Actualidad

A Corporación municipal aprobou este xoves no pleno ordinario de novembro o suplemento de crédito 4/2019, a través do cal se destinan 131.465 euros do superávit da liquidación do exercicio 2018, para sufragar a mellora de viarios de Biduído e do Milladoiro e do parque infantil da Condomiña. Tamén se aprobou o suplemento de crédito 5/2019 por valor de 422.056 euros; o suplemento de crédito 6/2019 por valor de 55.832 euros para a segunda fase dos orzamentos participativos; prorrogar polo prazo dun ano o contrato asinado con Urbaser S.A para a xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo; o estudo de detalle das parcelas 14, 15, 16 e 17 do Plan Parcial do Polígono industrial do Milladoiro; e unha proposta de Ciudadanos para a creación dunha sección da escola oficial de idiomas en Ames. Ademais, foi rexeitada unha proposta do grupo municipal en defensa das liberdades educativas, concretamente do ensino nos centros educativos concertados.

A Concelleira de Cultura, Natividade González, presentou esta mañá o programa de decembro para as bibliotecas municipais xunto con Divina Fernández e Bibiana Calvo, traballadoras municipais das bibliotecas municipais de Bertamiráns e Milladoiro. Arranca así un mes de decembro repleto de grandes novidades editoriais, que serán presentadas polos seus propios autores en diferentes espazos do concello. A programación arranca o mércores, 4 de decembro, con Paulo Calvo, proseguirá con Ángeles e Isabel Abelleira Bardana o próximo xoves 12 de decembro e Nazaret López o xoves 19 de decembro.

O Concello de Ames recibiu unha axuda de 34.467,22 euros da Consellería de Política Social, da Xunta de Galicia, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, para a mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís municipais O Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro. As actuacións realizadas, a través da Concellaría de Educación, foron obras de mellora, adquisición de novos equipamentos, así como de novos dispositivos para a integración das novas tecnoloxías.

Dende a Concellaría de Cultura informan que queda suspendido o espectáculo de teatro musical “Nube nube sol”, de Teatro ao Cubo, debido aos problemas de saúde dunha das persoas de dita compañía. No lugar deste espectáculo, hoxe pola tarde, Paco Nogueiras estará na Casa da Cultura do Milladoiro, en dúas sesións (unha ás 17.00 horas e outra as 18.00 horas) co seu espectáculo “Brinca Vai!” Aínda quedan estradas dispoñibles e pódense mercar dende ás 16.00 horas na propia Casa da Cultura do Milladoiro. Teñen un prezo de 4 euros a xeral e de 2 euros a reducida.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación da obra de mellora do camiño de acceso ao lugar de Costoia, pertencente á parroquia de Biduído. Este proxecto, que foi adxudicado á empresa SYR-AMG SL por un importe de 33.125 euros, está incluído no Plan Único de Concellos POS+ 2019.

O vindeiro martes, 3 de decembro, terá lugar a presentación da Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro de Ames, pertencente á Xunta provincial de A Coruña. Será ás 20.00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e durante a mesma terá lugar unha charla do Doutor Santiago Aguín, oncólogo pertencente ao Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

Sete atletas do Club Atletismo Millaraio participaron no XVII Campionato de Galicia de inverno en marcha en pista. Os resultados conseguidos polos rapaces e rapazas do clubs amesán foron excelentes, xa que lograron gañar tres medallas: Salomé Segade gañou a medalla de ouro; Alfonso Labella a medalla de prata; e Manuel Labella a medalla de bronce.

O vindeiro sábado, 14 de decembro, realizarase no campo da festa de Biduído o festival SolporSon de Ames, no que dende as 17.00 horas haberá batalla de galos e unha exhibición de grafite. O festival estará presentado pola xornalista, Paula Señarís. Dende as 19.30 horas actuarán os grupos Náiade, Triska, Monoulious Dop, De Vacas, Biribirlocke e Sondarúa. Tres destas bandas musicais: Náiade, Triska e Biribirlocke son grupos locais de Ames. Náiade e Triska, que ensaian na Factoría, debutan actuando nun festival. Trátase dunha nova iniciativa posta en marcha dende a Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística, que xorde das xuntanzas realizadas cos mozos e mozas dentro da Comisión de orzamentos participativos. Haberá actividades de cultura urbana e moita música.

Este martes, 26 de novembro, o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, mantiveron unha xuntanza nas dependencias da Xunta de Galicia, en San Caetano, co Secretario Xeral Técnico de Cultura e Turismo, Manuel Vila López, e maila Directora Xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua. En dito encontro falaron de diversos temas que tanto o alcalde como o concelleiro consideraban de relevancia.

Este sábado 30 de novembro chega ao Concello de Ames a obra de teatro “Bailamos” de Aquelando Teatro de Muros. Será ás 21.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Destinada a un público adulto, as entradas son de balde ata completar aforo.
- ‹ anterior
- 506 de 1385
- siguiente ›