Avisos
Mércores, 22 abril, 2026
A partir do luns, 27 de abril, estará operativo por completo o carril bici da N-550 ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro.
Martes, 21 abril, 2026
Desde onte, 20 de abril, e ata o 4 de maio de 2026 está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación Xuño Lúdico, que este ano se desenvolverá do 22 ao 30 de xuño. Poderán participar aquelas familias empadroadas no Concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou en primaria, e que teñan a necesidade de conciliar. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns).
Martes, 21 abril, 2026
No marco das actividades de dinamización do mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, este sábado 25 de abril, organízase unha nova xornada do Club tixolas, un club de cociña dirixido a nenos/as de 6 a 12 anos que se desenvolve o derradeiro sábado de cada mes. Con esta iniciativa, búscase que os máis pequenos teñan un primeiro contacto co mundo culinario e que aprendan a realizar receitas con produtos frescos de proximidade e de temporada.
Martes, 21 abril, 2026
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) informa no boletín 155/71 GAL emitido o día 21/04/2026 ás 08:51 horas dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel AMARELO por TORMENTAS que afectará A CORUÑA (Noroeste, Interior), LUGO (A Mariña, Centro), OURENSE (Noroeste) e PONTEVEDRA (Interior) que se iniciará a primeiras horas da tarde do día 21/04/26, prolongándose ata a posterior madrugada.
Venres, 17 abril, 2026
Premendo nas ligazóns que están ao pé deste aviso pódense obter os menús dos comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas (almorzos, xantares e merendas). Estes menús foron elaborados pola nutricionista municipal do Concello de Ames.
Venres, 17 abril, 2026
Premendo na ligazón que está ao pé deste aviso pódese obter o menú das escolas infantís municipais de Ames. Este menú foi elaborado pola nutricionista municipal do Concello de Ames.
Xoves, 16 abril, 2026
No marco das actividades de dinamización do mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, este sábado 18 de abril organízase unha degustación de tapas en catro locais hostaleiros de Ames, que serán elaboradas con produtos do mercado de horta e artesanía de Ames. Dita degustación ofrecerase no restaurante Onde Keiras, Ristorante Tivolino, Restaurante Mollos e Moios, e Café-Bar Terra.
Xoves, 16 abril, 2026
Desde o Servizo de Normalización Lingüística informan de que están esgotadas as prazas para a actividade Contos da Tribo, do programa Apego, que se vai a celebrar o xoves 23 de abril, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta sesión, dirixida por Cris de Caldas, combinará conto contado, formación e música en directo, e está dirixida a crianzas e persoas adultas.
Mércores, 15 abril, 2026
A explanada do pavillón de deportes de Bertamiráns acollerá este venres, 17 de abril, ás 17.30 horas, o festival de música infantil, Modo Galego, actívao! Trátase dunha festa coa que se pechará a cuarta edición deste programa que está organizado polo Concello de Ames e a Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia.
Venres, 10 abril, 2026
O Concello de Ames informa de que se modifica o horario da visita da unidade móbil de expedición do DNI e pasaporte prevista para o xoves, 16 de abril, á localidade de Bertamiráns. Deste xeito, prestará servizo en horario de 16.00 a 19.30 horas. Pódese solicitar cita para a visita de dita unidade durante os meses de maio e xuño.
- ‹ anterior
- 13 de 175
- seguinte ›




