- Tematica
Dende o 21 de abril ata o 16 de xuño, o Goberno municipal realizou unha rolda de visitas polas parroquias do municipio que se enmarcaron no programa de Encontros co Alcalde. O obxectivo foi explicar o traballo que se está realizando dende o Concello, aclarando as dúbidas da veciñanza sobre temas concretos e tomar nota das reclamacións e demandas. Ditas xuntanzas vanse retomar trala época estival, a partir do mes de setembro, con dúas novas xuntanzas nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro.
O Local social de Bugallido acolleu este pasado martes, 16 de xuño, a última xuntanza dos Encontros co Alcalde polo rural de 2026. Durante os meses de abril, maio e xuño, Blas García, xunto cos concelleiros e concelleiras do Goberno municipal, recorreu as parroquias do concello, nun exercicio de escoita que ten como obxectivo explicar a xestión municipal, recordar os servizos dos que dispón a veciñanza do concello de Ames e escoitar as reclamacións veciñais.
O alcalde, Blas García, puxo en valor a elevada asistencia aos encontros, cifrada entre todas as parroquias en aproximadamente 500 persoas: “Estamos contentos de que a xente estea interesada nos asuntos do concello. A nós tócanos gobernar e tomar decisións pero estas non teñen sentido se deixamos á veciñanza ao marxe”. O alcalde anunciou tamén que estes encontros continuarán á volta de vacacións nos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns por primeira vez: “Abriremos os auditorios para que toda aquela persoa que teña algo que dicir poida facelo libre e directamente”.
Encontros co Alcalde
Foron 11 encontros, un en cada parroquia do concello, nos que a veciñanza puido trasladar dúbidas e peticións sobre temas concretos. As xuntanzas no rural comezaron o pasado 21 de abril na Escola unitaria de Covas. A seguinte reunión, celebrada tamén no mes de abril, foi no Local social de Lens, o 28 de abril.
No mes de maio houbo outras seis xuntanzas: o mércores, 6 de maio, no Local social de Augapesada; o xoves, 7 de maio, no Local social de Trasmonte; o martes, 12 de maio, no Local social de Tapia; o martes, 19 de maio, no Local social da Ameixenda; o martes, 26 de maio, no Local social de Biduído; e o mércores, 27 de maio, no Local social de Agrón.
Por último, no mes de xuño realizáronse tres encontros máis: o martes, 2 de xuño, no Local social de Piñeiro; o xoves 4 de xuño, no Local social de Ortoño (A Tarroeira); e o martes 16 de xuño, no Local social de Bugallido.
Xuntanzas en Bertamiráns e O Milladoiro
Ditas xuntanzas vanse retomar trala época estival, a partir do mes de setembro, con dúas novas xuntanzas nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro. A estes dous encontros poderán asistir todos aqueles veciños e veciñas que así o desexen, para que poidan trasladar as súas dúbidas, queixas e demandas ao Goberno municipal.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Blas García retomará en septiembre los «Encontros co alcalde» en los núcleos urbanos"






















