Actualidad

O club Ames Atletismo vén de presentar unha nova edición do seu campus deportivo, que se celebrará en dúas quendas nos meses de xuño e setembro. O club seguirá adestrando tódalas disciplinas do atletismo dun xeito lúdico e adaptándose ás necesidades de cada atleta. Un ano máis, contará coa colaboración do Concello de Ames na cesión de instalacións deportivas e na promoción da programación deportiva.

Os/as atletas do Ames Atletismo Savante realizaron unha gran actuación no campionato de España de marcha atlética en ruta por federacións celebrado o pasado domingo, 15 de febreiro, en Cieza. Participaron 4 atletas do Ames Atletismo, sendo o club que máis atletas aportou á selección galega. Nicolás Collazo fixo unha gran carreira logrando o subcampionato de España sub20 e o récord galego sub20 dos 10 km marcha en ruta. Ademais, na proba de 10 km marcha sub20 tamén participaron Nadir Moreira e Icía Ares. Por último, destacar a gran actuación do amesán Juan Pernas na proba de 5 km marcha sub16, onde co resto de compañeiros da selección galega gañaron a competición por equipos.

Os/as atletas do Ames Atletismo Savante realizaron unha gran actuación no campionato galego de marcha en ruta celebrado o pasado domingo, 25 de xaneiro, en Marín. Participaron 6 atletas do club amesán que lograron un total de 5 medallas. Na proba de 10 km marcha, Nicolás Collazo conseguiu a medalla de ouro na categoría sub 20 masculina e o campionato galego absoluto, mentres que Nadir Moreira logrou a medalla de bronce, tamén na categoría sub 20. Na categoría feminina, Icía Ares logrou un dobre éxito coa medalla de ouro na categoría sub 20 e o subcampionato galego absoluto.

A atleta amesá, María Estévez, segue logrando éxitos. Desta volta, conseguiu a medalla de ouro coa selección galega sub20 no campionato de España de campo a través individual e por federacións autonómicas, que se celebrou este pasado domingo, 25 de xaneiro, no circuíto “El Pinillo” de Almodóvar del Río (Cordoba). Trátase dunha vitoria histórica para o atletismo galego. O equipo sub20 estivo formado por Sandra González, Demeku Paniagua, Debris Paniagua, Sabela Martínez e María Estévez.

O club de atletismo MillaRaio comezou o 2026 con moi bos resultados. Mateo Vilela a nivel individual e mailo equipo feminino sub12 lograron a primeira posición nas súas respectivas probas do Campionato galego de campo a través de deporte escolar Xogade 2025-2026. Ademais, durante o pasado mes de decembro os rapaces e rapazas do MillaRaio acadaron un terceiro posto no Trofeo ABANCA de Ourense e unha quinta posición no Campionato galego de clubs de probas combinadas

A atleta do club Ames Atletismo Savante, Icía Ares, vén de proclamarse campioa de España sub 18 na proba de 5.000 marcha. A deportista do club amesán, que competiu baixo as cores do club Ourense Atletismo, logrou a medalla de ouro no campionato nacional celebrado en Castellón. Ademais, Icía Ares remata a tempada coa magnífica nova da convocatoria da selección española de atletismo para participar no campionato Iberoamericano do 19 e 20 de xullo en Paraguay.

Esta pasada fin de semana celebrouse en Valencia o Campionato de España de Atletismo sub-18, no que Ames estivo representado pola atleta María Estévez, atleta da Sociedade Gimnástica de Pontevedra. A amesá, que conseguiu ser subcampioa galega nos 800 metros acadou o quinto posto na final de 1.500 metros.

O club de atletismo MillaRaio comezou a tempada cuns excelentes resultados no campionato provincial de campo a través celebrado na Pobra do Caramiñal o pasado 14 de decembro. Participaron en dito campionato os equipos das categorías sub10, sub12 e sub14. Clasificáronse para o campionato galego o equipo sub10 masculino, que foi campión provincial, e o equipo feminino sub12, que foi subcampión provincial.

O pasado 8 de decembro celebrouse o Campionato de España de Marcha atlética en ruta, na localidade cántabra de Castro Urdiales, onde participaron dous atletas de Ames Atletismo, Nicolás Collazo e Icía Ares. Nicolás acadou a terceira posición na categoría sub 18 nos 5 quilómetros marcha, conseguindo así a súa primeira medalla nacional e tamén a primeira a nivel nacional para o club amesán. Ademais, o atleta tamén rompeu o récord galego nesta proba, finalizándoa en 21 minutos e 19 segundos. Pola súa banda, Icía acadou unha fantástica cuarta praza na súa categoría e bateu tamén a súa propia marca persoal en máis de 30 segundos.

O pasado sábado 26 de outubro desenvolveuse en Madrid o campionato de España de clubs sub20, no que participou a atleta amesá María Estévez. A deportista conseguiu un gran resultado, rematando primeira na proba de 2.000 metros obstáculos, cunha vantaxe de 31” sobre a segunda clasificada.
- 1 de 4
- siguiente ›




