Pestanas principais

Abre o prazo para participar na convocatoria de axudas para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social levadas a cabo por entidades de iniciativa social

Venres, 23 de novembro de 2018

[23-11-2018] A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 15 de novembro as convocatorias de axudas para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social levadas a cabo por entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro durante o exercicio de 2018. Hoxe, 23 de novembro, ditas bases saen publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP). O prazo para presentar as solicitudes é dun mes, a contar desde o día seguinte da publicación destas bases no BOP. En caso de terminar nun día inhábil, este prazo entenderase estendido ata o inmediato hábil seguinte. As solicitudes, xunto co resto da documentación, presentarase no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames, o na sede electrónica do Concello (https://sede.concellodeames.gal/es/). Igualmente poderá presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se pode acceder desde o enlace dispoñible na sede electrónica do Concello de Ames.

Estas axudas estarán dotadas dunha contía máxima de 40.531,73 euros, ás que poderán optar todas as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro legalmente constituídas, que realicen actividades complementarias aos Servizos Sociais comunitarios e que desenvolvan a súa actuación, entre outros ámbitos, no Concello de Ames. Así, estas entidades deberán estar inscritas no Rexistro de asociacións da Xunta de Galicia e atoparse ao corrente no cumprimento de todas as súas obrigas tributarias. Asemade, as entidades solicitantes non poderán ter pendente de xustificación ningunha axuda anterior do Concello, a non ser que lle fora concedida unha prórroga.

En canto ás liñas de actuación subvencionables, serán aquelas complementarias dos Servizos Sociais municipais, como é o caso de proxectos de inclusión social ou de convivencia, actividades de divulgación dos efectos de determinadas enfermidades, adiccións ou outras problemáticas de índole sanitarios, e actuacións destinadas a adquirir capacitación persoal, formación básica e de tipo laboral específica, adaptadas ás necesidades de persoas con algún tipo de discapacidade.

Así, os gastos que poderán ser subvencionados ata nun 80% do orzamento total serán os gastos de persoal necesarios para a execución destas actuacións, os gastos correntes consumibles non amortizables necesarios para a realización da actividade, incluídos gastos de suministros pero non os de aluguer dos locais utilizados para o seu desenvolvemento; ou gastos de axudas económicas directas a persoas usuarias dos Servizos Sociais comunitarios, destinadas á cobertura de necesidades urxentes ou de emerxencia social para satisfacer necesidades primarias. O importe individual das achegas concedidas non poden superar os 7.500 euros por proxecto de actuación, cun máximo de tres proxectos por entidade.

Os obxectivos desta liña de axudas son procurar unha óptima atención complementaria ás e aos usuarios/as dos Servizos Sociais, mediante a cofinanciacións das actividades levadas a cabo por entidades de iniciativa social no ámbito dos servizos comunitarios e da inclusión social. A través destas axudas búscase formular un instrumento único que dea cabida a todas as iniciativas que neste ámbito competencial son desenvolvidas por entidades desta natureza, facilitándose así unha máis efectiva coordinación entre os dispositivos existentes. Ademais, tamén se pretende unificar programas e actividades que, aínda que comparten obxectivo cos realizados no ámbito municipal, non comparten a mesma natureza en canto aos responsables da súa xestión.

Presentación de solicitudes
As solicitudes, xunto co resto da documentación, presentarase no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames, o na sede electrónica do Concello (https://sede.concellodeames.gal/es/). Igualmente poderá presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se pode acceder desde o enlace dispoñible na sede electrónica do Concello de Ames. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

O prazo para presentar as solicitudes é dun mes, a contar desde o día seguinte da publicación destas bases no BOP. En caso de terminar nun día inhábil, este prazo entenderase estendido ata o inmediato hábil seguinte. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 941 ou 981 890 964 ou enviar un correo electrónico aos enderezos servizos_sociaismilla@concellodeames.gal servizos_sociaisberta@concellodeames.gal.

Contido relacionado


Lindeiros: "Ames abre as axudas a entidades de iniciativa social para o presente ano "