Solapas principales

Segue a programación de outono con espectáculos de maxia, teatro, obradoiros, cine e actividades deportivas

Jueves, 17 de octubre de 2019

Os meses de outubro e novembro chegan cargados de diferentes actividades culturais aptas para toda a familia. A programación de outono, que xa empezou no mes de setembro, abrangue máis de 40 actividades. Entre elas atopamos obras de teatro, actividades deportivas, obradoiros, un festival de maxia e un festival de cine. Destaca o amplo abano de actividades infantís dispoñibles, que se encargarán de entreter ós máis pequenos.

Este venres terá lugar un dos pratos fortes da programación para este mes de outubro, a obra de teatro Language Planning  de Os Quinquilláns Teatro. Baseada nos textos de Made In Galiza de Séchu Sende, interpretarase ás 21.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Multitude de obradoiros
Ese mesmo día, ás 17.00 horas, desenvolverase na Biblioteca do Milladoiro o obradoiro creativo Constrúe o teu propio superheroe ou superheroína. Ao día seguinte terá lugar ás 11.00 horas outra sesión, desta vez, na Biblioteca de Bertamiráns.

O próximo obradoiro programado é Búscanse valentes. Inspiración poética, para o venres 22 de novembro. Terá lugar ás 17.00 horas na Biblioteca do Milladoiro. Tamén está programada outra sesión para o sábado 23 na Biblioteca de Bertamiráns, ás 11.00 horas.

O venres 22 tamén se desenvolverá outro obradoiro, pero desta vez orientado a pais e nais, ou futuros. O Obradoiro de Arrolos con Mamá Cabra, será impartido por Gloria Mosquera e Diego Maceiras ás 18.00 horas no Pazo da Peregrina.

Contacontos para os máis pequenos
Durante os meses de outubro e novembro desenvolveranse diferentes sesións de contacontos nas bibliotecas, que terán lugar sempre nas bibliotecas do Milladoiro e Bertamiráns con títulos e temáticas que irán variando

O primeiro deles será Diagnosticando a Igualdade, programado para o martes 29 de outubro na Biblioteca de Bertamiráns. Ó día seguinte haberá unha segunda sesión  na Biblioteca do Milladoiro.

Xa no mes de novembro, Celso Fernández Sanmartín chega a Ames o venres 8, para realizar dúas sesións de contacontos. Así, O home do saco e outros contiños de menos medo será relatado nunha primeira sesión, ás 17.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, á que lle proseguirá unha segunda ás 18.00 horas.

O mércores 13 e o xoves 14 de novembro, ás 17.30 horas, terán lugar outras dúas sesións de contacontos. O relato de Lembranzas da Carolina poderá escoitarse o primeiro día na Biblioteca do Milladoiro, e o segundo na Biblioteca de Bertamiráns.

Ese mesmo día, o xoves 14, Luis Prego e Fabaloba interpretarán Quen canta Alí? na Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá dúas sesións, unha ás 17.00 horas e outra ás 18.00 horas.

O mércores 27 e xoves 28 de novembro relatarase Contando en feminino. O primeiro día é na Biblioteca do Milladoiro e o segundo na de Bertamiráns, ambos ás 17.30 horas.

Xa no último mes do ano as sesións de contacontos programadas son para o mércores 13 e o xoves 14. Parabén para ti... poderá desfrutase o primeiro día na Biblioteca de Bertamiráns e o segundo na do Milladoiro, ambos ás 17:30 horas.

XX Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames  
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan para este domingo, 20 de outubro, a vixésima edición da carreira pedestre do Concello de Ames. Esta proba pertence ao VII Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns. Para máis información sobre esta carreira podes premer sobre esta ligazón.

Festival de Maxia
A décimo cuarta edición do Festival de Maxia organizado polo Concello de Ames desenvolverase do 21 ao 27 de outubro nas casas da cultura e centros de ensino do concello. Este festival organizado polo Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, conta cun programa repleto de espectáculos e obradoiros máxicos dirixidos a todos os públicos.

