Pestanas principais

O prazo de inscrición de equipos para o Club de Debate permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de novembro

Martes, 14 de novembro de 2017

[14-11-2017] Xa é posible inscribirse no Club de Debate deste curso 2017/2018. O Club de Debate é unha actividade de dinamización lingüística dirixida a mozas e mozos de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e de ciclos formativos. Os equipos que se inscriban teñen que ser mixtos e estar formados por entre 4 e 10 persoas. Haberá premios para os equipos gañadores das fases de zona e un premio final dunha viaxe en grupo. O prazo de inscrición rematará o próximo 30 de novembro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás atopar a ficha de inscrición de equipos.


O Club de debate é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade, no que participan once concellos galegos, entre eles o de Ames, en colaboración cos centros de ensino secundario. O Club consta de varias fases de competición, comarcais e galega, polas que irán pasando o alumando após a realización dunha xornada formativa. A xornada terá como obxectivo orientar a práctica de habilidades comunicativas co fin de activar, motivar e ofrecer recursos para a mellora das intervencións públicas orais das mozas e mozos. Dirixido a rapazas e rapaces de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e de ciclos formativos, o Club de Debate establece que os equipos deben ser mixtos e deben estar compostos por un mínimo de 4 persoas e un máximo de 10, alén da preparadora ou preparador (persoal docente ou PAS).

A actividade consiste nun torneo por equipos, no que os debates se producen dous a dous, tendo cada equipo que preparar e defender as dúas posicións respecto ao tema proposto – a favor e en contra-. Os equipos gañadores de cada zona, competirán na final cos procedentes doutras áreas. O Club de Debate ten como obxectivo favorecer o uso do galego oral en contextos formais, os propios debates, e informais, a convivencia que se xera entre o alumnado. De igual maneira, tamén teñen unha importancia chave no deseño do programa cuestións como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte a diversidade de opinións e do traballo en equipo. O desenvolvemento das habilidades comunicativas, da oratoria e das técnicas de documentación sobre diferentes temas tamén son eixos fundamentais do Club de Debate.

O club de debate iniciarase no vindeiro mes de xaneiro co envío de propostas de temas para as fases de zona e coa realización dunha xornada de formación, á que terán que asistir os membros dos equipos inscritos. Os debates da primeira fase, comarcal, desenvolveranse en marzo. No mes de maio, producíranse os debates da fase final. A fase comarcal contará con dous premios, un de 500€ para o equipo gañador e outro de 300€ para o equipo que acade o segundo posto. A fase final entregará un premio dunha viaxe multiaventura dunha fin de semana para 20 persoas, na que se incluirán contidos culturais e lingüísticos.

Inscricións dos centros de ensino
A inscrición esta aberta para os centros de educación secundaria do Concello de Ames. A ficha de inscrición – que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova – deberá ser entregada ou enviada ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. A ficha ten que incluír os datos do centro de ensino, a composición de cada equipo cos datos persoais de cada moza e mozo membro, os datos e a relación co centro da persoa preparadora e a sinatura e o selo da dirección do centro, que acrediten que as persoas membro de cada equipo están matriculadas. O prazo de inscrición remata o próximo 30 de novembro.