[24-11-2018] O goberno municipal vén de aprobar en Xunta de Goberno Local que o sobrante por baixas de licitación no POS+ 2017, que ascende a 154.148,21 euros, sexa investido no proxecto de cubrición da área de xogos do parque infantil de Agro da Vella, situado no Milladoiro. O Concello de Ames porá 36.245,39 euros, para completar o orzamento total do proxecto que ascende a 190.393,60 euros. Dito sobrante só se pode destinar ao financiamento dos investimentos financeiramente sostibles aprobados no plan complementario POS+ 2018 e non incluídos no POS Adicional 1/2018.
Licitación do servizo de mantemento dos parques infantís
Por outra banda, dende o goberno municipal indican que están traballando para sacar a licitación o servizo de mantemento de todos os parques infantís municipais, así como dos parques biosaudables.
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “a cubrición de dous parques infantís, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro, é un dos obxectivos marcados polo goberno municipal dende o inicio do mandato en 2015. Agora poderase levar a cabo grazas ao financiamento da Deputación da Coruña”.
Blas García tamén indica “somos conscientes que o servizo de mantemento dos parques infantís non pode ser asumido por parte do persoal municipal, polo que estamos traballando para sacar este servizo a concurso. Nos últimos meses estes traballos xa están sendo asumidos por unha empresa externa. O obxectivo é manter estas instalacións nas mellores condicións posibles”.
O pasado 23 de outubro a Deputación Provincial da Coruña comunicoulle ao Concello de Ames que debía elaborar o POS+ adicional 2/2018, para reinvestir a contía sobrante por baixas nos procesos de licitación dos proxectos incluídos no POS+ 2017. Dito sobrante só se pode dedicar a proxectos xa incluídos e aprobados no plan complementario POS+ 2018, que non foran financiados con cargo ao POS+ Adicional 1/2018 xa aprobado. Deste xeito, o goberno municipal decide dedicar ese importe sobrante, que ascende a 154.148,21 euros, a executar o proxecto de cubrición da área de xogos do parque infantil de Agro da Vella, situado no Milladoiro. O Concello de Ames porá 36.245,39 euros, para completar o orzamento total do proxecto que ascende a 190.393,60 euros.
Dito proxecto executarse no parque infantil da praza que está situada entre a rúa Agro da vella, a rúa Palmeiras, a rúa Agro do Medio e a avenida Muíño Vello. Os traballos que se desenvolverán consisten en cubrir a área de xogos, que abrangue unha superficie de preto de 400 metros cadrados, coa implantación dunha estrutura metálica porticada lixeira. Esta estrutura cubrirase mediante unha malla téxtil semitransparente lixeira que garante o uso da zona cuberta nas estacións de choiva e secas, e tanto nos períodos de iluminación diúrna como nocturna. A totalidade da intervención, que vén sendo a implantación de 14 piares e a execución do sumidoiro perimetral de recollida das augas pluviais, acada unha superficie de intervención construtiva sobre o ámbito de 512,70 metros cadrados.
Ademais, vaise a cubrir outro parque infantil en Bertamiráns. Neste caso o que está situado na praza de Chavián. Este proxecto, que está incluído dentro do POS+ 2018, ten un orzamento de licitación de 189.775,83 euros.




