Pestanas principais

Ames volve a tinguirse de negro coa campaña “En negro contra as violencias”

Mércores, 15 de novembro de 2017

[15-11-2017] O Concello de Ames participa por segundo ano consecutivo na campaña “En negro contra as violencias”. Esta iniciativa busca poñer na axenda pública, con contundencia e para sempre, a loita para rematar con todos os tipos de violencia contra as mulleres en vésperas do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. Nesta edición participan 75 concellos galegos e 3.287 establecementos e axentes sociais. “Ames en Negro” é o nome da campaña que se desenvolverá no termo municipal amesá durante os días 23, 24, 25 e 26 de novembro. O obxectivo de tinguir durante estes días o concello de negro.

Por segundo ano consecutivo o Concello de Ames participa na campaña En negro contra as violencias. Ames en Negro é o nome da campaña que se desenvolverá no termo municipal amesá. A través da iniciativa Ames en negro proponse vestir de loito ao concello, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta a máis dura das súas consecuencias, a morte. Esta acción desenvolverase entre os días 23 e 26 de novembro.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, indica que “esta é unha campaña participativa na que o ano pasado sumou só no noso concello máis de 100 axentes sociais entre establecementos comerciais, bares, asociacións e clubs deportivos. Este ano xa somos 75 concellos e 3 Deputacións galegas (Lugo, Pontevedra e Coruña) e varias empresas confirmaron a súa participación a nivel galego como é o caso de El Corte Inglés, que edita o seu propio material; INDITEX, que edita na maior parte das liñas de negocio material propio; Gadisa que tamén conta con material propio en todos os supermercados; Viaqua, etc”.

Como se pode participar/colaborar?
Nesta campaña poden participar establecementos, centros educativos, asociacións, clubs deportivos, veciños e veciñas e persoal do Concello de Ames. Estes días persoal do Centro de Información á Muller (CIM) pasará polos establecementos adheridos á campaña o ano pasado, para deixaralles o material da campaña (cartaces, camisetas e paraugas). Aqueles establecementos que teñan o material do ano pasado tamén poden facer uso del.

Por outrabanda, os establecementos non adheridos á campaña do ano pasado e que queiran participar poden pasar a retirar o material polas oficinas de Servizos Sociais do Milladoiro ou de Bertamiráns. Ademais, aos centros educativos que queiran sumarse deixaralle nas súas dependencias mochilas, camisetas e cartaces. O mesmo sucede coas asociacións, clubs deportivos, etc, que queiran adherise a dita campaña. Todos eles teñen a súa disposición camisetas, que poderán recoller nas oficinas de Servizos Sociais, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns.

Por último, anímase á veciñanza amesá a participar nesta campaña tinguindo as fiestras das súas casas de negro (colgando roupas negras ou colocando cartaces) e ao persoal municipal lucindo as camisetas de Ames en Negro.

O material repartirase e función da demanda e as existencias. Tamén hai material editable que se pode descargar de xeito gratuíto na web: http://ennegrocontraasviolencias.gal/ e na seguinte ligazón: https://drive.google.com/drive/folders/0B0cU4LLGxBBmaXVfV0YxZEkwREU

Acto público o venres 24 de novembro
Ademais, este ano dende o Concello de Ames quérese simbolizar e visibilizar a repulsa de todo o Concello contra esta lacra facendo un acto público na praza do Concello, en Bertamiráns, que se celebrará o venres 24 de novembro, ás 13:00 horas, onde se repartirá diverso material (paraugas, mochilas, postais, etc), lerase un manifesto e abriranse os paraugas para tinguir a praza de negro. Convídase a toda a veciñanza a participar en dito acto.