Pestanas principais

Dúas hamburgueserías de Ames na final do Burguer Showdown

Sábado, 07 de febreiro de 2026

Dúas hamburgueserías de Ames, Petiscos Gastrobar e Malasogra, están na final do campionato gastronómico Burguer Showdown, unha competición que determina a mellor hamburguesa da provincia da Coruña mediante o formato 1vs1, onde cada hamburguesería se vai medindo a outros establecementos de maneira directa ata chegar á final. Ademais, ambos establecementos hostaleiros de Bertamiráns, participan tamén na sexta edición do Campionato de España de Hamburguesas, onde tamén participan O Recuncho de Adrián e Custom Burguer Shop by La Central, os dous do Milladoiro. 

A hostalaría de Ames está de celebración logo de coñecer que dous dos seus locais de hamburguesas están na final do afamado Burguer Showdown, unha competición que busca á mellor hamburguesa de España mediante un formato de duelo directo eliminatorio entre locais. O Petiscos Gastrobar e o Malasogra pelexarán por este recoñecemento nas vindeiras semanas. 

Este evento, organizado polo influencer de comida Joe Burguer Challenge, está dividido por zonas xeográficas, as cales necesitan un mínimo de 8 hamburguesas inscritas para poder participar no torneo. Unha vez alcanzado o mínimo, comezan as rondas eliminatorias, que comezan cunha fase clasificatoria, pasando por oitavos de final, cuartos, semifinais e culminando coa gran final de cada zona. 

A diferenza doutras competicións similares, os finalistas terán que preparar unha hamburguesa especial para dita ronda en función dunha serie de criterios e parámetros marcados pola organización do torneo. É por iso que as hamburguesas elaboradas por ambos establecementos serán unha incógnita ata o día do encontro, asegurando a creatividade e a improvisación. 

Os establecementos hostaleiros
O Petiscos Gastrobar arrancou a súa andadura no ano 2016, hai xusto dez anos. Nesta longa bagaxe, o restaurante de Bertamiráns xa conta cun alto prestixio entre a veciñanza non só do concello, senón de persoas de toda Galicia que se achegan ao seu local a probar as súas hamburguesas. 

Entre os seus maiores logros, o establecemento conta co recoñecemento de ser a segunda mellor hamburguesa galega no ano 2025 ou a participación durante tres anos consecutivos no Campionato de España de Hamburguesas. Sempre entendendo a gastronomía como unha experiencia, con produto de proximidade e moita dedicación. 

Nas antípodas, atópase o Malasogra. Este local tan só conta cun ano de vida, pero iso non lle impediu ir apañando logros durante estes escasos doce meses. Aínda que de momento non levou ningún premio, a hamburguesería de Bertamiráns xa participou nun Champions Burguer, acudiu a eventos e festivais de prestixio como O Marisquiño ou o Caudal Fest, e acadou a mellor puntuación na fase clasificatoria do Burguer Showdown, no que chegou á final. 

Campionato de España de Hamburguesas 2026
Ademais do Burguer Showdown, ditos restaurantes tamén participarán no Campionato de España de Hamburguesas 2026, no que á súa vez tamén estarán presentes outros dous establecementos amesáns: O Recuncho de Adrián e Custom Burguer Shop by La Central, ambos situados no Milladoiro. Cada unha delas presentará unha hamburguesa: o Petiscos Gastrobar, a Lolita Armagedón; o Malasogra, a Genesis; O Recuncho de Adrián, La Culpable; e o Custom Burguer Shop by La Central, a Satisfaction 2.0.

Estas catro hamburgueserías competirán contra outras 500 do resto da xeografía española polo título de mellor hamburguesa de España, cuxa final se celebrará o vindeiro 10 de marzo no Museo de Estrella Galicia situado na Coruña.

Dúas hamburgueserías de Ames na final do Burguer Showdown

Multimedia

  • Dúas hamburgueserías de Ames na final do Burguer Showdown
  • Dúas hamburgueserías de Ames na final do Burguer Showdown
  • Dúas hamburgueserías de Ames na final do Burguer Showdown
  • Dúas hamburgueserías de Ames na final do Burguer Showdown
  • Dúas hamburgueserías de Ames na final do Burguer Showdown
  • Dúas hamburgueserías de Ames na final do Burguer Showdown
  • Dúas hamburgueserías de Ames na final do Burguer Showdown
  • Dúas hamburgueserías de Ames na final do Burguer Showdown