Pestanas principais

Organízase unha visita guiada nocturna ao petróglifo da Pedra da Nave de Mourigade en San Pedro de Bugallido

Mércores, 27 de xuño de 2018

[27-06-2018] O Colectivo a Rula e o Concello de Ames organizan para o sábado, 7 de xullo, unha visita guiada nocturna ao petróglifo da Pedra da Nave de Mourigade, no lugar de San Pedro de Bugallido. A visita está pensada para o público en xeral con interese na arte rupestre e nas manifestacións culturais da nosa prehistoria. Para participar da actividade é necesario inscribirse no correo electrónico colectivoarula@gmail.com. Ofértanse 50 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. A hora prevista para o inicio da visita serán ás 21.30 horas, para unha duración estimada de tres horas.


O petróglifo da Nave de Mourigade é unha das estacións máis interesantes do concello debido a súa peculiar localización e á tipoloxía de gravados xeométricos adaptados á morfoloxía da laxe. A visita será aproveitada para amosar ós visitantes un novo panel localizado polo Colectivo A Rula, aínda sen catalogar, e para explicar os diferentes paneis insculturados co apoio de iluminación artificial rasante que permitirá unha óptima visualización.

Se as condicións meteorolóxicas o permiten, aproveitarase a ocasión tamén para realizar unha observación astronómica. O Colectivo A Rula aportará un mínimo de 5 guías para a realización da actividade. Os participantes deberán acudir con roupa e calzado axeitados para andar polo monte e, de xeito opcional, cunha lanterna.

Tramitación das inscricións
Para participar da visita guiada nocturna ao petróglifo da Pedra da Nave de Mourigade será necesario inscribirse. Os interesados/as pódeno facer na dirección colectivoarula@gmail.com. Ofértanse un total de 50 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. O punto de encontro será o Centro Social de Bugallido, ás 21.30 horas, onde se desenvolverá unha pequena charla introdutoria sobre a arte rupestre do Concello de Ames.

De seguido, partirase cara a Pedra da Nave de Mourigade. A duración total da visita estímase en tres horas e, dependendo da visibilidade do ceo, poderase realizar unha actividade de iniciación á observación astronómica cunha duración aproximada de trinta minutos.

O Concello de Ames e o Colectivo a Rula teñen previsto desenvolver outra visita das mesmas características á área arqueolóxica de Monte Castelo en Ventosa, no mes de setembro.

Contido relacionado


Lindeiros: "Visita nocturna ao petróglifo da Pedra da Nave de Mourigade en San Pedro de Bugallido, Ames"