A programación do XIV Festival de Maxia Concello de Ames comeza o luns 21 de outubro cos espectáculos que se desenvolverán ata o venres 25 nos  diferentes centros de ensino de Ames. Estas actividades, impartidas polo mago Joshua Kenneth e o mago Paco, están dirixidas ao alumnado de infantil, primaria e secundaria. Está previsto que participen uns 3.096 alumnos/as.

Outra das actividades que realizan este ano serán os obradoiros de maxia, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Así, o sábado 26, o mago Joshua Kenneth impartirá un taller na Casa da Cultura de Bertamiráns en horario de 11.00 a 12.30. O domingo, en cambio, o obradoiro impartirase no mesmo horario na Casa da Cultura do Milladoiro, e correrá a cargo do Mago Paco.

Pero a principal actividade do XIV Festival de Maxia de Ames será a Gala Máxica Internacional, da que se realizarán catro pases. Nesta edición participarán nela as magas Magica Gilly e Gaia Elisa Rossi e os magos Dani Polo e Xulio Merino. Así, o sábado, celebraranse dúas funcións da gala na Casa da Cultura de Bertamiráns, e o domingo outras dúas sesións na Casa da Cultura do Milladoiro. A primeira función será ás 17.30h e a segunda ás 20.00 horas. Para máis información sobre este festival podes premer sobre esta ligazón.

Obras de teatro
Ademais da obra de teatro Language Planning  de Os Quinquilláns Teatro programada para este venres 18 de outubro, a programación cultural de outono vén cargada de outras moitas obras que se poderán desfrutar no mes de novembro.

Así, terán lugar varias mostras de teatro aficionado. A primeira será Urxencias, representada polo Club de Maiores de Boqueixón, o venres 8 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráns. O día seguinte, na Casa da Cultura do Milladoiro, Teatro da Vila interpretará Espida. E xa finalmente o 30 de novembro chega á Casa da Cultura de Bertamiráns Criaturas, unha obra teatral de Roberto Vidal Bolaño representada polo Grupo Municipal de Teatro de Ames. As tres sesións do mes de novembro serán ás 21.00 horas e están destinadas a un público adulto. As entradas, de balde ata completar aforo.

O venres 22 de novembro, ás 21.00 horas, Teatro do Atlántico interpretará na Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo, Dúas Donas que bailan, destinada a un público adulto. O venres 29 haberá unha obra de teatro musical Nube nube sol,  en dúas sesións, unha ás 17.00 e outra as 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Outro espectáculo de teatro musical desenvolverase en decembro, o xoves 26. Así, Feira das linguas desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.00 horas. Finalmente o venres 27 de decembro Baobab Teatro interpretará Baila Roque Baila, un espectáculo participativo para contar, cantar e bailar. Na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18.00 horas.

Cinema Crianza
A terceira edición de Cinema Crianza celebrarase os días 15, 16 e 17 de novembro. As proxeccións terán lugar tanto nos auditorios da Casa da Cultura de Bertamiráns como na do Milladoiro. Os filmes incluirán diferentes xéneros como a animación, a ficción e o documental e estarán orientados aos diferentes rangos de idade.

Espectáculos musicais
Os espectáculos musicais programados para este outono fanse esperar ata os meses de novembro e decembro. O primeiro deles, O concerto de Santa Icía, está programado para o sábado 23 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráms, ás 19.00 horas.
Por outra banda, o venres 13 de decembro celebrarase unha sesión discoteca con música infantil para cantar e bailar, a cargo de Picadiscos MariFaltri. Será no Pazo da Peregrina ás 18.00 horas. Todo isto é moito máis poderás encontralo no banner que está na cabeceira da páxina web do Concello, onde se encontra toda a programación cultural para estes meses.

Imaxe programación cultural de outono