Solapas principales

Aberto o prazo para participar na convocatoria de axudas para a promoción de festas populares e actividades culturais

Lunes, 20 junio, 2022
A Xunta de Goberno Local do pasado xoves 12 de maio aprobou a convocatoria de subvencións para a promoción de festas populares e actividades levadas a cabo polas asociacións culturais no exercicio 2022. O prazo para solicitar estas axudas, que suman unhas contías de 30.000 euros para as actividades culturais e de 25.000 euros para as festas, está aberto ata o 29 de xuño de 2022.

Dende o día 31 de maio, as asociacións culturais e veciñais e as comisións de festas de Ames poden solicitar axudas para a promoción de actividades e festas populares, cuxa contía suma neste 2022 uns 55.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes rematará o mércores 29 de xuño, un mes a contar dende o día seguinte da publicación das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Premendo nestas ligazóns pódese obter máis información sobre a convocatoria para as festas populares, ou ben para as actividades culturais.

Por unha banda, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, destina á realización de actividades levadas a cabo por parte de asociacións culturais un total de 30.000 euros. Poden optar a estas subvencións as asociacións culturais ou veciñais do concello de Ames, que realicen actividades de índole cultural. Estas asociacións deben estar legalmente constituídas e deben figurar inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición debidamente actualizados.

Cumpridas estas condicións, poderán obter ata un máximo do 80% do orzamento total das actividades culturais desenvolvidas, así como da adquisición de material inventariable. O importe individual das achegas concedidas non poden superar os 7.500 euros. Os obxectivos desta liña de axudas son achegar a cultura ao maior número de persoas e promover una vida cultural estable no concello de Ames, non só con actividades programadas pola propia administración, senón que tamén pola veciñanza e por entidades do ámbito privado.

Por outra parte, para a promoción de festas populares reservaranse unha contía de 25.000 euros, á que poderán optar aquelas asociacións culturais amesás que estean legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición actualizados. Tamén poden acceder as axudas as comisións de festas.

O importe individual das axudas dependerá dos habitantes censados en cada lugar ou parroquia en que se celebren os festexos, de acordo ao baremo que figura nas bases. Deste xeito, a achega máxima poderá ser de 1.000, 2.000 ou 6.500 euros, dependendo de se a parroquia ten menos de 500, entre 500 e 3.000, ou máis de 3.000 habitantes. As actividades poderán ser subvencionadas ata un máximo do 50% do orzamento total. Con esta liña de axudas, preténdese contribuír á preservación e a estabilización da programación festiva de Ames, así como a participación da veciñanza nas súas festas.

Presentación de solicitudes

As solicitudes, xunto co resto da documentación, presentarase na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben a través do Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se pode acceder desde o enlace dispoñible na Sede electrónica.

Para máis información, pódese contactar co departamento de Cultura, chamando ao teléfono 662 377 444 ou escribindo ao no enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal.

>> Preme aquí para acceder ao trámite da convocatoria de subvencións para a promoción de festas populares celebradas no concello de Ames.

>> Preme aquí para acceder ao trámite da convocatoria de subvencións para a promoción de actividades levadas a cabo por asociacións culturais do concello de Ames.