Pestanas principais

Ames celebra o seu décimo cuarto Festival de Maxia do 21 ao 27 de outubro

Martes, 08 de outubro de 2019

Esta mañá presentouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o XIV Festival de Maxia de Ames, que se desenvolverá do 21 ao 27 de outubro nas casas da cultura e centros de ensino do concello. Este festival organizado polo Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, conta cun programa repleto de espectáculos e obradoiros máxicos dirixidos a todos os públicos. Para participar nos obradoiros de maxia para nenos de entre 8 e 14 anos é necesario inscribirse a través do teléfono 981 535 940 do 21 ao 25 de outubro.

Despois do éxito acadado nas pasadas edicións, hoxe presentouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o programa do XIV Festival de Maxia de Ames. A presentación correu a  cargo da concelleira de Cultura, Natividade González, e do mago e produtor de Abarajar Producciones, Dani Polo. A concelleira de Cultura recalcou durante a presentación a gran acollida que ten o festival ano tras ano, existindo unha gran demanda para todas as actividades que o forman. Preme aquí para descargar o programa do XIV Festival de Maxia.

Natividade González destacou “a gran afección á maxia que existe a veciñanza amesá. Debido a iso, como non podía ser doutro xeito, un ano máis apostamos por darlle continuidade a este evento cultural. Este festival é un dos principais eventos que están incluídos dentro da programación deste outono. Sobre o escenario das casas da cultura haberá espectaculares efectos e números de maxia que como sempre desafían a lóxica. Animamos á veciñanza a que participe da semana da maxia de Ames”.

Por outra banda, o mago e produtor de Abarajar Producciones, Dani Polo, explicou o imporante que é “chegar a todos os públicos, grazas a unha programación moi variada formada por obradoiros, espectáculos e galas”. En canto a estas últimas, recalcou o que para el é o evento máis importante do XIV Festival de Maxia: A Gala Internacional de Maxia. Un evento no que se poderán ver espectáculos de maxia de magos que actúan por toda Europa.

Espectáculos de maxia para 3.096 alumnos/as
A programación do XIV Festival de Maxia Concello de Ames comeza o luns 21 de outubro cos espectáculos que se desenvolverán ata o venres 25 nos centros de ensino: CEIP A Maía; IES de Ames, en Bertamiráns; EEI Milladoiro; escola unitaria da Tarroeira; escola unitaria de Covas; CEIP de Barouta; Colexio Alca; CEIP Agro do Muíño; CEP de Ventín; e no IES O Milladoiro. Estas actividades, impartidas polo mago Joshua Kenneth e o mago Paco, están dirixidas ao alumnado de infantil, primaria e secundaria. Está previsto que participen uns 3.096 alumnos/as.

A programación continúa o venres, 25 de outubro, co espectáculo Momentos Máxicos co Mago Rafa, que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 18.00 horas. Esta actividade está dirixida a un público familiar e a nenos e nenas de 6 anos en diante. A compra das entradas poderá realizarse a través da billeteira electrónica do Concello de Ames. En canto ao prezo, 2 euros para os maiores de 18 anos e 1 euro para os menos de idade.

Obradoiros de maxia
Outra das actividades que realizan este ano serán os obradoiros de maxia, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Así, o sábado 26, o mago Joshua Kenneth impartirá un taller na Casa da Cultura de Bertamiráns en horario de 11.00 a 12.30. O domingo, en cambio, o obradoiro impartirase no mesmo horario na Casa da Cultura do Milladoiro, e correrá a cargo do Mago Paco.

Para estes talleres ofértanse un total de 50 prazas (25 por día). Para participar é necesario inscribirse chamando ao número de teléfono 981 535 940, dende o día 21 ata o 25 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 22.00 horas.

Gala Internacional de Maxia
A principal actividade do XIV Festival de Maxia de Ames será a Gala Máxica Internacional, da que se realizarán catro pases. Este ano como novidade amplíase unha sesión máis para dar cabida a todo o público que ano tras ano queda sen entrada para ver esta gala máxica. Nesta edición participarán nela as magas Magica Gilly e Gaia Elisa Rossi e os magos Dani Polo e Xulio Merino. A Gala Máxica estará presentada por Pepín Banzo.

Así, o sábado, celebraranse dúas funcións da gala na Casa da Cultura de Bertamiráns, e o domingo outras dúas sesións na Casa da Cultura do Milladoiro. A primeira función será ás 17.30h e a segunda ás 20.00 horas.

En canto a cada un dos espectáculos da gala, o da famosa maga Gaia Elisa Rossi é un dos máis sorprendentes da gala, realizando unha crítica ós estereotipos da sociedade a través da maxia. Outro prato forte é Xulio Merino, que realizará grandes trucos de maxia  con esponxas, ou Magica Gilly, cun espectáculo máxico “sen barreiras”. Con respecto a Dani Polo, mago e produtor de Abarajar Producciones, declarou no acto de presentación que actuará cun número novo, con maxia de gran formato gracias a espectáculos de pirotecnia e iluminación.

As entradas para asistir á Gala Internacional de Maxia pódense mercar na billeteira electrónica do Concello de Ames. As entradas teñen un custo de 2 euros para maiores de 18 anos e a metade para menores. Para máis información pódese chamar ao teléfono 981 535 940/662 377 444 ou a través do correo electrónico cultura@concellodeames.gal.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Todo listo para o XIV Festival de Maxia de Ames"

La Voz de Galicia: "El Festival de Maxia ofrecerá espectáculos para 3.069 escolares"

Imaxe da presentación do Festival de Maxia

Multimedia

  • Imaxe da presentación do Festival de Maxia
  • Cartel do XIV Festival de Maxia
  • Embedded thumbnail for