Pestanas principais

Asínase un contrato entre o Concello de Ames e a Universidade de Vigo para elaborar o Plan Económico e Financeiro da Rede Municipal de Comedores Escolares

Sábado, 19 de xaneiro de 2019

[19-01-2019] As Concellarías de Educación e Cultura e Economía e Facenda, e mailo departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, asinaron o pasado decembro un contrato para elaborar o Plan Económico e Financeiro da Rede Municipal de Comedores Escolares. O obxectivo é que, a través da investigación do funcionamento dos comedores escolares do municipio dende 2015, se poida establecer un plan de viabilidade para os vindeiros cinco e dez anos, tendo en consideración o progresivo incremento de solicitudes do servizo.


Dende comezos de xaneiro, un equipo especializado pertencente ao departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo está a levar a cabo unha investigación para elaborar un Plan Económico e Financeiro da Rede Municipal de Comedores Escolares de Ames, tomando como referencia os datos do seu funcionamento dende o 2015. O contrato entre a Universidade de Vigo e o Concello ten unha duración de tres meses, que poderán prorrogarse outros tres meses no caso de ser necesario.

Así, a través deste estudio, non só se espera afondar no coñecemento da situación do servizo, senón tamén elaborar un plan de viabilidade de cara aos próximos cinco e dez anos anos. Para elo, estanse a estudar datos referentes á demografía do concello, a evolución do número de usuarios e solicitudes do servizo, ordenanzas, a situación económica e financeira, ou os aspectos nutricionais, entre outros. O obxectivo é obter un coñecemento integral dos comedores escolares para valorar a situación e marcar un itinerario de futuro.

Un estudo profundo da rede de comedores escolares municipais para coñecer as necesidades do servizo
Durante o 2018, a Rede Municipal de Comedores Escolares foi obxecto doutro estudo elaborado pola Universidade de Santiago, coa finalidade de concretar os perfís socioeconómicos e laborais das familias usuarias dos comedores escolares municipais, co obxectivo de revisar, sobre a base de datos reais e información detallada, o regulamento dos comedores escolares, dos programa lúdicos e da Escola de Verán de cara aos próximos cursos.

Dito informe, foi encargado pola Concellaría de Educación e Cultura a raíz do progresivo incremento das solicitudes na Rede Municipal de Comedores Escolares, especialmente acentuado neste curso 2018/2019, onde se rexistraron 1.018 renovacións para un total de 1.254 prazas dispoñibles. Neste curso accederon ao servizo por primeira vez máis de 200 novos usuarios/as. Dende o ano 2015 o Concello de Ames incrementou máis de 250 prazas de comedores escolares municipais.

Así, o contido afondou na caracterización espacial socioeconómica dos/as usuarios/as e familias da Rede de Comedores por cada centro escolar, que inclúe información detallada sobre a evolución demográfica e as migracións, niveis de renda e estrutura dos fogares, lugar de residencia e unha enquisa de valoración do servizo de comedores escolares municipais por parte dos usuarios/as entre outros aspectos.

Entre as principais achegas do informe destácase que un 80% dos usuarios/as da Rede Municipal de Comedores Escolares (catro de cada cinco) reside nos núcleos urbanos do concello, isto é en Bertamiráns ou O Milladoiro. No rural habitan un 12% dos/as usuarios/as, un 6% nas principais urbanizacións e un 2% noutro concello limítrofe con Ames. Asemade, máis do 90% dos usuarios/as utilizan o servizo de comedores cinco días á semana.

Por outra banda, dito informe realizou unha enquisa entre as familias usuarias dos comedores escolares sobre a valoración do servizo, na que acadou 4,53 puntos sobre 5 puntos ou, o que é o mesmo, o 92% das familias enquisadas mostraron estar moi satisfeitas co servizo municipal de comedores escolares. Recibíronse un total de 545 enquisas realizadas a 883 familias nos comedores do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Acordan facer o plan de viabilidade dos comedores escolares de Ames"
La Voz de Galicia: "Ames contrata la elaboración del plan financiero de la red de comedores"