O Concello de Ames, mediante a Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, organiza unha nova edición das actividades deportivas e terapéuticas de verán que se desenvolverán en Bertamiráns e no Milladoiro durante os meses de xullo e agosto. As actividades de ioga, ioga terapéutico e taichi-chikung impartiranse en horario de mañá, mentres que a actividade de aquagym e as camiñadas no solpor serán en horario de tarde. Todas as actividades son de balde e non é preciso inscribirse previamente.
A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde vén de anunciar unha nova proposta de actividades para os meses de xullo e agosto. Deste xeito, impartiranse actividades de ioga, ioga terapéutico e taichi-chikung en horario de mañá, mentres que polas tardes haberá aquagym e camiñadas no solpor.
A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, remarcou que “facer exercicio físico ao longo do ano achega beneficios físicos e mentais. A tempada estival preséntase como unha época especialmente boa para facer deporte e permite aproveitar espazos estacionais como as piscinas municipais e mailas zonas verdes para organizar actividades como taichi, ioga e aquagym. Outro ano máis retomamos as andainas saudables coa actividade Camiñando no solpor que tamén ten como punto de encontro os centros de saúde”.
Actividades en horario de mañá
A actividade de taichi-chikung terá lugar do 1 ao 15 de xullo, os luns e mércores. No Milladoiro impartirase na contorna da piscina municipal do Milladoiro, ás 10:00 horas, mentres que en Bertamiráns será nos xardíns do Pazo da Peregrina ás 11:30 horas. A duración da actividade será unha hora, aproximadamente.
O ioga terapéutico impartirase entre o 16 e o 31 de xullo, os luns e xoves. En Bertamiráns realizarase nos xardíns do Pazo da Peregrina ás 10:00 horas, mentres que no Milladoiro será na contorna da piscina municipal descuberta, ás 11:30 horas. A duración da actividade será unha hora, aproximadamente. Para participar é obrigatorio levar unha esteira.
Por outra banda, a actividade de ioga será os mércores e venres do mes de xullo na piscina descuberta de Bertamiráns, mentres que os martes e xoves impartirase nos xardíns na piscina descuberta do Milladoiro. En ambas localidades dita actividade impartirase ás 10.00 horas. En ambos casos, é obrigatorio levar esteira para participar. A duración da actividade será unha hora, aproximadamente.
Actividades en horario de tarde
Por outro lado, as sesións de aquagym terán lugar durante o mes de xullo os martes na piscina descuberta de Bertamiráns, e os xoves na piscina descuberta do Milladoiro. O horario será de 16:00 a 16:45 horas.
Para rematar, en agosto desenvolverase a actividade “Camiñando no solpor”. Trátase de andainas de 2 horas de duración aproximadamente. Serán o día 6 de agosto no Milladoiro e o 20 de agosto en Bertamiráns. En ambas localidades o punto de encontro será diante do centro de saúde, ás 20:00 horas.






