uso do GPS
Por outra banda, os días 12 e 13 de xaneiro impartirase un curso de iniciación ao uso do GPS, aplicado ao sendeirismo e ás rutas de montaña. O obxectivo desta iniciativa será o de facilitar aos asistentes o manexo básico, o coñecemento de utilidades do aparello e o seu potencial para a preparación de itinerarios, así como solucionar os problemas que poden xurdir no seu uso. Deste modo, estes coñecementos permitirán ao grupo realizar percorridos con GPS e mesmo servir de porta de acceso segura á realización de outras actividades de maior dificultade.
Os contidos que se abordarán xirarán, polo tanto, arredor do manexo básico e a configuración deste aparello, da utilización de planos 1:25000 e do track e o waypoint como toma de referencia. Asemade, tamén servirá como unha primeira toma de contacto coa descarga de datos no ordenador e programas como o Base Camp, o Ozi Explorer, Google Maps e outros recursos na web. Tamén fará fincapé en como planificar rutas no ordenador e, por último, farase unha comprobación sobre o terreo de todo o aprendido.
Tramitación das inscricións
As persoas interesadas en inscribirse ou en obter máis información sobre estas actividades pódeno facer a través do enderezo de correo electrónico clubrutasapie@gmail.com, do perfil de Facebook da asociación, Rutas a Pie, ou dos números de teléfono 628 28 79 57. O prezo para o curso de orientación é de 55 euros por persoa, mentres que o de iniciación no uso do GPS son 50 euros.
O número de prazas para cada unha das actividades estará limitado a 10-12, con preferencia para os socios do club. Ao remate do curso, entregarase un certificado acreditativo emitido pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM), entidade encargada de impartir a formación xunto coa Federación Galega de Montañismo (FGM).
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, anima á veciñanza amesá a participar nestes cursos e tamén a coñecer o club Rutas a Pie e todas as súas actividades que son moitas o longo de todo ano. 
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames colabora con Rutas a pie para organizar dous cursos de sendeirismo "
La Voz de Galicia: "Rutas a Pie organiza cursos de orientación y uso del sistema GPS"




