Actualidade

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este xoves, 18 de xuño, ás 20.00 horas, un acto de recoñecemento a equipos e deportistas amesáns que destacaron ao longo da temporada 2025-2026. O alcalde, Blas García, e a concelleira de Deportes, Susana Señorís, foron os encargados de entregarlles un pequeno obsequio en recoñecemento dos éxitos logrados durante a tempada que vén de rematar. Os recoñecementos grupais foron para o Bertamiráns FC, Milladoiro SD, Ames Atletismo, o CB Ames e o CPA Omega. Ademais, os recoñecementos individuais foron para María Estévez, Mateo Riveiro, Miguel Bascoy, Mauro Vrhovski, Claudia Veiga, Hugo Vrhovski, María Peña, Inés Peña, Jorge Sanmartín, Lucía García, e os irmáns Olivia e Xoán David Parga.

O equipo de ciclismo de Ortoño Velostar Escola de Ciclismo vén de anunciar que o seu ciclista Uxío Fiuza está na lista de convocados da Selección Galega de Cicnlismo para disputar o Campionato de España escolar que se celebrará esta vindeira fin de semana, do 19 ao 21 de xuño, en Torrejón de Ardoz, Madrid.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza para este sábado, 20 de xuño, unha xornada de iniciación ao piragüismo que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia entre as 11:30 e as 13:30 horas. A través desta actividade búscase que os amesáns e as amesás que o desexen poidan aprender a dominar esta embarcación. A xornada “Achégate ao piragüismo” consistirá nunha sesión de portas abertas á que poderán asistir todas aquelas persoas maiores de 8 anos interesadas nesta actividade, sempre e cando saiban nadar. Para participar nesta actividade gratuíta, que require inscrición previa a través do correo electrónico info@ribeirasdotambre.es, hai que levar traxe de baño, unha camiseta e chancletas.

Este luns, 15 de xuño, comeza oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abren ao público por primeira vez este ano. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo. Antes da apertura realizáronse traballos de acondicionamento e mellora nestas instalacións.

O Concello de Ames, mediante a Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, organiza unha nova edición das actividades deportivas e terapéuticas de verán que se desenvolverán en Bertamiráns e no Milladoiro durante os meses de xullo e agosto. As actividades de ioga, ioga terapéutico e taichi-chikung impartiranse en horario de mañá, mentres que a actividade de aquagym e as camiñadas no solpor serán en horario de tarde. Todas as actividades son de balde e non é preciso inscribirse previamente.

O deporte amesán está de parabéns. O Club Baloncesto Ames acaba de escribir a páxina máis brillante da súa historia ao conseguir o ansiado ascenso á 2ª División Autonómica. Este fito deportivo coincide, ademais, cunha data moi sinalada para a entidade: a celebración dos seus 20 anos de historia, dúas décadas de traballo na promoción do baloncesto no concello que agora ven a súa recompensa no máis alto nivel autonómico.

Un ano máis o Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza os cursos de iniciación ao piragüismo, que se desenvolverán durante a última semana de xuño e mailos meses de xullo e agosto, na praia fluvial de Tapia. Ditos cursos, que están dirixidos a nenos e nenas nados/as do 2012 a 2018, impartiranse os luns, mércores e venres, en horario de 10.30h a 11.45 horas. Para participar nesta actividade é imprescindible saber nadar. As prazas son limitadas, polo que é importante inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal.

Desde mañá, día 8, ata o 21 de xuño estará aberto o prazo de inscrición para a primeira quenda dos cursos de natación deste verán, que se desenvolverán ao longo do mes de xullo. En agosto realizaranse unha nova quenda de cursos de natación, para os que será necesario inscribirse entre o 6 e o 19 de xullo. Estas actividades terán lugar de luns a venres, tanto na piscina descuberta de Bertamiráns coma na do Milladoiro. Esta iniciativa está organizada pola Concellaría de Deportes en colaboración coa Deputación da Coruña. As inscricións hai que tramitalas a través da nova app Deportes Concello de Ames.

O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, organiza a XV edición do Encontro de patinaxe artística das escolas deportivas municipais. A cita terá lugar este domingo 7 de xuño, a partir das 12:00 horas, no pavillón municipal de Bertamiráns. O evento conta coa colaboración do Club de patinaxe Sarela, de Bertamiráns, e o Club de patinaxe artística Omega, do Milladoiro. O programa inclúe seis exhibicións dos distintos grupos de patinaxe das escolas deportivas municipais.

Ames acollerá ao longo deste verán un total de dez campus e campamentos deportivos, organizados por clubs e entidades deportivas locais e que contan coa colaboración da Concellaría de Deportes do Concello de Ames e da Deputación da Coruña. Nesta liña, a rapazada amesá poderá escoller entre varias propostas, que van dende fútbol, fútbol sala ou baloncesto, ata atletismo, patinaxe ou volei. Pódese consultar o cartel completo na seguinte ligazón.
- ‹ anterior
- 2 de 72
- seguinte ›




