Actualidad

O certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, celebrará este ano a súa sétima edición, co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar a comunidade galega na rede social TikTok. Deste xeito, calquera persoa a partir dos 13 anos poderá participar enviando o seu vídeo en galego ata o 30 de outubro, xunto coa ficha de participación, ao enderezo electrónico galetiktokers26@gmail.com. Haberá seis premios de 300 euros cada un, que se repartirán nunha gala que terá lugar o sábado 21 novembro de 2026. Premendo nesta ligazón pódense consultar o folleto informativo do VII Certame Galetiktokers.

Hoxe celebrouse a primeira edición da Marcha de Prevención do Dano Cerebral, organizada pola Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e a Asociación de Dano Cerebral de Santiago de Compostela, coa colaboración dos Concellos de Ames e de Santiago de Compostela, e a Deputación da Coruña. Esta iniciativa, que reuniu hoxe a máis de 200 participantes, consistíu nunha andaina solidaria cuxos fondos recadados se destinarán á Asociación de Dano Cerebral de Santiago de Compostela. O obxectivo detrás desta actividade é poder ampliar as instalacións e mellorar os servizos que a asociación ofrece aos pacientes.

O Concello de Ames participou o pasado mércores, 21 de outubro, na xornada “Vivenda, exclusión social e participación cidadá. O papel dos municipios como garantes de dereitos”, que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela. Participou a través do Departamento de Benestar Social do Concello, e estiveron presentes o Técnico de Mediación Intercultural, Leonardo Pena, e a Asesora Xurídica de Servizos Sociais, Raquel Dopico. Durante o encontro, ambos abordaron a situación na que se atopa a vivenda no concello de Ames, e expuxeron os programas Vivenda en tránsito e Vivendas baleiras, dúas iniciativas levadas a cabo no concello.

O Concello de Ames participou os días 21 e 22 de outubro en Granada no encontro europeo de capacitación «Innovación Urbana: otras formas de hacer ciudad», organizado pola Iniciativa Urbana Europea (EUI). A cita reuniu máis de 200 representantes políticos e técnicos de Concellos e Deputacións de España e doutros países europeos para compartir experiencias, coñecer novas metodoloxías e avanzar na transformación urbana desde a innovación, a sustentabilidade e a participación cidadá.

Comezou o Festimax 2026, e fíxoo onte na Casa da Cultura de Bertamiráns coa maxia para bebés “Patapatún” do Mago Paco. Así arrincou a vixésimo primeira edición desta iniciativa tan asentada e aclamada no municipio. O festival, organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña, conta cun amplo programa de espectáculos e obradoiros para todos os públicos. O espectáculo encargado de abrir a semana máxica foi o de maxia para bebés do Mago Paco, seguido hoxe por Martilda, que visitou esta mañá ás persoas maiores de Bertamiráns. A programación continua ao longo do venres, sábado e domingo. Na actualidade, queda algunha entrada solta para as sesións da Gala Máxica Internacional, en Bertamiráns, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica. Para os obradoiros de maxia quedan algunhas prazas dispoñibles. Os interesados en participar que se acheguen polas Casas da Cultura.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, acollerá durante a primeira semana de novembro dous relatorios sobre como evitar fraudes no comercio electrónico. As persoas participantes recibirán instrucións sobre como comprar e vender en liña de xeito seguro e sorteando estafas. Ditos relatorios realizaranse o luns 2 de novembro no salón de plenos da Casa da Concello, en Bertamiráns, e o martes 3 de novembro no Centro Multifuncional do Milladoiro. Ambas actividades serán ás 19.30 horas. Estas actividades enmárcanse no acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).

O programa Apego continúa a súa programación habitual para as pequenas e pequenos do concello durante os últimos meses do ano. Esta vez, a actividade que está por desenvolverse é o espectáculo Contos para caghar patatillas, de Brais das Hortas. Trátase dunha proposta chea de contos, música, humor, efectos especiais e participación do público. A través de todos estes recursos, os contos falan da valentía, e de que non é valente que non ten medo, senón quen é capaz de enfrontarse a el. Esta actividade, que é de balde, e que está dirixida a familias con crianzas de 3 anos en adiante, celebrarase o venres 30 de outubro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, xoves 22 de outubro, ata o vindeiro día 29 de outubro.

A Xuntanza de Empresarios de Ames, coa colaboración do Concello de Ames, organiza a sexta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames, quen ten como obxectivo fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos de Ames. As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do noso concello. Admítese unha fotografía por cada unha das tres categorías existentes. A participación no concurso é gratuíta. O prazo de entrega das imaxes remata o 4 de novembro de 2026. As fotografías teñen que ser enviadas xunto coa ficha de inscrición por correo electrónico ao enderezo enfocames@gmail.com. Podes consultar as bases completas do Enfoca Ames 2026 na seguinte ligazón.

O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado, organiza un novo curso de inglés básico para maiores. O curso desenvolverase en Bertamiráns e está dirixido a persoas maiores que non teñan ningún tipo de formación en lingua inglesa. As clases comezarán o 27 de outubro e serán impartidas por unha profesora voluntaria. Serán os martes, en horario de 12.00 a 13.00 horas na Casa dos Maiores. Para participar, hai que enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal ou a través do teléfono 662 377 044.

A aula CeMIT, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, amplía a súa oferta formativa e organiza novos cursos en materia de habilidades dixitais para adultos de cara aos meses de novembro e decembro. Ofértanse un total de 14 prazas para cada un dos novos cursos, e para poder participar é necesario estar dado de alta na rede do CEMIT. Para os máis cativos, as formacións continúan ata decembro con cursos de informática para nenos/as e mecanografía para rapaces e rapazas.
- ‹ anterior
- 2 de 713
- siguiente ›




