Pestanas principais

Asínase o contrato para o subministro de dous vehículos híbridos baixo a modalidade de renting para a Policía Local

Luns, 20 de marzo de 2023

O pasado mércores, 1 de marzo, asinouse o contrato para o subministro de dous vehículos, baixo a modalidade de renting, para a Policía Local de Ames. A duración do contrato será de 48 meses. O contrato foi adxudicado a empresa Autos Iglesias SL por un importe de 167.851,20 euros (IVE incluído) na Xunta de Goberno Local do 2 de febreiro. Ademais, nesta mesma Xunta de Goberno Local aprobouse a adxudicación do contrato do servizo de mantemento da rede semafórica do concello de Ames. Dito servizo adxudicouse á empresa Kapsch Trafficcom consultoría técnica SAU por un importe de 87.785,02 euros (IVE incluído) por un período inicial de dous anos que se pode prorrogar ata un máximo de catro.

Na actualidade, o corpo da Policía Local de Ames, integrado por un total de 21 efectivos en activo, conta cun parque automobilístico que está composto por tres vehículos e dúas motos para desenvolver o seu traballo. Estes vehículos rexistran un uso intensivo (todos os días á semana durante practicamente 24 horas), polo que a Policía Local manifestou a necesidade de dispor duns vehículos novos.

Co obxectivo de renovar o parque automobilístico da Policía Local, a Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou en agosto de 2022 o expediente de contratación do subministro de dous vehículos híbridos baixo a modalidade de renting adscritos á Policía Local do Concello de Ames. Unha vez finalizado o proceso de contratación, a Xunta de Goberno Local aprobou o 2 de febreiro de 2023 a adxudicación deste servizo, para que sexa a empresa Autos Iglesias SL a que se encargue de subministrar dous novos vehículos híbridos.

O contrato asinouse o pasado 1 e marzo e terá unha duración de 48 mensualidades, sen posibilidade de prórroga dende a sinatura da acta de recepción dos vehículos. A empresa deberá de subministrar os vehículos nun prazo máximo de 95 días naturais contados a partir do día seguinte da notificación da adxudicación do contrato.

A oferta económica de subministro ascende a 167.851,20 euros (IVE incluído). O pago de dito importe está dividido en varias anualidades. De maio a decembro de 2023 aboarase a contía de 27.975,20 euros. Nos exercicios 2024, 2025 e 2026 aboarase cada ano a contía de 41.962,80 euros. Por último, de xaneiro ata abril de 2027 aboarase a contía de 13.987,60 euros.

Servizo de mantemento da rede semafórica
Por outra banda, na Xunta de Goberno Local do pasado 2 de febreiro tamén se aprobou a adxudicación do contrato do servizo de mantemento da rede semafórica do concello de Ames. Dito servizo adxudicouse á empresa Kapsch Trafficcom consultoría técnica SAU por un importe de 87.785,02 euros (IVE incluído) por un período inicial de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos.

O contrato deu comenzo o 1 de marzo de 2023. A regulación do tráfico é unha competencia adscrita á Policía Local. Neste caso a regulación do tráfico faise a través da rede semafórica e para que funcione correctamente é necesario subcontratar o servizo de mantemento. A empresa adxudicataria encargarase do mantemento dos aspectos electrónico de funcionamento dos semáforos para que funcionen correctamente.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O uso intensivo dos cinco vehículos da Policía amesá obriga a encargar dous novos coches"

AMS GO!: "Coches con menos fumes para a Policía Local"

Imaxe de arquivo da oficina da Policía Local de Ames