Actualidade
[15-11-2017] A Xunta de Goberno Local, en sesión celebrada o día 9 de novembro de 2017 aprobou o prezo público correspondentes aos cursos de inglés básico e intermedio (PET) para o curso 2017/2018. En cumprimento do citado acordo, mediante o presente anuncio dáse conta da aprobación do prezo público, que é o que a continuación se indica:
[15-11-2017] O pasado luns 30 de outubro pechouse o prazo de recepción de pezas audiovisuais que optan a participar no Cinema Crianza, o primeiro festival internacional de cine infantil de Galicia, que terá lugar no Concello de Ames do 15 ao 17 de decembro do 2017. A organización recibiu preto de 2.500 propostas procedentes de 118 países dos cinco continentes. As 56 pezas seleccionadas presentarán viaxes sorprendentes que esperten nas cativas e cativos a vontade de explorar a realidade.
[15-11-2017] O Concello de Ames participa por segundo ano consecutivo na campaña “En negro contra as violencias”. Esta iniciativa busca poñer na axenda pública, con contundencia e para sempre, a loita para rematar con todos os tipos de violencia contra as mulleres en vésperas do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. Nesta edición participan 75 concellos galegos e 3.287 establecementos e axentes sociais. “Ames en Negro” é o nome da campaña que se desenvolverá no termo municipal amesá durante os días 23, 24, 25 e 26 de novembro. O obxectivo de tinguir durante estes días o concello de negro.
[15-11-2017] Xa non quedan prazas dispoñibles, en ningunha das sesións, para o obradoiro "Prende no Colo, que será impartido polo músico Luis Prego, o vindeiro 24 de novembro. Neste obradoiro, practicaranse diferentes cantigas, cantos de berce, xogos de dedos e recitados. Do mesmo xeito, iniciarase ás crianzas no ritmo e na melodía. Dirixido a familias con nenas e nenos, entre os 0 e os 3 anos, o obradoiro desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro, en dúas sesións: unha ás 18:00 horas e outra ás 19:00h.
[14-11-2017] O departamento de Persoal fai pública a resolución de Alcaldía para o nomeamento como funcionaria interina, ata a cobertura de vacante, dunha técnico de Secretaría pertencente a escala de Administración Xeral, subescala técnica, clase superior, subgrupo A1, do Concello de Ames. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a devandita resolución.
[14-11-2017] O departamento de Persoal achega, para a súa publicación, a resolución da Alcaldía para a contratación dun responsable da brigada de xestión e repoboación forestal do Concello de Ames e para a constitución dunha bolsa de traballo para este tipo de postos.
[14-11-2017] O departamento de Persoal achega, para a súa publicación, a resolución da Alcaldía para a contratación de dous peóns da brigada de xestión e repoboación forestal do Concello de Ames e para a constitución dunha bolsa de traballo para este tipo de postos.
[14-11-2017] A Aula da Natureza propón para este sábado, 18 de novembro, unha xornada completa centrada na micoloxía. Ao longo do día realizaranse unha charla de iniciación, unha saída de campo e un obradoiro de cultivo. A actividade ten prazas limitadas, polo que é preciso anotarse a través do enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal, enviando o formulario de inscrición, que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65, en horario de 9:00 a 14:00h. O prazo de inscrición remata o 17 de novembro.
[14-11-2017] Xa é posible inscribirse no Club de Debate deste curso 2017/2018. O Club de Debate é unha actividade de dinamización lingüística dirixida a mozas e mozos de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e de ciclos formativos. Os equipos que se inscriban teñen que ser mixtos e estar formados por entre 4 e 10 persoas. Haberá premios para os equipos gañadores das fases de zona e un premio final dunha viaxe en grupo. O prazo de inscrición rematará o próximo 30 de novembro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás atopar a ficha de inscrición de equipos.
[14-11-2017] Este martes, 14 de novembro, celebrouse unha comisión informativa extraordinaria e urxente previa ao pleno extraordinario de mañá. En dita comisión abordáronse tres temas de índole económica. Abordouse o suplemento de crédito 1/2017 de 40.559,96 euros, para a obra de ampliación do abastecemento de auga en Guimaráns e Quistiláns; a modificación do anexo de investimentos 2/2017 para recoller 13 actuacións que se executarán con cargo á partida orzamentaria de Orzamentos Participativos; e unha transferencia de crédito por valor de 251.407,21 euros para realizar varias obras municipais.
- ‹ anterior
- 721 de 1382
- seguinte ›