Pestanas principais

Última semana de inscrición para optar ao Premio Lingua e Empresa do Concello de Ames

Domingo, 25 de novembro de 2018

[25-11-2018] As empresas con sede social ou centro de actividade no concello de Ames que empreguen o galego na súa actividade empresarial poderán ser recoñecidas co Premio Lingua e Empresa. Optarán a este recoñecemento, impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística e o departamento de Promoción Económica de Ames, todas as empresas que sexan propostas ata o 30 de novembro por calquera persoa, entidade ou a propia empresa. O gañador do premio, dotado de 2.500 euros e unha campaña de difusión na Radio Municipal de Ames, farase público entre o 15 e o 20 de decembro.


O I Premio Lingua e Empresa nace impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística e o departamento de Promoción Económica de Ames, co obxectivo de recoñecer de xeito público a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego no ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames. Por este motivo, poderán optar a este premio todas as empresas con sede social ou centro de actividade en Ames que empreguen o galego nalgunha ou en todas as súas actividades, e que, ademais, estean ao corrente nas obrigas tributarias coa Seguridade Social e co Concello de Ames.

Para presentar unha candidatura é necesario que unha persoa, entidade ou a propia empresa entregue cuberta, de xeito presencial ou telemático, a ficha dispoñible baixo a pestana de descargas desta nova antes do venres 30 de novembro. Os lugares habilitados para a presentación de xeito presencial no Concello de Ames son a Oficina de Rexistro Xeral, en Bertamiráns, e a Oficina de rexistro auxiliar do Milladoiro, de luns a venres en horario de 9.00 á 14.00h.

Outra opción é presentar as solicitudes polo Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na sede electrónica do Concello (https://sede.concellodeames.gal/es/). Igualmente poderá presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se pode acceder desde o enlace dispoñible na sede electrónica do Concello de Ames.

A resolución do premio darase a coñecer de maneira pública entre o 15 e o 20 de decembro de 2018. Este recoñecemento irá acompañado dunha dotación económica de 2.500 euros, ademais dunha campaña de difusión da empresa gañadora na Radio Municipal de Ames. Asemade, as empresas premiadas poderán mencionar na súa comunicación a obtención desta distinción e mesmo incluíla na súa publicidade ou papelería.

Requisitos para participar no I Premio Lingua e Empresa de Ames
Entre as candidaturas valoraranse positivamente aquelas que usen a lingua galega na súa actividade, tanto no referente á comunicación externa como á interna. Así, terase en conta o uso da lingua galega en ferramentas como páxina web, redes sociais, servizos e atención ao cliente ou comunicación e campañas publicitarias/promocionais do establecemento empresarial. Asemade, valorarase tamén de forma positiva o uso do galego na comunicación interna da empresa, na comunicación co persoal ou entre os departamentos, a existencia de normas de usos lingüísticos que fomenten o uso do galego e a diversidade lingüística, ou calquera outro mérito que a propia empresa queira salientar.

Por outra banda, tamén puntuará positivamente o impacto que a actividade da empresa poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística. Para a comprobación destes méritos, as empresas candidatas deberán indicar os enlaces de información correspondente, así como achegar materiais impresos e facilitarlle ao Concello de Ames toda a formación que se lles requira sobre os usos lingüísticos na súa comunicación externa ou interna ou sobre a veracidade dos datos achegados na candidatura.

Os interesados en recibir máis información poderán contactar co Servizo de Normalización Lingüística, a través do teléfono 662 377 215 ou enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, ou co departamento de Promoción Económica, a través do correo electrónico jorge.counago@concellodeames.gal e do número de teléfono 981 883 002 (extensión 2010).