Solapas principales

Ames participa nun foro sobre vivenda no que se abordou a situación actual do concello, a evolución nos últimos anos e retos futuros

Sábado, 24 de octubre de 2026

O Concello de Ames participou o pasado mércores, 21 de outubro, na xornada “Vivenda, exclusión social e participación cidadá. O papel dos municipios como garantes de dereitos”, que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela. Participou a través do Departamento de Benestar Social do Concello, e estiveron presentes  o  Técnico de Mediación Intercultural, Leonardo Pena, e  a Asesora Xurídica de Servizos Sociais, Raquel Dopico. Durante o encontro, ambos abordaron a situación na que se atopa a vivenda no concello de Ames, e expuxeron os programas Vivenda en tránsito e Vivendas baleiras, dúas iniciativas levadas a cabo no concello.

O encontro que tivo lugar no CEA da USC dentro do foro de intercambio “Vivenda, exclusión social e participación cidadá. O papel dos municipios como garantes de dereitos”, que estivo organizado por Solidaridade Internacional de Galicia (SIG), a Asociación Solidaria para el Desarrollo y la Paz (SODEPAZ) e MEJORHA, entidade da sociedade civil de Guatemala. Coa participación de representantes institucionais, persoas externas e organizacións sociais, o obxectivo foi compartir experiencias e identificar respostas innovadoras fronte aos desafíos da exclusión residencial.

A través deste diálogo entre experiencias do Norte e do Sur global, a iniciativa pretendeu situar a vivenda como un dereito humano fundamental e como un elemento clave para o benestar comunitario. Así mesmo, procurou xerar un espazo de reflexión e aprendizaxe compartida sobre a responsabilidade ética e social dos gobernos locais, das organizacións cidadás e das redes comunitarias na promoción de territorios máis xustos, inclusivos e sostibles. 

Ao longo da súa intervención, Leonardo Pena e Raquel Dopico, analizaron a situación actual da vivenda no concello de Ames, así como a evolución nos últimos 20 anos, abordaron respostas á problemática actual así como os retos de futuro. Ademais, expuxeron dous dos programas en termos de vivenda levados a cabo polo Concello de Ames: Vivenda en tránsito e Vivendas baleiras.

Crecemento demográfico e evolución da vivenda nos últimos 20 anos 
Segundo explicaron na súa presentación Leonardo Pena e Raquel Dopico o concello de Ames experimentou un importante crecemento demográfico nos últimos 20 anos pasado de 22.228 habitantes en 2005 a 33.276 habitantes en 2025. Neste intervalo de dúas décadas, Ames aumentou a súa poboación en máis de 11.000 persoas, consolidándose como un dos municipios con maior dinamismo demográfico de Galicia.

Arredor dos anos 2006-2007 o concello de Ames viviu un forte crecemento demográfico e urbanístico (Bertamiráns e O Milladoiro) ao funcionar como zona residencial de expansión para Santiago de Compostela. Tras o estalido da burbulla inmobiliaria, o mercado sufriu anos de descensos e estancamento. Cara a 2018 e 2019, os prezos medios por metro cadrado en Ames roldaban valores moi inferiores (ao redor de 1.200 €/m²). Nos últimos 5 anos, o prezo por metro cadrado acumulou subidas superiores ao 30% en casas e entre un 63% e 66% en pisos, impulsado pola escaseza de oferta e o tirón demográfico. Os núcleos urbanos rexistran prezos medios de ao redor de 2.301 €/m². En canto ao alugueiro, os prezos están en máximos históricos, pasando de 5,0 €/m² ao mes (2016) aos actuais 9,0 €/m².

Ante as necesidades detectadas e dentro do marco das competencias de carácter municipal abordouse a problemática da vivenda con dous tipos de recursos: vivenda de tránsito e/o soporte socio – educativo destinada a colectivos en situación de especial vulnerabilidade ou en risco de exclusión social do concello de Ames; e mailo programa de Vivendas baleiras.

Vivenda en tránsito
O programa de Vivenda de tránsito púxose en marcha no ano 2018. O inmoble era a antiga escola unitaria de Firmistáns, que transformou o seu aspecto e finalidade tras beneficiarse dunha profunda rehabilitación acometida con fondos europeos do plan Leader, que achegou 70.670 euros dun montante total de 85.910 euros.

O Concello de Ames pon a disposición unha vivenda provisional e de carácter urxente para aquelas persoas que se atopen en situación de emerxencia persoal ou familiar, que non lles sexa posible a permanencia no propio fogar ou que non exista. Trátase dun recurso público municipal deseñado para ofrecer unha solución habitacional temporal. A estancia máxima é de 3 meses, prorrogable a un mes máis.

A vivenda dispón de oito prazas, aínda que en caso de ser necesario acollería a outra persoa máis. Os inquilinos poden pertencer a unha mesma unidade familiar ou non, e todos deberán encargarse da limpeza e coidado do inmoble, que conta con todo o necesario para vivir. 

Os requisitos para poder habitar esta vivenda son estar empadroado no Concello de Ames cunha antigüidade de seis meses, carecer dunha rede social de apoio, dispoñer de ingresos para o seu propio sustento e alimentación, ter ingresos inferiores ao IPREM en cómputo mensual vixente en cada momento e presentar autonomía persoal.

Vivendas baleiras
O programa de Vivendas baleiras do Concello de Ames púxose en marcha de conformidade co Acordo de adhesión ao Convenio de colaboración entre ou IGVS e a FEGAMP para o desenvolvemento do devandito  programa no ámbito do Plan Galego de Rehabilitación, Alugueiro e Mellora de Acceso á Vivenda 2015 – 2020 (Plan RehaVIta), máis adiante denominado PMVAC – Programa de mobilización de vivendas para o alugueiro en Concello e Programa Fogar vivo, no marco do Plan Galego de vivenda 2021- 2025.

Esta iniciativa ten como obxectivo poñer a disposición as vivendas desocupadas do Concello para poder destinalas a aquelas unidades familiares ou de convivencia con maior dificultade de acceso a vivenda e, con prioridade, as afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por impago da renda de alugueiro da súa vivenda habitual.  Actualmente hai 73 vivendas dispoñibles, con rendas que oscilan entre os 207 e os 253 euros, fronte á media dos alugueiros actualmente en Ames, que rondan os 600 euros.

Ames participa nun foro sobre vivenda no que se abordou a situación actual do concello, a evolución nos últimos anos e retos futuros

Multimedia

  • Ames participa nun foro sobre vivenda no que se abordou a situación actual do concello, a evolución nos últimos anos e retos futuros
  • Ames participa nun foro sobre vivenda no que se abordou a situación actual do concello, a evolución nos últimos anos e retos futuros
  • Ames participa nun foro sobre vivenda no que se abordou a situación actual do concello, a evolución nos últimos anos e retos futuros