Pestanas principais

Preto de 200 rapaces e rapazas están participando no Xuño Lúdico de Bertamiráns e do Milladoiro

Martes, 26 de xuño de 2018

[26-06-2018] Dende o pasado venres, 22 de xuño, estase desenvolvendo, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, o programa de conciliación Xuño Lúdico. Este ano as actividades están centradas en torno á integración e a diversidade, polo que as nenas e os nenos participantes traballarán conceptos como as diferenzas, o respecto a outras formas de vida, a convivencia, etc. O programa transcorrerá ata o próximo venres, 29 de xuño, en horario de 8.00h a 16.00 horas, con servizo de comedor dispoñible.

O pasado venres, 22 de xuño, comezou o programa de conciliación Xuño Lúdico, que se desenvolve ata o próximo venres, día 29 de xuño. En total, están inscritos 197 nenas e nenos, repartidos entre Bertamiráns e O Milladoiro. En Bertamiráns, a totalidade das e dos participantes, uns 97 rapaces, concéntranse no CEIP A Maía, mentres que no caso do Milladoiro, onde están inscritas 100 nenas e nenos, estes encóntranse divididos por idades: as e os máis pequenos desenvolven as actividades na Escola Infantil, mentres que os maiores de 6 anos, o fan entre a Casa da Cultura desta localidade.

As actividades, que ademais de lúdicas teñen un marcado carácter formativo, xiran, nesta edición, arredor da integración e da diversidade . O conto “3, 2, 1…” de Pepablo Patinho sérvelles aos nenos e nenas para crear a súa propia idea sobre a integración e a diversidade. Neste conto nárrase a relación que se establece entre un astronauta e unha alieníxena. As dinámicas que se levan a cabo favorecen que os nenos e nenas comecen a interiorizar o funcionamento e a importancia do diálogo a través do grupo. Coa axuda do grupo formúlanse preguntas para tratar de comprender os conceptos clave como: as diferenzas, o respecto a outras formas de vida, a convivencia…

A Viaxe Intergaláctica é o nome da temática deste Xuño Lúdico. Mediante a metáfora doutros planetas como outras culturas e formas de vida realízanse actividades como “habitantes do espazo exterior” na que os nenos e nenas, en pequenos grupos, crearán novos planetas no que os seus habitantes terán unha serie de diferenzas e similitudes coas nosas formas de vida que deberán explicar aos seus compañeiros e compañeiras respondendo ás preguntas que lles formulen: que comen?, a que xogan?, teñen fillos?, como?, respiran?, teñen familia?… Esta mesma actividade terá continuidade dándolle a volta, dividindo ao grupo en pequenos grupos que deberán facerse pasar por alieníxenas e formularlle preguntas aos “terrícolas” que están alí que deberán meditar e tratar de dar unha resposta consensuada.

A través da actividade “non estamos sos” tratarase de crear unha recompilación de xogos, cancións, linguas e tradicións doutras culturas coas achegas que os nenos e nenas poidan facer mediante a investigación, a información ou o coñecemento previo á que chamaremos “Interculturalipedia”. Tratarase de descubrir a orixe dos xogos que coñecemos e onde se xoga ou as súas variantes.

A través da obra “…cal é a miña cor?”, de Antoine Guilloppé, no que un neno trata de saber como é xa que para os galegos é árabe, para os árabes é galego.. a través do monicreque os nenos e nenas tratarán de darlle solución ás reflexións que ten sobre a súa identidade cultural, nacionalidade… desbotando prexuízos sobre a inmigración. Ademais das actividades temáticas tamén haberá unha serie de actividades que complementarán o desenvolvemento integral do grupo (dinámicas para espertar e de relaxación, xogos de lóxica, xogos cooperativos e espontáneos, etc).


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Cerca de 200 niños y niñas están participando en el Xuño Lúdico de Bertamiráns y del Milladoiro"