Pestanas principais

Preséntase a vixésima edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames que está encadrada dentro do circuíto de carreiras da Deputación

Venres, 04 de outubro de 2019

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, o responsable da empresa Emesports, Ezequiel Mosquera, e o director técnico da delegación en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Jesús Silva, presentaron esta mañá a vixésima edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, que está encadrada dentro do VII circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Na presentación tamén participaron representantes dos clubs de atletismo do concello (Millaraio, Sar e Ames atletismo). Este evento deportivo desenvolverase o domingo, 20 de outubro, a partir das 10:30 horas. Contarase cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o mércores 16 de outubro, ás 23.59. Na actualidade xa hai 157 persoas inscritas.

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan o domingo, 20 de outubro a vixésima edición da carreira pedestre do Concello de Ames. Esta proba pertence ao VII Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, tal como  se veu realizando nas dúas últimas edicións, unha vez que se decidiu trasladar a proba desde o entorno do Pazo da Peregrina ao centro do núcleo urbano para así facer mais partícipe á veciñanza.

O circuíto da proba absoluta estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro, ademais de estar homologado na distancia de 10 km pola Real Federación Española de Atletismo, obxectivo acadado hai tres anos coa coincidencia da proba do Campionato Galego de 10km. Para a organización deste evento cóntase coa colaboración dos clubs de atletismo do concello (Millaraio, Sar e Ames atletismo) e ademais colaborará o club ciclista Os Esfola Arrós e maila Agrupación de Protección Civil de Ames.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou o ambiente festivo se crea arredor desta proba deportiva. “Este ano volvemos a instalar a saída e maila meta na rúa Alcalde Lorenzo, ao carón da praza do Concello, para que a veciñanza amesá poida participar e gozar desta proba deportiva. Volvemos a apostar por un circuíto de 10 quilómetros cun trazado bastante chan, que lle permite aos/ás deportistas vir a Ames a facer boas marcas de tempo. Ademais, queremos que esta carreira sexa un día para pasar en familia, polo que animamos aos nenos e nenas a participar na proba escolar”.

Unha das mellores carreiras da provincia
O responsable da empresa Emesports, Ezequiel Mosquera, incidiu no gran ambiente que se crea arredor da carreira pedestre de Ames. “É unha das carreiras que máis afluencia de corredores ten na provincia e o ambiente que ten é espectacular. Ademais, de contar sempre con arredor de medio milleiro de participantes na proba absoluta, destaca a gran cantidade de nenos e nenas que participan na proba escolar que fai que esta proba teña un carácter especial”.

O director técnico da delegación en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Jesús Silva, catalogou a carreira pedestre de Ames “como unha das seis mellores probas da delegación de atletismo de Santiago. Chama a atención a gran participación de nenos e nenas que sempre ronda os 1.000 participantes na proba escolar. Iso é un claro reflexo de que se aposta polo deporte de base e escolar. Ao mesmo tempo tamén se fai unha proba absoluta de moito nivel na que os corredores e corredoras fan uns tempos moi bos debido as características do trazado da carreira”.

Inscricións telemáticas e presencias
Na carreira popular poden participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. As inscricións pódense facer ata á media noite do día 16 de outubro, a través da páxina web de Emesports. Tamén se poden realizar de xeito presencial na tenda deportiva, Deportes Amesport, situada na avenida da Maía, número 83, en Bertamiráns. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

As persoas que desexen participar na proba absoluta (de sub 18 a veterano) terán que aboar unha cota de 6 euros. O pagamento da inscrición poderá realizarse pola pasarela da propia páxina web de Emesports. A inscrición para as categorías escolares (de pitufo a sub 18) é gratuíta. Calquera dúbida que teñades no proceso de inscrición dos adultos pódese resolver chamando ao número de teléfono 886 153 589 ou enviando un correo electrónico á dirección info@emesports.es. Preme aquí para descargar o regulamento da vixésima edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames.

Os dorsais retiraranse na secretaría da organización, situada na Casa do Concello, o día anterior á carreira (sábado, 19 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas ou o mesmo día da carreira, ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.

Horarios e distancias
Os corredores da proba absoluta e da categoría sub 18 tomarán a saída ás 10:30 horas da mañá dende a rúa Alcalde Lorenzo. Os sub 18 terán que dar unha volta ao circuíto da proba absoluta completando unha distancia de 5,25 quilómetros. Ás 12:00 horas está previsto que comecen as probas da categoría pitufo (nados no ano 2015 e posteriores), que correrán unha distancia de 200 metros. A esta seguiranlle os grupos prebenxamíns (350 metros), sub 10 e sub 12 (1.000 metros), sub 14 e sub 16 (2.000 metros).

Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Na proba absoluta recibirán trofeo os/as tres primeiros/as clasificados/as locais empadroados/as no Concello de Ames. Este ano, por segunda vez na historia da carreira, tamén recibirán trofeo os tres primeiros clubs da carreira absoluta. Por último, ao igual que nos últimos anos, os máis pequenos recibirán unha medalla como recoñecemento ao esforzo realizado.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Conta atrás para a disputa da 20ª Pedestre de Ames"

Compostela 24 horas: "A Carreira Pedestre de Ames celebrarase o día 20 de outubro"

La Voz de Galicia: "Último día para a inscrición na Carreira de Ames"

Presentación da vixésima edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames

Multimedia

  • Presentación da vixésima edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames
  • Cartel da vixésima edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames
  • Imaxe do percorrido da vixésima edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames