- Tematica
O vindeiro venres 5 de xuño, o grupo municipal de teatro estreará no auditorio do Milladoiro, ás 20.30 horas, a obra “Mobilizad@s”, pechando así a actividade do grupo neste curso. Ademais da estrea, realizarán un pase da peza en Bertamiráns o vindeiro venres 12 de xuño, tamén ás 20.30 horas. Os convites xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. No caso de que queden convites dispoñibles, poderán adquirirse o día da función correspondente nas Casas da Cultura de Bertamiráns ou Milladoiro.
O grupo municipal de teatro de Ames pecha a súa actividade neste curso cunha última representación teatral neste mes de xuño coa estrea de “Mobilizad@s”. O primeiro pase terá lugar no Milladoiro o día 5 de xuño, mentres que o segundo será en Bertamiráns, o día 12, ámbolos dous ás 20.30 horas.
A Concellaría de Cultura do Concello de Ames puxo en funcionamento o pasado 2021 a Escola Municipal de Teatro na que participan tanto nenos como adultos, repartidos en distintos grupos segundo a idade. Nesta escola, dirixida por Talía Teatro, poden participar nenos e nenas dende os cinco anos en diante ata persoas adultas, sen límite de idade. A formación teatral impártese os martes en Bertamiráns e os mércores no Milladoiro.
Estrea de “Mobilizad@s”
Tes medo de quedar atrás no moderno mundo dixital? Hai demasiadas cousas novas que non controlas? Vai todo tan rápido que nin te decatas do que pasa? Non te preocupes! A nosa excelente Intelixencia Artificial axudarache a triunfar nesta era das pantallas. Ela dirache o que tes que facer, como tes que comportarte, o que debes desexar e como facer para conseguilo. Ti non te preocupes! Xa non terás que pensar nunca máis!
O grupo da Escola Municipal de teatro de Ames crea esta comedia sobre as dificultades do mundo moderno: exposición pública, timos, presións nas redes... Unha reflexión cómica e paródica feita desde o escenario para tomarnos con moito humor os cambios dos novos tempos.
Clausura dos grupos de rapaces e rapazas
Por outra banda, os vindeiros días 4, 9 e 10 de xuño, terá lugar a clausura dos grupos de rapaces e rapazas da Escola Municipal de Teatro, onde cada unha das agrupacións representará a derradeira peza de teatro deste curso.
O xoves 4 e o martes 9 de xuño realizarase na Casa da Cultura de Bertamiráns. O día 4 actuará o grupo inclusivo, coa obra “A eclipse”, ás 16.30 horas. Xa o día 9, será a quenda do grupo infantil (6º infantil, 1º e 2º de primaria), que presentarán a peza “Tufina, unha princesa pouco fina” ás 17.30 horas; o grupo infantil (de 3º a 6º de primaria) coa obra “Un accidente inesperado” ás 20.00 horas, e o grupo xuvenil (Educación Secundaria) coa peza “A máquina do tempo”, que actuarán ás 20.30 horas.
Doutra banda, o mércores 10 de xuño, as representacións terán lugar na Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta xornada actuará ás 17.30 horas o grupo infantil (6º de infantil, 1º e 2º de Primaria) representando “Unha historia de carapuchiñas” e ás 20.00 horas será a quenda do grupo xuvenil (Educación Secundaria) con “Historias dunha comisaría”.
Novas relacionadas:
Ames Go: "O grupo municipal de teatro de Ames estrea “Mobilizad@s” o 5 e o 12 de xuño"







