No marco das actividades de dinamización do mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, este sábado 24 de xaneiro organízase unha degustación de tapas en seis locais hostaleiros de Bertamiráns, que serán elaboradas con produtos do mercado de horta e artesanía de Ames. Dita degustación ofrecerase no restaurante Onde Keiras, Bar O Recreo, Ristorante Tivolino, Restaurante Mollos e Moios, Restaurante Petiscos e Cafetería O Lambón.
Este sábado, 24 de xaneiro, organízase un novo evento do programa de actividade do mercado. Desta volta, haberá unha degustación de tapas en seis locais hostaleiros de Bertamiráns, que serán elaboradas con produtos do mercado de horta e artesanía de Ames. O mercado celébrase na praza da Maía, en Bertamiráns, en horario de 10.00 a 13.30 horas.
As tapas poderanse degustar nos restaurantes:
-Restaurante Onde Keiras: Potaxe arredor do rural.
-Bar O Recreo: Filloas recheas de grelos ou nabizas, chourizo e patacas.
-Ristorante Tivolino: Milfollas de verduras con crema de parmesano.
-Restaurante Mollos e Moios: Sopa de cogomelos e verduras.
-Restaurante Petiscos: Tosta de salteado de shiitake, chourizo de cachena e queixo de Arzúa.
-Cafetería O Lambón: Bol de iogur, granola, froita e mel.
Cómpre lembrar que o pasado 20 de novembro realizouse a primeira degustación de tapas con produtos do mercado de horta na que participaron catro establecementos hostaleiros de Ames. Agora súmanse dous novos establecementos: o Restaurante Petiscos e a Cafetería O Lambón.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima aos establecementos hostaleiros a sumarse a esta iniciativa. “Agardamos que pouco a pouco a hostalería local se una a esta actividade. Respecto a primeira degustación xa se sumaron dous novos establecementos e agardemos que nas vindeiras sexan máis. Queremos implicar ao sector hostaleiro no mercado co obxectivo de que participen neste tipo de actividades”.
Solicitude de participación
O prazo para poder montar un posto no novo mercado estará aberto ao longo de todo o ano. A solicitude pode facerse enviando cuberto o impreso de solicitude, que se pode descargar na seguinte ligazón, a través da Sede electrónica do Concello de Ames, de forma presencial nas oficinais municipais de Bertamiráns e do Milladoiro ou a través de calquera outro dos medios ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP.






