Actualidade

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este xoves, 18 de xuño, ás 20.00 horas, un acto de recoñecemento a equipos e deportistas amesáns que destacaron ao longo da temporada 2025-2026. O alcalde, Blas García, e a concelleira de Deportes, Susana Señorís, foron os encargados de entregarlles un pequeno obsequio en recoñecemento dos éxitos logrados durante a tempada que vén de rematar. Os recoñecementos grupais foron para o Bertamiráns FC, Milladoiro SD, Ames Atletismo, o CB Ames e o CPA Omega. Ademais, os recoñecementos individuais foron para María Estévez, Mateo Riveiro, Miguel Bascoy, Mauro Vrhovski, Claudia Veiga, Hugo Vrhovski, María Peña, Inés Peña, Jorge Sanmartín, Lucía García, e os irmáns Olivia e Xoán David Parga.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, creou a Guía de Empresas de Ames, un proxecto que ten o obxectivo de ofrecer a empresarios e usuarios amesáns unha base de datos das empresas e do comercio local. Baixo o slogan “Localizar unha empresa en Ames agora é fácil” a Administración local achega o comercio local e hostalaría á veciñanza mediante esta plataforma dixital, que permite localizar empresas, comercios e locais de hostalería de maneira sinxela dende a rede. A dito aplicativo pódese acceder a través dun dos banners que están na cabeceira da web municipal e no apartado Atención cidadá, información e participación.

As nenas e nenos usuarias da Rede municipal de comedores escolares xantaron hoxe hamburguesa, de segundo prato, e xeado artesán de vainilla, de sobremesa, un menú elixido previamente nas eleccións feitas o pasado 4 de xuño. Nesta ocasión, por quinto ano consecutivo, impúxose a hamburguesa. O primeiro prato, puré de verduras, foi escollido pola nutricionista municipal. Este foi o vixésimo primeiro ano no que se celebraron estas peculiares eleccións nos comedores escolares.

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe, 18 de xuño, a adxudicación das obras de pavimentación dos viarios na aldea de Vilaverde, pertencente á parroquia de Piñeiro. O proxecto foi adxudicado á empresa Excavaciones Midón SL por un importe de 251.039,55 euros (IVE incluído). Este proxecto, que se sufraga con cargo á primeira fase do POS+ Adicional 2/2025, enmárcanse dentro do plan de arranxo e mellora das vías e camiños municipais.

O equipo de ciclismo de Ortoño Velostar Escola de Ciclismo vén de anunciar que o seu ciclista Uxío Fiuza está na lista de convocados da Selección Galega de Cicnlismo para disputar o Campionato de España escolar que se celebrará esta vindeira fin de semana, do 19 ao 21 de xuño, en Torrejón de Ardoz, Madrid.

Dende o 21 de abril ata o 16 de xuño, o Goberno municipal realizou unha rolda de visitas polas parroquias do municipio que se enmarcaron no programa de Encontros co Alcalde. O obxectivo foi explicar o traballo que se está realizando dende o Concello, aclarando as dúbidas da veciñanza sobre temas concretos e tomar nota das reclamacións e demandas. Ditas xuntanzas vanse retomar trala época estival, a partir do mes de setembro, con dúas novas xuntanzas nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro.

O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu un acto de recepción e recoñecemento ao alumnado e profesorado do IES do Milladoiro que vén de gañar a final do Club de Debate Alingua 2026, celebrada no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o pasado sábado 25 de abril. A través de dito recibimento púxose en valor o enxeño e capacidade de argumentación da mocidade, así como o seu desenvolvemento das destrezas orais en contextos formais e informais.

Co gallo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, o Concello de Ames, a través dos departamentos de Igualdade e Xuventude, prepara un feixe de actividades durante o venres 26 e o sábado 27 de xuño na explanada do pavillón municipal de Bertamiráns e no Paseo da Igualdade do Milladoiro. Deste xeito, o venres haberá diversos obradoiros temáticos, farase a entrega de premios do Concurso Fotográfico LGTBIQ+, e celebrarase a festa Holi Party. O sábado a acción pasará por outro obradoiro e un gran xogo colectivo.

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Turismo e Normalización Lingüística, organizou un ano máis esta ruta polo Mar de Ovellas, incluída na programación de Rosalía 2026. Deste xeito, 55 persoas participaron o pasado domingo, 7 de xuño, nesta andaina teatralizada polo grupo Os Quinquilláns e pola regueifeira Lupe Blanco. A ruta partiu de Augapesada e rematou no local social de Trasmonte cunha pequena festa con música e degustación de petiscos.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza para este sábado, 20 de xuño, unha xornada de iniciación ao piragüismo que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia entre as 11:30 e as 13:30 horas. A través desta actividade búscase que os amesáns e as amesás que o desexen poidan aprender a dominar esta embarcación. A xornada “Achégate ao piragüismo” consistirá nunha sesión de portas abertas á que poderán asistir todas aquelas persoas maiores de 8 anos interesadas nesta actividade, sempre e cando saiban nadar. Para participar nesta actividade gratuíta, que require inscrición previa a través do correo electrónico info@ribeirasdotambre.es, hai que levar traxe de baño, unha camiseta e chancletas.
- ‹ anterior
- 4 de 689
- seguinte ›




