- Tematica
O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu un acto de recepción e recoñecemento ao alumnado e profesorado do IES do Milladoiro que vén de gañar a final do Club de Debate Alingua 2026, celebrada no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o pasado sábado 25 de abril. A través de dito recibimento púxose en valor o enxeño e capacidade de argumentación da mocidade, así como o seu desenvolvemento das destrezas orais en contextos formais e informais.
Durante este acto de recepción estiveron presentes, en representación do Concello de Ames, o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; a concelleira de Educación, Beatriz Martínez; a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras; o voceiro do PSdeG-PSOE, Víctor Fernández; a voceira do Partido Popular, Olivia Agra; a voceira do BNG, Escarlata Pampín; e varios concelleiros e concelleiras do Goberno municipal e do grupo municipal do Partido Popular.
Pola contra, representaron ao IES do Milladoiro a vicedirectora do centro, Ana María Vidal; a profesora Alicia González; e as alumnas e alumnos do equipo gañador do Club de Debate Alingua 2026, Irene Alende, Lena Ares, Mencía Domínguez, Uxía Manteiga, María Mato, África Kaquengu Panzo, Pablo Paz, Claudia Santalla, Adriana Segade e Martín Fernández. Xunto a eles, estiveron as súas familias.
O alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística mostrou a súa ledicia polo título acadado polo IES do Milladoiro e deulle as grazas ao alumnado por “seguir nesa mesma liña, defendendo ao Milladoiro e levando o nome de Ames como o estades levando”. O rexedor amesán confesou que “para nós é unha satisfacción enorme facer este recibimento”, no que toda a Corporación municipal estivo unida “para darvos os parabéns”.
Tamén mostrou o seu recoñecemento a concelleira de Educación, Beatriz Martínez, quen evocou á filosofía clásica para poñer en valor a vitoria: “Sócrates dicía: 'a onde imos ir con esta mocidade de melenudos? Pois aquí estamos, agora quédavos seguir adiante, loitando”. Na mesma liña de recoñecemento estivo o voceiro do PSdeG-PSOE, Víctor Fernández, quen ademais engadiu que “saber confrontar sen enfadarse é unha experiencia de vida coa que tedes que quedarvos”.
No caso da voceira do Partido Popular, Olivia Agra, esta fixo fincapé no Milladoiro como “un lugar que sempre foi fabuloso para vivir”. Ao igual que o resto do seus colegas, Agra aproveitou a ocasión para parabenizar aos rapaces e rapazas, transmitíndolles que son “un exemplo a seguir” e que agarda velos “en moitos máis debates”. Ademais, confesou que “os políticos temos moito que aprender de vós”.
Pola súa parte, a voceira do BNG, Escarlata Pampín, sinalou a fortuna do alumnado “de poder vivir no Milladoiro de hoxe en día, con todos os servizos á vosa disposición”. A voceira tamén aproveitou para mostrar o seu recoñecemento e destacou o “orgullo” que sinto ao “vervos usar a palabra”, mais especialmente “na vosa lingua, en galego. Nunca perdades a ocasión de falar o idioma que vos fai diferentes e nos sitúa nun lugar concreto do mundo”.
Unhas palabras coas que concordou a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, que quixo engadir que “ademais de saber falar, tamén é moi importante saber escoitar”. A responsable da área de Normalización Lingüística remarcou a importancia desta iniciativa para o idioma, unha lingua “que nos fai referentes”.
Club de Debate Alingua 2026
O IES do Milladoiro foi o gañador deste certame, arrebatándolle o título ao IES Terra de Xallas, centro que foi campión nas últimas dúas edicións. Os mozos e mozas amesás lograron encabezar a clasificación cunha cifra total de 309 puntos logo de demostrar as súas dotes de oratoria, escoita e argumentación a través do tema “O ensino obrigatorio garante a igualdade de competencia nas dúas linguas oficiais”.
Así, cada equipo participante debateu en dúas quendas, debendo adoptar en cada quenda unha das opcións: “a favor” e “en contra” da tese proposta. O xurado integrado por cinco profesionais de diversas áreas relacionadas puntuou as intervencións dos equipos.
A xornada evidenciou o enxeño e capacidade de argumentación da mocidade, pero tamén deixou ver o compañeirismo. Unha vez máis, o alumnado participante demostrou que a competitividade non exclúe valores de respecto e empatía e así se viu no bo ambiente todo o día entre os participantes de diferentes institutos galegos.
Ademais, como é habitual no Club de Debate Alingua, destacou tamén a boa relación e o respecto entre os equipos finalistas. En prol deste obxectivo, a iniciativa inclúe en todas as súas xornadas, tanto nas fases previas como na final, espazos e tempo para dinámicas de interacción onde os mozos e mozas dos diversos centros educativos poden mesturarse e compartir actividades guiadas polo monitorado. Esta particularidade do Club de Debate Alingua, ofrece oportunidades para alén dos enfrontamentos no escenario, compartir experiencias, empatizar cos rivais e activar a lingua galega nos espazos de convivencia.
O Club de Debate é un programa cooperativo no que participan varios concellos galegos, e que promove e valora o uso oral do galego, o espírito crítico, a tolerancia e o traballo en equipo na mocidade. Trátase dunha actividade dirixida a mellorar as destrezas orais da mocidade en contextos formais e informais, fomentar a investigación e a reflexión e o debate sobre temas de actualidade. A iniciativa está promovida pola Asociación de Entidades pola Lingua Galega (Alingua), e na súa edición 2026 estivo apoiada polos concellos de Ames, Carballo, Dodro, Ferrol, Narón, Pontedeume, Pontevedra, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa.
A comezos do pasado mes de marzo e durante cinco días, celebráronse as fases clasificatorias no Pazo da Cultura de Narón e no Campus Tecnolóxico Cortizo, en Rois. Os oito equipos gañadores debateron daquela intensamente arredor do tema “O estilo de vida actual é nocivo para a saúde mental da xente nova”, proposta xurdida das propias suxestións de temáticas que achegaron os centros educativos participantes.
A iniciativa diríxese ao alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes. Os equipos estiveron formados por grupos mixtos (entre 4 e 10 membros) e contaron cun/ha profesor/a que se encargou de adestrar, asesorar e representar o equipo.
A rapazada que debate neste certame debe agudizar o enxeño para buscar todas as argumentacións posibles para reforzar as ideas, o que tamén facilita a capacidade de análise e de interpretación da realidade e sempre coa axuda do profesorado que prepara os equipos.
Nas semanas previas á competición, todos os equipos de cada zona asisten conxuntamente a sesións formativas para familiarizarse co desenvolvemento dos debates e na que reciben asesoramento sobre técnicas de comunicación oral e argumentación.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Políticos unidos para felicitar a los alumnos de Milladoiro ganadores del debate: "Levades o nome de Ames""


























