Actualidade

Ex., 12-07-2026
Ex., 12-07-2026
Luns, 22 de xuño de 2026
A Escola Municipal de Teatro pecha o curso 2025/2026 coas clausuras en Bertamiráns e no Milladoiro

A Escola Municipal de Teatro de Ames realizou durante este mes de xuño as clausuras dos diferentes grupos que a compoñen. Ademais, o grupo municipal de teatro tamén pechou a súa actividade coa estrea da obra “Mobilizad@s”, con pases nos auditorios do Bertamiráns e O Milladoiro. Cómpre lembrar que as inscricións para renovar praza na Escola xa están abertas ata o vindeiro 23 de xuño. Posteriormente, do 29 de xuño ao 10 de xullo abrirá un segundo prazo para novas inscricións nos grupos que queden prazas libres. 

Domingo, 21 de xuño de 2026
A karateka amesá Olivia Parga coróase como Grand Winner da tempada 2025-2026

A karateka de Ames, Olivia Parga, vén de proclamarse como Grand Winner da tempada 2025-2026 tras a fase final da Liga Galega de karate disputada o pasado sábado, 13 de xuño, na localidade de Cedeira. Deste xeito, a deportista amesá consegue o trofeo por segundo ano consecutivo, o que pon de manifesto a súa gran progresión.

Domingo, 21 de xuño de 2026
Adxudícase o contrato de subministración de equipos para as estacións de control para a medición de nivel e aforo de ríos para alerta temperá fronte a inundacións

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a  adxudicación do contrato de subministración de equipos para a implantación de estacións de control destinadas á medición do nivel e aforo de ríos, orientadas ao estudo de inundabilidade e á alerta temperá fronte a inundacións no municipio de Ames, no marco do proxecto Ames Dixital Water, que está financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) mediante os fondos Next Generation EU, que á súa vez está dentro do PERTE de Dixitalización do Ciclo da Auga. O contrato foi adxudicado á empresa Kastel Ingeniería SLU por un importe de 63.355,60 euros.

Sábado, 20 de xuño de 2026
A Escola de Karate Dokkodō repite o segundo posto no medalleiro da Liga Galega na gran final de Cedeira

A Escola de Karate Dokkodō asinou o pasado sábado, 13 de xuño, en Cedeira, outra actuación extraordinaria para pechar o circuíto oficial da Liga Galega de Karate. O club amesán reafirmou o seu gran momento de forma ao repetir, por segunda xornada consecutiva, o segundo posto no medalleiro xeral de clubs de Galicia. O club amesán sumou 18 medallas e conquistou seis prestixiosos títulos de Grand Winner da tempada.

Sábado, 20 de xuño de 2026
“Un alento de vida”, nova campaña de doazón de sangue no Milladoiro

A unidade móbil de doazón de sangue estará este luns, 22 de xuño, no Milladoiro, na Travesía do Porto, ao carón do novo centro de saúde. O horario de atención será de 9.30 a 14.30 e de 15:30 a 21:00 horas. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) baixo o lema “Un alento de vida”, pretende sensibilizar á cidadanía galega da importancia de doar sangue durante o verán xa que precísanse máis de 400 doazóns diarias nos hospitais galegos.

Venres, 19 de xuño de 2026
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o acto de recoñecemento ao deporte amesán

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este xoves, 18 de xuño, ás 20.00 horas, un acto de recoñecemento a equipos e deportistas amesáns que destacaron ao longo da temporada 2025-2026. O alcalde, Blas García, e a concelleira de Deportes, Susana Señorís, foron os encargados de entregarlles un pequeno obsequio en recoñecemento dos éxitos logrados durante a tempada que vén de rematar. Os recoñecementos grupais foron para o Bertamiráns FC, Milladoiro SD, Ames Atletismo, o CB Ames e o CPA Omega. Ademais, os recoñecementos individuais foron para María Estévez, Mateo Riveiro, Miguel Bascoy, Mauro Vrhovski, Claudia Veiga, Hugo Vrhovski, María Peña, Inés Peña, Jorge Sanmartín, Lucía García, e os irmáns Olivia e Xoán David Parga.

Venres, 19 de xuño de 2026
O Concello pon a disposición da veciñanza a Guía de Empresas de Ames para localizar de xeito sinxelo empresas, comercios e locais de hostalería

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, creou a Guía de Empresas de Ames, un proxecto que ten o obxectivo de ofrecer a empresarios e usuarios amesáns unha base de datos das empresas e do comercio local. Baixo o slogan “Localizar unha empresa en Ames agora é fácil” a Administración local achega o comercio local e hostalaría á veciñanza mediante esta plataforma dixital, que permite localizar empresas, comercios e locais de hostalería de maneira sinxela dende a rede. A dito aplicativo pódese acceder a través dun dos banners que están na cabeceira da web municipal e no apartado Atención cidadá, información e participación. 

Xoves, 18 de xuño de 2026
O alumnado da Rede municipal de comedores escolares pecha o curso xantando hamburguesa e xeado artesán de vainilla

As nenas e nenos usuarias da Rede municipal de comedores escolares xantaron hoxe hamburguesa, de segundo prato, e xeado artesán de vainilla, de sobremesa, un menú elixido previamente nas eleccións feitas o pasado 4 de xuño. Nesta ocasión, por quinto ano consecutivo, impúxose a hamburguesa. O primeiro prato, puré de verduras, foi escollido pola nutricionista municipal. Este foi o vixésimo primeiro ano no que se celebraron estas peculiares eleccións nos comedores escolares.

Xoves, 18 de xuño de 2026
Adxudícanse as obras de pavimentación de viarios na aldea de Vilaverde por valor de 251.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe, 18 de xuño, a adxudicación das obras de pavimentación dos viarios na aldea de Vilaverde, pertencente á parroquia de Piñeiro. O proxecto foi adxudicado á empresa Excavaciones Midón SL por un importe de 251.039,55 euros (IVE incluído). Este proxecto, que se sufraga con cargo á primeira fase do POS+ Adicional 2/2025, enmárcanse dentro do plan de arranxo e mellora das vías e camiños municipais.

Xoves, 18 de xuño de 2026
O ciclista do Velostar Escola de Ciclismo, Uxío Fiuza, convocado coa Selección Galega de Ciclismo para disputar o Campionato de España escolar

O equipo de ciclismo de Ortoño Velostar Escola de Ciclismo vén de anunciar que o seu ciclista Uxío Fiuza está na lista de convocados da Selección Galega de Cicnlismo para disputar o Campionato de España escolar que se celebrará esta vindeira fin de semana, do 19 ao 21 de xuño, en Torrejón de Ardoz, Madrid.