[04-01-2019] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto de mellora de seis parques infantís por un importe de 24.240,83 euros, IVE incluído. Este proxecto, adxudicado á empresa Zona de Obra o Rosal S.L.U., está incluído no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+2018” da Deputación da Coruña. As obras suporán a mellora dos parques infantís de Cruxeiras, Covas, Trasmonte, do paseo fluvial de Bertamiráns, da Condomiña e da rúa Travesa do Milladoiro. Asemade, está aberta a fase de licitación para a cubrición dun parque infantil en Bertamiráns e outro no Milladoiro.
O proxecto contempla a restauración dun tramo do valado (lixado, pintado e tratamento) e a eliminación do resto que non sexa estritamente necesario no parque infantil de Cruxeiras. Ademais, procederase co descompactado do terreo xunto co aporte de árido necesario para cumprir co espesor requirido pola normativa.
En Covas, contémplase a substitución completa do valado do parque infantil, ademais do descompactado do pavimento de area co obxectivo de que cumpra a normativa en materia de seguridade fronte a impactos. Previamente será necesaria unha labor de desbroce e retirada de vexetación para poder realizar o fresado do pavimento de árido existente.
No parque infantil de Trasmonte será pertinente a restauración do valado, ademais de diferentes elementos de xogo para a súa correcta certificación. Procederase igualmente ao descompactado do terreo e ao desbrozado da vexetación, co obxectivo de levar a cabo o fresado do terreo. En canto á accesibilidade, procederase á formación dunha rampla para salvar a diferenza de nivel ca beirarrúa exterior. No paseo fluvial de Bertamiráns, as actuacións contempladas no parque serán a instalación do cartel informativo, ademais do subministro e instalación do valado de seguridade, formado por estrutura metálica e láminas de polietileno de diferentes cores.
No parque infantil da Condomiña levarase a cabo a restauración do valado, respectando a variedade cromática existente. Tamén se procederá á subministración e instalación dun novo cartel informativo. Por último, no parque infantil da rúa Travesa, no Milladoiro, reubicaranse os elementos de xogo existentes, co obxectivo de respectar as áreas de seguridade dos mesmos. Igualmente, procederase ao recrecido do pavimento tanto na área de seguridade do tobogán como na estrutura.
Servizo de mantemento dos parques infantís
Dende o goberno municipal estase a traballar para sacar a licitación o servizo de mantemento de todos os parques infantís municipais, así como dos parques biosaudables. Así, neste momento estanse a elaborar os pregos.
Cubrición de dous parques infantís
Asemade, neste momento encontrase en fase de licitación o proxecto de cubrición da área de xogos e maila implantación de novos elementos no parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns, por 189.775,83 euros, así como a cubrición da área de xogos do parque infantil de Agro da Vella, no Milladoiro, por 190.393,60 euros.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames contrata mejoras en seis parques infantiles por 24.240 euros"
El Correo Gallego: "Adxudicadas as obras de mellora en seis parques infantís de Ames "
Compostela 24 horas: "Ames adxudica a mellora de seis parques infantís por un importe de 24.240 euros"