[08-01-2019] Os 138 nenos e nenas que participaron nesta edición do Nadal Lúdico volven ao colexio despois de dúas semanas de actividades e diversión. O programa de conciliación rematou onte con música e baile, unha opción elixida polos cativos e cativas, que nesta edición realizaron diversas accións dirixidas a reforzar as súas habilidades de pensamento e linguaxe e a súa capacidade de decisión. O obxectivo deste Nadal Lúdico foi dotar aos pequenos e pequenas de ferramentas para analizar o seu entorno como cidadáns críticos.
Un total de 138 rapaces e rapazas do segundo ciclo de infantil e de educación primaria, 88 no Milladoiro e 50 en Bertamiráns, participaron nesta última edición do programa de conciliación Nadal Lúdico, que buscou axudar ás familias amesás a compatibilizar a vida laboral e familiar ofrecendo actividades para os pequenos/as durante as vacacións de Nadal. Os cativos e cativas puideron escoller mediante votación as actividades que se levaron a cabo para despedir o programa.
Esta nova edición estivo centrada no “Mundo miúdo”, polo que as cativas e cativos realizaron diversas actividades destinadas a exercitar o seu pensamento crítico, desenvolver o pensamento creativo e familiarizarse co pensamento ético no contexto da vida como sociedade. Así, buscouse que os pequenos/as desenvolvan o seu papel como cidadáns capaces de debater sobre calquera tema que os rodee, e de buscar solucións ao tempo que reflexionan de xeito ordenado e respectuoso cos demais.
Con este fío condutor, entre as actividades que realizaron estivo unha lectura dramatizada da obra “Galiña Azul”, na que os nenos e nenas se converteron na veciñanza da aldea pensada por Carlos Casares. A continuación, participaron nunha xincana de Participación Cidadá, na que tiveron que analizar o lugar onde viven a través dos seus ollos, sinalar os problemas que detectaron e buscar posibles solucións. Unha vez rematado, elaboraron maquetas nas que representaron as melloras que, segundo eles, poderían facerse no seu pobo para solucionar as deficiencias detectadas.
Por último, puxeron en práctica todas as súas capacidades de pensamento e linguaxe a través do deseño dunha campaña electoral, na que os pequenos expuxeron as súas solucións para mellorar a sociedade e defenderon a súa postura fronte ao resto de compañeiras/os. Todo elo alternado con xogo libre, no que se fomentou a relación do grupo, a liberdade de elección, e a autonomía á hora de escoller en que pasar o tempo libre, fomentando a creatividade e a imaxinación.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Adiós Nadal Lúdico, hola cole"
Compostela 24 horas: "Remata o Nadal Lúdico e comeza a volta ao cole"