Actualidad

O vindeiro luns, 9 de outubro, ás 12:00 horas, o espazo colaborativo de Coworking A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro, acollerá a charla «Igualdade e progreso para as mulleres rurais», unha actividade organizada por FADEMUR Galicia no marco do programa Por un Rural Vivo e Xoven, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña. A actividade pretende ser un espazo de encontro, reflexión e intercambio de experiencias, no que poñer en valor o talento, a capacidade emprendedora e a contribución das mulleres e das persoas mozas á construción dun rural vivo, dinámico e con futuro.

O Concello de Ames, Augas de Ames EPEL e El Correo Gallego organizan o vindeiro martes, 10 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, o foro “A auga en Galicia, da abundancia á escaseza”, no que se abordará a planificación de infraestruturas hídricas, xestión da escaseza e colaboración interadministrativa. O foro estará presentado pola xornalista de El Correo Gallego, Susana López Carbia; e contará coa participación do alcalde de Ames, Blas García, da subdelegada do Goberno en Galicia, Encarna Rodríguez, do subdirector xeral de Xestión e Execución de Infraestruturas Hidráulicas de Augas de Galicia, Agustín Hernández, da xerente de Augas de Ames, Genma Otero, da enxeñeira xefa do servizo de Augas de Ames, Verónica Castro, do técnico municipal, Esteban de la Fuente, do director de servizos de Espina & Delfín, Juan José Somoza; e do enxeñeiro de camiños, canles e portos de Zelig Strategy, Joaquín Álvarez.

Os Concellos de Ames e Brión poñen en marcha unha nova edición do programa integrado de emprego. Deste xeito, xa está aberto o prazo para solicitar a participación na nova edición do programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2026-2027. O programa está aberto a 100 persoas desempregadas que se formarán nos sectores do ocio e tempo libre; comercio; actividades de almacén e loxística; administración; atención á dependencia; e turismo. O pasado 14 de outubro rematou a edición 2025-2026. Á data de finalización do programa, acadaron, polo menos un contrato, máis do 50% dos participantes, superando o obxectivo de inserción previsto do 40%. As persoas que cumpran os requisitos e estean interesadas poden cubrir o formulario cos seus datos premendo nesta ligazón.

O Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Miúdo celebrará do 12 ao 15 de novembro en Ames a súa novena edición, co poder da ciencia como fío condutor da súa programación. O certame reúne curtametraxes internacionais para todas as idades e completa a programación con sesións especiais fóra de concurso, obradoiros e actuacións abraiantes para achegar o cinema e outras disciplinas ao público infantil e familiar. Os abonos están dispoñibles na Billeteira electrónica por 3 euros. Ata o de agora hai vendidos 130 bonos, polo que quedan dispoñibles 170.

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, organiza as XVI Xornadas Achégate á Igualdade, que se van a celebrar o venres, 27 de novembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Estas xornadas están abertas a todo o público interesado. A actividade é de balde, aínda que as prazas están limitadas por mor do aforo dispoñible. Para participar, é necesaria a inscrición a través do enderezo de correo electrónico xornadasachegate@gmail.com. Premendo neste enlace podes descargar o programa completo das xornadas.

Desde as 11.00 horas de hoxe, 4 de novembro, e ata as 11:00 horas do venres, 6 de novembro, está aberto o prazo para decidir os premios do público. Os vídeos presentados ao concurso Galetiktokers xa están publicados no perfil de Instagram @xuventudeames. Esta iniciativa dos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Ames pretende estimular a creatividade da mocidade animando á creación audiovisual en galego. Gañará o premio do público en cada categoría o vídeo con maior alcance, é dicir, o que se faga máis viral en 48 horas. Calquera persoa pode apoiar os seus vídeos favoritos véndoos e compartíndoos. Nesta sétima edición presentáronse 40 vídeos, realizados por 78 mozos/as de 24 localidades distintas. Premendo nesta ligazón pódese consultar o folleto informativo do VII Certame Galetiktokers.

O Concello de Ames vai celebrar os días 14 e 15 de novembro, no campo da festa da parroquia de Trasmonte, a sexta edición da Feira do Monte Tanto Monte. O obxectivo é poñer en valor o monte galego e recuperar os oficios ligados ao monte a través dun escaparate excepcional dos oficios e dos produtos vinculados ao monte. Neste edición increméntase o número de expositores e contarase con 29 postos de diversas localidades de Galicia; 4 faladoiros e obradoiros a cargo de Luís do Río, Jaime Blanco e Nuska Chousa; 6 degustacións gastronómicas; e unha nova iniciativa, o Monte Miúdo, que contará cunha ampla programación de actividades para os nenos e nenas. Premendo nesta ligazón pódese consultar o programa completo da feira.

Distrito 13 17 continúa con actividades para os mozos e mozas de Ames neste mes de novembro. A primeira actividade proposta para este mes é a Velada Enxeño este sábado 7 de novembro, unha velada para poñer a proba o enxeño dos participantes, que terá lugar no Anexo ao Pavillón do Milladoiro. Por outra banda, o venres 20 de novembro terá lugar a Ruleta da Igualdade no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, unha actividade na que se aprenderá sobre igualdade dun xeito divertido e dinámico. Ambas actividades se desenvolverán de 19.00 a 21.00 horas. Podes anotarte na seguinte ligazón. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar en info@anacoseducativos.com ou no 694 216 484. Podes consultar toda a programación na seguinte ligazón.

Continúa a programación de outono do Ames Cultural durante o mes de novembro, este venres 6 de novembro, co espectáculo de danza BenQuerer, da compañía galega Fran Sieira, e que ademais estará acompañado por música en directo do dúo Caamaño&Ameixeiras. A función comezará ás 20.30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. As entradas xa están á venta na Billeteira. Este espectáculo está subvencionado pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.

O Festival Internacional de Cinema Infantil “Cinema Miúdo”, que se celebrará do 12 ao 15 de novembro en Ames, anuncia dous obradoiros vinculados á temática desta novena edición: o poder da ciencia. As actividades terán lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns e combinarán experimentación e creatividade. O sábado 14, terá lugar o primeiro obradoiro, A ciencia detrás do cine: luces, imaxes e reaccións sorprendentes, dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos; e o domingo 15, Xogando coa cianotipia, unha proposta aberta a todos os públicos. As entradas xa están á venta na Billeteira electrónica.
- ‹ anterior
- 3 de 716
- siguiente ›




