Pestanas principais

Inscríbete e participa na Foliada deste xoves, 28 de xuño, que estará dinamizada por Pablo Díaz e Olga Kirk

Luns, 25 de xuño de 2018

[25-06-2018] A vindeira Foliada con Apego será este xoves, 28 de xuño, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. A actividade, dirixida tanto a familias con crianzas como a calquera persoa á que lle guste a música tradicional, busca construír unha espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas. Para participar é preciso inscribirse previamente a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o número de participantes, os seus nome e apelidos, as idades e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo mércores, 27 de xuño.


Para abrir a programación de verán, o Concello de Ames organiza unha nova Foliada con Apego. Desta volta estará dinamizada polo músico e compositor Pablo Díaz e pola música Olga Kirk, compoñentes da exitosa banda Tic Tac, coa que realizan espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar.

A Foliada é unha ocasión para coñecerse, compartir, cantar, bailar e aprender cancións galegas no que as crianzas e as persoas que participen se irán introducindo no canto e no baile tradicional dun xeito espontáneo e natural. Quen toque algún instrumento tradicional pode traelo para axudar a facer festa, pero sobre todo, recoméndase vir con ganas de cantar, bailar, coñecer xente e, sobre todo, pasalo ben. Neste encontro búscase tamén promover o encontro interxeracional, por iso, ademais de a familias con cativos, a actividade ábrese a calquera persoa que lle guste a música e lle apeteza pasar un anaco cantando, tocando e bailando. A Foliada vai dirixida a familias con nenos/as, sen límite de idade, e pode acudir calquera persoa á que lle guste cantar e bailar. Será este xoves, 28 de xuño, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns entre as 18.00 h e as 20.00 horas.

As Foliadas con Apego xurdiron a partir dunha proposta realizada polas familias que fan parte do proxecto do “Apego” no Concello de Ames. O programa procura acompañar e apoiar ás familias na transmisión do galego ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, reforzando a identidade en relación á familia e ás súas raíces a través de xogos, contacontos, festas, xornadas de convivencia e outras actividades. O obxectivo das Foliadas con Apego é achegar a musica tradicional galega ás nenas e nenos, ao tempo que se promove un espazo de encontro e socialización en galego. En Ames, xa son máis de 130 as familias adheridas ao programa, que comezou a andar en setembro de 2016.

As persoas interesadas en participar na Foliada con Apego deberán inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal. No momento da inscrición, deberán indicar o número de persoas participantes, os seus nomes e apelidos e idade así como un teléfono de contacto. O prazo de inscrición rematará o 27 de xuño. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215. A entrada será de balde ata completar aforo.

Contido relacionado


Lindeiros: "Pablo Díaz e Olga Kirk na Foliada con Apego de Ames"
Compostela 24 horas: "Volve a Foliada con Apego este xoves 28 de xuño"