- Tematica
O Pazo da Pererina, en Bertamiráns, acolleu este venres 22 de maio unha das cinco xornadas de sensibilización “Por unha Rede Cultural accesible”, unha iniciativa impulsada por Escena Galega e a Deputación da Coruña, que busca compartir coñecementos, practicas e ferramentas coas que facer accesible a Rede Cultural. Nesta xornada, na que colaborou o Concello de Ames, participou persoal municipal de Ames, Negreira e Brión, así como outros profesionais que están involucrados na xestión das actividades da Rede Cultural.
A xornada estivo dirixida e moderada por Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, integrantes do grupo de teatro Chévere, e de Carme Giráldez, coordinadora de actividades de Escena Galega. Asemade, contou coa presenza de Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña. Escena Galega realizou a produción e coordinación técnica deste programa, mentres que a asociada Chévere encargouse do deseño metodolóxico, dinamización e asesoramento.
O sector escénico galego representado en Escena Galega colaborou coa Deputación da Coruña nun programa integral orientado a avanzar cara a unha Rede Cultural máis accesíbel e inclusiva, co obxectivo de garantir a participación en igualdade de condicións de todas as persoas nas propostas culturais da institución.
O proxecto enmárcase no programa Unha Rede Cultural accesible, que combina accións de sensibilización, formación e acompañamento dirixidas tanto ao persoal técnico municipal implicado na xestión da Rede como ás compañías de artes escénicas programadas. A proposta conta tamén coa participación activa de persoas con discapacidade e do seu tecido asociativo, co fin de incorporar as súas experiencias reais ao proceso.
O programa estruturouse en tres tipos de actividades
Por unha banda, encontros de sensibilización orientados a achegar coñecemento sobre accesibilidade, abordando cuestións como terminoloxía, normativa, ferramentas dispoñibles, trato adecuado e boas prácticas; e encontros de formación dirixidos ás persoas que participen nas sesións de sensibilización, que terán lugar despois do verán e estarán centrados en dotar de coñecementos teóricos e prácticos sobre a implementación de medidas de accesibilidade na Rede Cultural.
Finalmente, o programa inclúe unha liña de asesoramento individualizado para compañías profesionais de artes escénicas interesadas en incorporar medidas de accesibilidade nos seus proxectos, xa sexan obras en proceso de creación ou espectáculos xa estreados. A través dunha convocatoria específica, seleccionaranse ata un máximo de dez propostas que recibirán acompañamento técnico. Como complemento, elaborarase unha guía de accesibilidade con recursos e recomendacións prácticas que quedará dispoñible para Concellos e compañías participantes, co obxectivo de consolidar coñecemento e facilitar a súa aplicación continuada.
O programa da xornada de Ames
A xornada celebrada hoxe no Pazo da Peregrina comezou coa presentación do evento. Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, integrantes do grupo de teatro Chévere, foron as persoas encargadas de moderar e facer unha introdución inicial ao contexto da accesibilidade nas artes escénicas, compartindo a súa experiencia persoal logo de producir e xirar varias obras de teatro accesibles.
Posteriormente, comezou a charla “A accesibilidade é unha necesidade real”, onde participaron Montserrat Terceiro Rey, Miguel Dorado Sóñora e Paula Varela Costas, tres persoas con discapacidade cognitiva, auditiva e visual, respectivamente. Este relatorio foi o centro do evento, pois contaron de primeira man o significado de ser unha persoa cega, xorda ou con dano cerebral na nosa sociedade, así como as barreiras para poder acceder ás actividades culturais. Esta actividade contou coa colaboración da FAXPG (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia) e coa asociación Dano Cerebral de Galicia.
Por último, houbo unha posta en común das persoas asistentes. Un espazo no que se recolleron as dúbidas, inquedanzas e demandas das persoas participantes, co obxectivo de conseguir entre todos e todas que as actividades que se programen na Rede Cultural sexan accesibles a estes colectivos.
Novas relacionadas
Bisbarra: "A Deputación pecha en Ames a serie de encontros para avanzar cara a unha cultura máis inclusiva"








