Pestanas principais

Identifícase a unha persoa facendo pintadas no Pazo da Peregrina e exponse a unha sanción de 100 a 600 euros

Luns, 21 de marzo de 2022

A Policía Local de Ames dá conta de dúas actuacións realizadas no pasado mes de febreiro. Identificaron no Pazo da Peregrina a unha persoa que estaba a pintar nas instalacións exteriores do Pazo da Peregrina. O autor dos feitos exponse a unha sanción que vai dos 100 aos 600 euros. Ademais, procedeuse á identificación dun menor que estaba en posesión de sustancias estupefacientes (haxix e marihuana), polo que se precedeu á incautación de ditas sustancias e formulouse a correspondente denuncia.

Nos últimos meses detectáronse pintadas en diversos edificios municipais como o Pazo da Peregrina, CEIP Agro do Muíño, edificio do comedor do CEP de Ventín, anexo da Casa da Cultura de Bertamiráns e no mobiliario público (marquesiñas, caixas de instalacións eléctricas, etc.). Debido a iso a Policía Local incrementou o traballo de vixilancia para evitar este tipo de condutas incívicas.

Froito de dito traballo os axentes da Policía Local identificaron o pasado 16 de febreiro a unha persoa que estaba pintando cun rotulador nas instalacións exteriores do Pazo da Peregrina (porta principal, sinais informativas, ventás e bancos de pedra). O autor dos feitos, veciño de Bertamiráns, exponse a unha sanción de 100 a 600 euros por unha falta de deslucimento dun ben público. Trátase dunha denuncia administrativa recollida na Lei de protección da seguridade cidadá por un deslucimento en ben público.

Por outra banda, procedeuse á identificación dun menor que estaba en posesión de sustancias estupefacientes (haxix e marihuana), polo que se precedeu á incautación de ditas sustancias e formulouse a correspondente denuncia.

O concelleiro de Seguridade, Víctor Fernández, destacou que "é responsabilidade de todos e todas coidar o noso patrimonio histórico e das instalacións municipais, polo que apelamos ao civismo da veciñanza para que non se repitan este tipo de comportamentos". Tamén lembrou que “as agresións contra o patrimonio histórico poden supoñer sancións económicas e incluso accións penais".

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "La Policía Local identifica al autor de pintadas vandálicas en Ames"

El Correo Gallego: "Identificado no Pazo da Peregrina un grafiteiro"

Enfoques: "Identificado el supuesto autor de pintadas en diversos edificios públicos de Ames"

Imaxe de arquivo de pintadas feitas no Pazo da Peregrina