Actualidade

As Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acolleron, desde o xoves 21 ata o pasado domingo 24 de maio os espectáculos da segunda edición do ciclo de monólogos de Ames. O programa incluíu figuras consolidadas do panorama humorístico galego xunto con artistas emerxentes, como Josito Porto, Leti da Taberna ou Carla Mañas. En total, asistiron ás catro xornadas 775 persoas, o que pon de manifesto, un ano máis, o interese da veciñanza polas actividades culturais desta índole.

O vindeiro venres 5 de xuño, o grupo municipal de teatro estreará no auditorio do Milladoiro, ás 20.30 horas, a obra “Mobilizad@s”, pechando así a actividade do grupo neste curso. Ademais da estrea, realizarán un pase da peza en Bertamiráns o vindeiro venres 12 de xuño, tamén ás 20.30 horas. Os convites xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. No caso de que queden convites dispoñibles, poderán adquirirse o día da función correspondente nas Casas da Cultura de Bertamiráns ou Milladoiro.

O Pazo da Pererina, en Bertamiráns, acolleu este venres 22 de maio unha das cinco xornadas de sensibilización “Por unha Rede Cultural accesible”, unha iniciativa impulsada por Escena Galega e a Deputación da Coruña, que busca compartir coñecementos, practicas e ferramentas coas que facer accesible a Rede Cultural. Nesta xornada, na que colaborou o Concello de Ames, participou persoal municipal de Ames, Negreira e Brión, así como outros profesionais que están involucrados na xestión das actividades da Rede Cultural.

Do 12 ao 15 de novembro de 2026, o Concello de Ames volverá converterse nun punto de encontro internacional para o cinema infantil coa celebración da novena edición do Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Miúdo. O certame, organizado polo Concello de Ames, abre desde hoxe a convocatoria para a recepción de curtametraxes que formarán parte da súa programación oficial. Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo resumo da edición de 2025.

Desde este xoves, día 21, ata o domingo, día 24, as Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán a terceira edición do Ciclo de monólogos do Concello de Ames. Esta edición mestura figuras consolidadas do panorama humorístico galego xunto con artistas emerxentes e, ademais, por segundo ano consecutivo conseguiuse un cartel paritario, no que actuarán o mesmo número de mulleres que de homes, poñendo así en valor á presenza feminina dentro do sector da comedia. Aínda quedan entradas dispoñibles para algunhas sesións e poden adquirirse a través da Billeteira electrónica. Na xornada do domingo contarase con intérpretes de lingua de signos.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 22 de maio, dende as 20.00 horas, un concerto de acordeón amenizado polos alumnos e alumnas da escola Alborada. Deste xeito, arredor de 50 acordeonistas de todas as idades procedentes de Meixonfrío, Teo, Ordes, Santa Comba, Cerceda, Val do Dubra e Ames deleitarán ao público con todo o aprendido durante este curso académico, nunha das moitas actuacións que realizan durante todo o ano. A entrada é libre e gratuíta.

A veciñanza de Bugallido e numerosos visitantes déronse cita en Ames para participar nunha completa fin de semana festiva que serviu para exaltar a identidade da parroquia. Tras superar a incerteza meteorolóxica das primeiras horas, as xornadas transcorreron cunha magnífica acollida de público. A proposta cultural e lúdica consolidou a Carballeira e o San Isidro como dúas propostas ideais para o intercambio interxeracional, facilitando a transmisión de valores patrimoniais e lingüísticos no ámbito rural.

A programación do Ames Cultural rematou a pasada fin de semana do 8 e 9 de maio coa obra ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao), que foi representada na Casa da Cultura de Bertamiráns. A programación de artes escénicas do Concello de Ames para o primeiro semestre do ano 2026 contou con doce espectáculos de teatro, danza e circo. Todos os espectáculos foron representados por compañías galegas. En dita programación participaron un total de 2.221 espectadores. A maior parte dos espectáculos contaron co aforo completo.

Bugallido acollerá os vindeiros 15, 16 e 17 de maio unha intensa programación cultural, musical e festiva arredor da III Carballeira das Letras e da tradicional celebración do San Isidro, cun amplo abano de actividades para todos os públicos. O Concello de Ames e a Deputación da Coruña colaboran na programación do San Isidro co concerto da Orquestra Folk de Galicia Son de Seu, que forma parte da programación municipal de Música nas parroquias.

O Concello de Ames acollerá o vindeiro venres, 22 de maio, dende as 10.30 horas, os encontros de sensibilización “Por unha Rede Cultural accesible”, unha iniciativa impulsada por Escena Galega e a Deputación da Coruña que busca compartir coñecementos, practicas e ferramentas coas que facer accesible a Rede Cultural. Estas xornadas están dirixidas tanto ao persoal técnico municipal involucrado na xestión das actividades da Rede Cultural como a outros perfís profesionais.
- ‹ anterior
- 3 de 80
- seguinte ›




