- Tematica
O local da asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) acolleu este pasado xoves, 5 de febreiro, o sorteo dos catro premios incluídos na sétima edición da campaña de promoción do comercio local “Ilumina o teu sorriso”. No certame participaron un total de 53 persoas, superando a participación de edicións anteriores. As persoas premiadas foron María Hernando, José Luis Noya e Belén Pita, que recibirán tres vales de 250, 150 e 100 euros, para gastar en comercios amesáns adheridos a XEA. Ademais, este ano súmase a novidade do Premio Especial XEA, dotado de de 300 euros para gastar en Recunchos, que foi para Vanesa Davó Ortuño.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o presidente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Ramón Cordido, foron os encargados de realizar o sorteo para coñecer ás catro persoas premiadas na sétima edición da campaña de promoción do comercio local “Ilumina o teu sorriso”. O acto realizouse este pasado xoves, 5 de febreiro, no local de XEA, que está situado na rúa do Pedregal, en Bertamiráns.
Este certame está organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), en colaboración coa Concellería de Promoción Económica do Concello de Ames, e o estudo de deseño gráfico e imaxe de marca La Rayuela. Esta iniciativa ten o obxectivo de dinamizar os establecementos locais, fomentando o achegamento da cidadanía ás rúas más comerciais do concello.
Para participar na campaña había que enviar dúas fotos tomadas nos lugares predeterminados en Bertamiráns (2026 luminoso da praza da Maía; árbore iluminada de Nadal da praza do Concello) ou no Milladoiro (A tridimensional da praza da Madalena; árbore iluminada localizada no aparcamento do Supercor). Ademais, nesta edición incluíuse como novidade o Premio Especial XEA, no que había que facer unha foto nun escaparate ou establecemento decorado de Nadal adherido a XEA.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, deulle os parabéns ás persoas gañadoras e mostrouse moi satisfeita pola boa acollida que volve ter este ano a campaña Ilumina o teu sorriso entre a veciñanza de Ames e visitantes da contorna. “Este ano superouse a participación respecto de edicións anteriores con máis de 50 participantes, o que indica que este concurso xa é coñecido entre a veciñanza. O que se busca con este certame é dinamizar as nosas rúas e percorrer o noso concello usando os elementos decorativos instalados este Nadal”. Así mesmo, agradeceu “a XEA que organice este concurso ano tras ano para axudar ao comercio e á hostalaría local”.
Persoas premiadas
Nesta sétima edición as persoas premiadas foron María Hernando, que recibirá un vale de 250 euros; José Luis Noya, premiado cun vale de 150 euros; e Belén Pita, que recibirá un vale por valor de 100 euros. Os vales son para realizar compras nos establecementos comerciais adheridos a XEA. Ademais, este ano súmase a novidade do Premio Especial XEA, dotado de de 300 euros para gastar en Recunchos, que foi para Vanesa Davó Ortuño.





