Actualidade

Coa chegada das vacacións de verán, a Concellaría de Educación de Ames puxo en marcha o programa de conciliación Xuño Lúdico, no que está a participar rapazada do segundo ciclo de infantil e de educación primaria entre o 22 e o 30 de xuño. En total, o Xuño Lúdico acolle a 160 nenas e nenos, que están repartidos do seguinte xeito: 72 no CEIP da Maía, de Bertamiráns (dos cales 38 son de infantil e 34 de primaria); 58 no EEI Milladoiro; e 80 no CEP de Ventín.

Sergio Martínez Calvo, veciño de Vilagarcía de Arousa, é o gañador da terceira edición do concurso fotográfico LGTBIQ+, que se enmarca na campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”. Nesta edición do concurso participaron 4 persoas. O obxectivo do certame, que organizou a Concellaría de Benestar Social e Igualdade, é a loita contra a discriminación e promover a igualdade e a diversidades con respecto á comunidade LGTBIQ+. O premio do concurso será entregado este venres 26 de xuño, ás 21.00 horas, durante o acto de conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, que se vai celebrar na explanada do pavillón de Bertamiráns. Tamén haberá actividades durante a tarde do sábado no Paseo da Igualdade, no Milladoiro.

O Concello de Ames e Augas de Ames lanzan unha nova edición da campaña “Cada gota conta” para promover o uso responsable da auga. O incremento das temperaturas e do consumo de auga propio do verán fai un chamamento á responsabilidade colectiva para garantir o abastecemento e evitar posibles restricións no futuro.

Achégase a noite máis longa do ano, o 23 de xuño, a véspera de San Xoán. E como manda a tradición esta festividade celébrase saltando as tan típicas cacharelas e comendo a sardiñada que soe acompañar. Este ano concedéronse un total de 224 permisos para realizar cacharelas na noite do 23 de xuño. A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, agás no casco urbano. Ademais, as persoas responsables de cada lumieira deberán vixiar o lume ata a total extinción do mesmo e ter a man os teléfonos da Policía Local, Protección Civil e Emerxencias. Preme nesta ligazón para descargar o bando coas normas para realizar cacharelas no San Xoán.

O Concello de Ames vén de presentar a programación estival “Verán en Ames 2026”, que encadea tres meses seguidos cheos de actividades e festexos. Entre todas propostas programadas destacan as festas da Madalena do Milladoiro, do 1 ao 4 de agosto, e as da Peregrina de Bertamiráns, do 5 ao 9. Ademais inclúense actividades para todos os públicos: os Seráns de Ames, as Noites en Vela, o festival Ames Jazz, o Millarock, o acto do Día de Galicia ou festival ABANEA. Premendo nesta ligazón poderse obter máis información sobre a programación.

A Escola Municipal de Teatro de Ames realizou durante este mes de xuño as clausuras dos diferentes grupos que a compoñen. Ademais, o grupo municipal de teatro tamén pechou a súa actividade coa estrea da obra “Mobilizad@s”, con pases nos auditorios do Bertamiráns e O Milladoiro. Cómpre lembrar que as inscricións para renovar praza na Escola xa están abertas ata o vindeiro 23 de xuño. Posteriormente, do 29 de xuño ao 10 de xullo abrirá un segundo prazo para novas inscricións nos grupos que queden prazas libres.

A karateka de Ames, Olivia Parga, vén de proclamarse como Grand Winner da tempada 2025-2026 tras a fase final da Liga Galega de karate disputada o pasado sábado, 13 de xuño, na localidade de Cedeira. Deste xeito, a deportista amesá consegue o trofeo por segundo ano consecutivo, o que pon de manifesto a súa gran progresión.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do contrato de subministración de equipos para a implantación de estacións de control destinadas á medición do nivel e aforo de ríos, orientadas ao estudo de inundabilidade e á alerta temperá fronte a inundacións no municipio de Ames, no marco do proxecto Ames Dixital Water, que está financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) mediante os fondos Next Generation EU, que á súa vez está dentro do PERTE de Dixitalización do Ciclo da Auga. O contrato foi adxudicado á empresa Kastel Ingeniería SLU por un importe de 63.355,60 euros.

A Escola de Karate Dokkodō asinou o pasado sábado, 13 de xuño, en Cedeira, outra actuación extraordinaria para pechar o circuíto oficial da Liga Galega de Karate. O club amesán reafirmou o seu gran momento de forma ao repetir, por segunda xornada consecutiva, o segundo posto no medalleiro xeral de clubs de Galicia. O club amesán sumou 18 medallas e conquistou seis prestixiosos títulos de Grand Winner da tempada.

A unidade móbil de doazón de sangue estará este luns, 22 de xuño, no Milladoiro, na Travesía do Porto, ao carón do novo centro de saúde. O horario de atención será de 9.30 a 14.30 e de 15:30 a 21:00 horas. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) baixo o lema “Un alento de vida”, pretende sensibilizar á cidadanía galega da importancia de doar sangue durante o verán xa que precísanse máis de 400 doazóns diarias nos hospitais galegos.
- ‹ anterior
- 3 de 689
- seguinte ›




