[23-11-2018] Este xoves, 22 de novembro, realizouse un pleno extraordinario no que se aprobou por maioría o suplemento de crédito 3/2018, por valor de 414.610 euros, financiado con baixas por anulación, e maila terceira prórroga polo prazo dun ano do contrato asinado con Urbaser SA. Asemade, aprobouse por unanimidade a revisión ordinaria con Urbaser correspondente ao exercicio 2018; o proxecto corrixido para a cubrición do parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns; e o cambio de periodicidade da rendición de información trimestral ao pleno sobre o estado de execución do Orzamento e dos movementos de tesourería. Os concelleiros e concelleiras da Corporación municipal acudiron ao Pleno coas camisetas da campaña Ames en Negro, que se enmarca dentro das actividades do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, que se celebra este domingo, 25 de novembro.
Proxecto de cubrición do parque infantil da praza de Chavián
No pleno ordinario de decembro de 2017 aprobouse a participación no POS 2018, incluíndo entre as actuacións a realizar as contidas no proxecto técnico de “Instalación e cubrición de area de xogos, ordenación e implantación de elementos no parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns”. Ao realizarse a supervisión técnica do proxecto detectouse a necesidade de realizar correccións de tipo técnico de pequena importancia e que non alteran substancialmente o proxecto nin modifican o seu orzamento. A continuación, mediante decreto da alcaldía, por razóns de urxencia, prestouse aprobación ao proxecto modificado, quedando pendente a ratificación por parte do Pleno, algo que se aprobou por unanimidade este xoves.
Por último, aprobouse, tamén por unanimidade, a proposta de cambio de rendición de información trimestral sobre o estado de execución do Orzamento e dos movementos de tesourería, por operacións orzamentarias independentes e auxiliares do orzamento e da súa situación, para os meses febreiro, maio, agosto e novembro. Así, remitirase pola Intervención ao Pleno no mes seguinte da súa remisión ao Ministerio de Facenda, a través da Oficina Virtual de coordinación financeira coas entidades locais.

Un dos puntos que se aprobou no pleno extraordinario deste xoves foi o suplemento de crédito 3/2018, financiado con baixas por anulación, por valor de 414.610 euros. Chegado o remate do ano, existen saldos de crédito en numerosas aplicacións orzamentarias, mentres que noutras sucede exactamente o contrario: existen gastos xa efectuados que precisan ser aprobados ou gastos que é necesario realizar ou comprometer antes do remate do exercicio, pero que non contan co respaldo necesario no orzamento vixente.
Deste xeito, é necesario realizar un suplemento de crédito, que é financiado con baixas por anulacións de crédito en aplicacións do orzamento non comprometidas, para executar outras actuacións como as obras de rehabilitación de Ponte Cabirta ou facer unha achega municipal ao convenio coa Deputación Provincial para as obras de substitución céspede sintético no campo de fútbol de Bertamiráns. Así mesmo existen certas actuacións que é necesario acometer antes de finalizar o exercicio como o caso do arranxo da cuberta na Escola municipal de O Bosque e actuacións en parques ou vías públicas en mal estado. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno, mentres que os concelleiros e concelleiras do Partido Popular, Ames Novo e Pacto por Ames, abstivéronse.
En segundo lugar, aprobouse por unanimidade a revisión ordinaria de Urbaser correspondente ao exercicio 2018. O pasado 19 de outubro de 2018 a empresa concesionaria do servizo de limpeza solicitou a revisión de prezos para o exercicio 2018 do canon principal. O coeficiente de actualización proposto para este período de revisión é de 1,1599% polo que o prezo do contrato do canon principal pasaría a ser no 2018 de 651.204,97 euros, IVE incluído. Ademais, durante o ao 2018, xéranse atrasos debido á actualización do canon, tanto o principal como a ampliación. O importe dos atrasos ascende a 538,63 euros máis IVE mensuais. O importe dos atrasos facturarase pola empresa concesionaria, de forma independente á facturación mensual.
Ademais, aprobouse a terceira prórroga, polo prazo dun ano, do contrato asinado con Urbaser S.A. para a xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo do Concello de Ames. Neste caso, este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno e Ames Novo, mentres que os concelleiros e concelleiras do Partido Popular e Pacto por Ames, abstivéronse.
Cómpre lembrar que no pleno ordinario de marzo de 2016 aprobouse a primeira modificación do contrato asinado con dita empresa e que afecta ó réxime de prórroga previsto na cláusula segunda do contrato, de tal forma que respectando a duración máxima de prórroga de 10 anos as mesmas serán acordadas ano a ano ata un máximo de 10 anos. No pleno de setembro de 2016 acordouse a primeira prórroga polo prazo dun ano e na sesión plenaria de outubro de 2017 aprobouse a segunda prórroga por outro ano, que abranguía ata o 14 de xaneiro de 2019. Agora, apróbase a terceira prórroga do contrato polo prazo dun ano, a contar dende o 15 de xaneiro de 2019 e ata o 14 de xaneiro de 2020.
Contido relacionado

Lindeiros: "Pleno extraordinario en Ames para ordenar as partidas orzamentarias "
Compostela 24 horas: "O pleno aproba un suplemento de crédito por valor de 414.610 euros"




