Actualidade

Ex., 25-08-2026
Ex., 25-08-2026
Luns, 09 de febreiro de 2026
O espazo colaborativo A Proa acolle novas actividades formativas durante o mes de febreiro

O espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial Novo Milladoiro, programou para o mes de febreiro novas actividades de aprendizaxe co obxectivo de formar a autónomos e empresas e crear un ambiente de networking no que os/as emprendedores/as poidan establecer sinerxías e estreitar relacións sectoriais. Ademais, o espazo acollerá a gravación dun podcast. A inscrición para todas as actividades é libre e gratuíta. As inscricións poden facerse na páxina web de A Proa.

Sábado, 07 de febreiro de 2026
Dúas hamburgueserías de Ames na final do Burguer Showdown

Dúas hamburgueserías de Ames, Petiscos Gastrobar e Malasogra, están na final do campionato gastronómico Burguer Showdown, unha competición que determina a mellor hamburguesa da provincia da Coruña mediante o formato 1vs1, onde cada hamburguesería se vai medindo a outros establecementos de maneira directa ata chegar á final. Ademais, ambos establecementos hostaleiros de Bertamiráns, participan tamén na sexta edición do Campionato de España de Hamburguesas, onde tamén participan O Recuncho de Adrián e Custom Burguer Shop by La Central, os dous do Milladoiro. 

Venres, 06 de febreiro de 2026
Máis de 50 persoas participaron na sétima edición da campaña de promoción do comercio local “Ilumina o teu sorriso”

O local da asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) acolleu este pasado xoves, 5 de febreiro, o sorteo dos catro premios incluídos na sétima edición da campaña de promoción do comercio local “Ilumina o teu sorriso”. No certame participaron un total de 53 persoas, superando a participación de edicións anteriores. As persoas premiadas foron María Hernando, José Luis Noya e Belén Pita, que recibirán tres vales de 250, 150 e 100 euros, para gastar en comercios amesáns adheridos a XEA. Ademais, este ano súmase a novidade do Premio Especial XEA, dotado de de 300 euros para gastar en Recunchos, que foi para Vanesa Davó Ortuño.

Martes, 03 de febreiro de 2026
O Goberno municipal reúnese cunha ampla representación do sector tecnolóxico e audiovisual de Ames

O espazo colaborativo A Proa acolleu esta mañá unha xuntanza entre o Goberno municipal de Ames e unha ampla representación do sector tecnolóxico e audiovisual asentado no concello de Ames. O obxectivo de dito encontro foi ter unha primeira toma de contacto para crear un grupo de traballo e poder colaborar e realizar proxectos de forma conxunta. A previsión é manter unha reunión ao ano para manter contacto entre as distintas empresas e mailo Concello. A dito encontro acudiron 20 profesionais de ditos sectores que valoraron de forma positiva esta iniciativa. O Concello de Ames pertence á Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación (Rede Innpulso), que é un proxecto impulsado e cofinanciado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

Martes, 27 de xaneiro de 2026
Volve o Club tixolas ao mercado de horta e artesanía de Ames, unha iniciativa que se realiza o último sábado de cada mes

No marco das actividades de dinamización do mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, este sábado 31 de xaneiro organízase unha nova sesión do Club tixolas, un club de cociña para nenos e nenas de 6 a 12 anos que pretende achegar aos máis pequenos ao mundo culinario e a realizar receitas con produtos frescos de proximidade. Terá lugar desde as 11.30 ata as 13.00 horas. A inscrición é de balde. Para inscribirse, hai que enviar un WhatsApp ao número de teléfono 667 665 705. Hai 30 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de inscrición. O mercado celébrase na praza da Maía, en Bertamiráns, en horario de 10.00 a 13.30 horas.

Mércores, 21 de xaneiro de 2026
Participa na degustación de tapas elaboradas con produtos do mercado de horta e artesanía de Ames

No marco das actividades de dinamización do mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, este sábado 24 de xaneiro organízase unha degustación de tapas en seis locais hostaleiros de Bertamiráns, que serán elaboradas con produtos do mercado de horta e artesanía de Ames. Dita degustación ofrecerase no restaurante Onde Keiras, Bar O Recreo, Ristorante Tivolino, Restaurante Mollos e Moios, Restaurante Petiscos e Cafetería O Lambón.

Mércores, 07 de xaneiro de 2026
Os Bonos Consuma xeraron un total de 249.750,62 euros de gasto no comercio local de Ames

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica, iniciou o pasado 19 de decembro unha nova campaña das tarxetas desconto “Bonos Consuma”, esgotándose o orzamento de 60.000 euros destinado ao programa en menos de dúas semanas. Así mesmo, xerouse un volume de negocio total de 249.750,62 euros nos 108 establecementos e comercios adheridos á campaña deste ano. O obxectivo desta iniciativa foi incentivar ao consumo do comercio e hostalaría local nestas datas de Nadal. Durante o período que estiveron dispoñibles os descontos, descargáronse un total de 3.282 bonos.

Venres, 02 de xaneiro de 2026
Todo listo para recibir aos Reis Magos no Concello de Ames

O Concello de Ames acolle dende mañá día 3 ata o próximo martes 5 de xaneiro a tradicional Gran Festa de Reis, enmarcada dentro da programación de Nadal que se leva realizando dende o acendido das luces a comezos do mes de decembro. Durante estes días os nenos e nenas terán a oportunidade de gozar dunha recepción real coas Súas Maxestades e posteriormente poderán desfrutar das cabalgatas, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, que rematarán na Gran Festa de Reis con chocolate e rosca.

Xoves, 01 de xaneiro de 2026
Ames volve ofrecer o servizo de Tren de Nadal que percorrerá Bertamiráns e O Milladoiro os días 2, 3 e 4 de xaneiro

 O Concello de Ames continúa coa súa programación de actividades polas festas de Nadal, desta volta co servizo do Tren de Nadal que percorrerá os días 2, 3 e 4 de xaneiro as rúas de Bertamiráns e O Milladoiro, unha actividade enmarcada na programación da Gran Festa de Reis. Este servizo de tren, totalmente gratuíto, estará dispoñible en Bertamiráns o venres 2, de 11.00 a 13.30h e de 17.00 a 19.30 horas, e o sábado 3 pola mañá de 11.00 a 13.30. No Milladoiro estará o sábado 3 pola tarde de 17.00 a 19.30 horas e mailo domingo 4, de 11.00 a 13.30h e de 17.00 a 19.30 horas.

Venres, 26 de decembro de 2025
Os personaxes Disney chegan a Bertamiráns e O Milladoiro o 29 e 30 de decembro

Ames acollerá a vindeira semana as visitas dos personaxes do mundo Disney para saudar e pasar tempo cos nenos e nenas. O día 29 chegarán á Casa dos Maiores de Bertamiráns (praza da Maía) e o 30 pasarán polo antigo centro de saúde do Milladoiro (na rúa Agro do Medio, número 8). Esta actividade enmárcase dentro da programación de Nadal 2025, que comezou o pasado 4 de decembro e se desenvolverá ata o próximo 10 de xaneiro de 2026.