Actualidade
[08-01-2019] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o anuncio co resultado das alegacións presentadas á fase de oposición e a proposta dos aspirantes que formarán parte do proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de Administrativos do Concello de Ames. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito anuncio.
[08-01-2019] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o vindeiro sábado, 12 de xaneiro, ás 18.00h o Concerto de Nadal do Concello de Ames. O evento contará coa participación da Asociación Cultural Os Castros, AC Retranqueiros, AC Terras de Ames e AC Follas Novas, así como con actuacións dos grupos Maianas, Airiños do paseo de Colón e o gaiteiro Germán Vázquez Soneira.
[08-01-2019] Os 138 nenos e nenas que participaron nesta edición do Nadal Lúdico volven ao colexio despois de dúas semanas de actividades e diversión. O programa de conciliación rematou onte con música e baile, unha opción elixida polos cativos e cativas, que nesta edición realizaron diversas accións dirixidas a reforzar as súas habilidades de pensamento e linguaxe e a súa capacidade de decisión. O obxectivo deste Nadal Lúdico foi dotar aos pequenos e pequenas de ferramentas para analizar o seu entorno como cidadáns críticos.
[07-01-2019] Durante a Festa de Reis celebrada nos pavillóns de Bertamiráns e Milladoiro este sábado, déronse a coñecer os gañadores e gañadoras da cuarta edición do concurso Cartas de Nadal, celebrado no Concello de Ames. Os Reis Magos foron os encargados de dar a coñecer os nomes dos gañadores/as, así como de entregarlles un agasallo a cada un deles.
[07-01-2019] O goberno municipal presentou esta mañá na Praza do Concello de Bertamiráns os dous primeiros automóbiles ecolóxicos que entran a formar parte do conxunto de vehículos municipais, unha furgoneta eléctrica e outra híbrida de gas e gasolina. Á presentación asistiron José Miñones, alcalde de Ames, Blas García, concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, e Javier García, concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Con esta iniciativa, o goberno busca seguir traballando a favor dun modelo sostible, obxectivo que a finais de 2018 posibilitou a instalación de dous puntos de recarga para coches eléctricos.
[07-01-2019] Os cativos e cativas da casa poden gozar de novo das sesións de contacontos nos locais sociais das parroquias de Augapesada e Bugallido a partir desta tarde, 7 de xaneiro. A primeira sesión xirará en torno á lectura da obra de Blas Rueda Lola e as 21 vacas, que terá lugar esta tarde no local de Augapesada e mañá no de Bugallido.
[05-01-2019] Gaspar, Melchor e Baltasar pasaron hoxe por Ames para saudar as nenas e nenos do concello. Ás 17:00h e ás 18:00 horas, respectivamente, os Reis achegáronse ás Oficinas municipais do Milladoiro e á Casa do Concello de Bertamiráns para deixar a súa firma no libro municipal de sinaturas. Posteriormente, recorreron as rúas das dúas localidades nun vehículo antigo, acompañados dos seus paxes e heraldos. A súa chegada aos pavillóns municipais estivo marcada polo entusiasmo das máis cativas e cativos, os cales puideron desfrutar de espectáculos de maxia e de pompas. Nos 90 minutos que durou o recibimento real repartíronse caramelos sen glute, así como chocolate con rosca para merendar. Os Reis Magos tamén entregaron os premios do concurso de Cartas de Nadal.
[04-01-2019] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto de mellora de seis parques infantís por un importe de 24.240,83 euros, IVE incluído. Este proxecto, adxudicado á empresa Zona de Obra o Rosal S.L.U., está incluído no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+2018” da Deputación da Coruña. As obras suporán a mellora dos parques infantís de Cruxeiras, Covas, Trasmonte, do paseo fluvial de Bertamiráns, da Condomiña e da rúa Travesa do Milladoiro. Asemade, está aberta a fase de licitación para a cubrición dun parque infantil en Bertamiráns e outro no Milladoiro.
[04-01-2019] Os campos municipais de Bertamiráns e do Milladoiro acolleron o mércores e o xoves desta primeira semana de xaneiro a celebración do II Torneo de Nadal de Fútbol Concello de Ames. Os gañadores do campionato resultaron o equipo B do Bertamiráns FC na categoría infantil, o equipo A do BFC en alevín, a ED Xuventude Oroso en prebenxamín e o equipo D do BFC na categoría benxamín. A entrega de trofeos recaeu nas concelleiras amesás de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e de Participación, Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González.
[04-01-2019] Este sábado, 5 de xaneiro, celébrase a noite de Reis, unha das máis esperadas polos cativos e cativas. Por elo, as nenas e nenos amesás daranlle a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar cunha festa moi especial, que se desenvolverá nos pavillóns municipais do Milladoiro e Bertamiráns. Antes da súa chegada, os Reis Magos pasarán polas Oficinas municipais do Milladoiro e pola Casa do Concello de Bertamiráns para deixar a súa firma estampada no libro municipal de sinaturas. Posteriormente, percorrerán as rúas do Milladoiro e Bertamiráns ata os pavillóns municipais, ás 17:30 horas e ás 18:30 horas respectivamente. No recibimento aos Reis haberá chocolate con rosca para merendar.
- ‹ anterior
- 588 de 1382
- seguinte ›