Actualidad

O Concello de Ames organiza a VI Festa do Apego de Ames e convídanos a unha xornada de festa con música, teatro, xogos, obradoiros, contos e moitos máis recursos e actividades para gozar en familia con e desde a lingua. Será o sábado, 7 de xuño, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, desde as 11.00h da mañá ata as 21.00h da noite. Ao longo da xornada poderemos gozar de contos con música, xogos, concertos, teatro, obradoiros, espazos de xogo, espazos de creatividade e espazos de recursos. Todo isto e moito máis para achegarlles ás familias recursos lúdicos e educativos que favorezan a transmisión da lingua e unha crianza positiva, creativa e en galego. Nesta ligazón podes ver toda a programación da Festa de Apego de Ames.

O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolleu esta mañá a gala de entrega de premios da oitava edición do certame Enreguéifate, o proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo para fomentar a improvisación oral en verso en lingua galega. En representación do Concello de Ames acudiu o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto, e o persoal do SNL. O alumnado do IES do Milladoiro recibiu o premio á regueifa máis inclusiva, polo traballo realizado en colaboración co CEE Manuel Navalón. O vídeo premiado denomínase Radio Regueifa Inclusiva “Somos diferentes, somos referentes” e nel o alumnado de ambos os dous centros regueifa conxuntamente e a través das ondas para demandar inclusión, diversidade, respecto e non discriminación.

O programa Apego continúa a organizar diferentes propostas de ocio para as crianzas amesás neste mes de maio. Desta volta, coa excursión a Carballolandia, unha actividade xa habitual dentro do Apego, que se celebrará o vindeiro sábado 24 de maio e na que as familias participantes poderán visitar este ecoparque situado no Concello de Chantada, na Ribeira Sacra, e tamén o Ecomuseo do pazo de Arxeriz, localizado no concello do Saviñao, moi preto do Cabo do Mundo. Haberá servizo de autobús con saída ás 09.30 e regreso ás 21.00 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A actividade é de balde, mais as persoas adultas que queiran visitar o museo do Pazo de Arxeriz deberán aboar alí mesmo o prezo de entrada (3 euros). O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, venres 16 de maio, ata o vindeiro venres día 23 de maio. As prazas para participar nesta actividade son limitadas, polo que é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá este luns, 19 de maio, ás 11.30 horas, a entrega de premios da oitava edición do certame Enreguéifate, unha cita na que o IES do Milladoiro, xunto co CEE Manuel Navalón, recibirá o seu galardón á regueifa máis inclusiva. O vídeo premiado denomínase Radio Regueifa Inclusiva “Somos diferentes, somos referentes” e nel o alumnado de ambos os dous centros regueifa conxuntamente e a través das ondas para demandar inclusión, diversidade, respecto e non discriminación.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames en colaboración cos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de infantil e primaria puxeron en marcha a actividade Sementando Cantares. Con ela preténdese contribuír a festexar as Letras Galegas 2025, no ano no que se lle dedican á poesía popular oral, con especial protagonismo para as pandereiteiras e cantareiras que coidaron e transmitiron a nosa tradición musical. Nos centros estiveron facendo por aulas unha escolma de cantares e plasmándoos nunhas fichas que lles facilitaron desde o SNL. Esta semana estanse colocando as fichas en diversos lugares do concello. Quen as encontre pode movelas e colocalas noutros lugares para continuar a sementeira. Ademais, as escolas unitarias incluíron un código QR que permite escoitar un audio dos nenos e nenas cantando.

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, publica as cifras de participación e os nomes das persoas que integran o xurado da vixésima segunda edición do Certame Literario Concello de Ames. Nesta ocasión, presentáronse 158 traballos, un número similar respecto das edicións anteriores. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición serán María López Sández, Manuel Núñez Singala e Mariña Pérez Rei; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual.

O programa Apego continúa o seu programa de actividades durante o mes de maio coa actividade “Foliada con Apego”, que se vai desenvolver no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o venres 16 de maio, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 15 de maio, no que se indique o nome da actividade, nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2025 pode consultarse premendo nesta ligazón.

O programa do Apego continúa coa súa programación de actividades para as crianzas amesás neste vindeiro mes de maio. Desta volta, co obradoiro de cantos de berce “Arrolos de salitre”, de Guadi Galego e Guillerme Fernández, que se desenvolverá o vindeiro venres 9 de maio, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, mércores 30 de abril, ata o vindeiro xoves día 8 de maio. Para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames organizou este sábado 26 de abril, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, un acto para presentar o libro antolóxico do XXI Certame Literario. A dito acto acudiron a maior parte dos gañadores e gañadores do certame literario de 2024, así como varios representantes da Corporación municipal, entre os que se atopaban o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística. O acto estivo presentado pola xornalista de Ames Radio, Belén Martínez.

O programa do Apego continúa coa súa ampla oferta de actividades para as crianzas amesás ao longo deste mes de abril. Desta volta, co espectáculo de contos e música “Pan con chocolate”, de María e Carme da Pontragha, que se desenvolverá o vindeiro venres 25 de abril, ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto ata o xoves día 24. Para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.
- ‹ anterior
- 8 de 43
- siguiente ›




