- Tematica
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames en colaboración cos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de infantil e primaria puxeron en marcha a actividade Sementando Cantares. Con ela preténdese contribuír a festexar as Letras Galegas 2025, no ano no que se lle dedican á poesía popular oral, con especial protagonismo para as pandereiteiras e cantareiras que coidaron e transmitiron a nosa tradición musical. Nos centros estiveron facendo por aulas unha escolma de cantares e plasmándoos nunhas fichas que lles facilitaron desde o SNL. Esta semana estanse colocando as fichas en diversos lugares do concello. Quen as encontre pode movelas e colocalas noutros lugares para continuar a sementeira. Ademais, as escolas unitarias incluíron un código QR que permite escoitar un audio dos nenos e nenas cantando.
As Letras Galegas 2025 dedícanselle á poesía popular oral, personificada nas Pandeireteiras de Mens (Malpica), unha candidatura múltiple representativa “das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron” unha tradición centenaria que segue presente nas xeracións máis novas e na música galega actual máis exitosa.
As nenas e os nenos de Ames queren contribuír a visibilizar este herdo colectivo transmitido dunha xeración a outra: “as coplas aprendidas na saia da avoa”, que dicía Luísa Villalta. Para iso están sementando unha presada de cantigas populares en diversos espazos do concello.
Sementeira de cantares
Nunha primeira fase, o alumnado e profesorado dos centros de ensino de educación infantil e primaria de Ames realizaron unha selección de cantares populares en lingua galega e plasmáronos nun soporte deseñado para a actividade dende o SNL de Ames. Posteriormente, todos eses cantares que se traballaron nas aulas seméntanse en diferentes lugares do concello, frecuentados pola veciñanza ou por persoas que nos visitan.
Por último, as persoas que atopen estes anacos de tradición poden simplemente gozar deles aprendéndoos e cantándollos a alguén ou continuar a sementeira recolléndoos e colocándoos noutro lugar visible, dentro ou fóra do concello. Se se opta por esta segunda opción, deberán enviar un correo cunha foto e coa localización do cantar ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal para poder facer un seguimento de por onde vai agromando a semente dos cantares e da lingua.
Intervención artístico-poética
Trátase, xa que logo, dunha intervención artístico-poética que, partindo dos centros educativos, pretende implicar á veciñanza ou a quen pase polo concello na dinamización da nosa lingua e da nosa cultura. Na organización e coordinación da actividade colaboran os ENDL dos centros participantes e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.
Os obxectivos desta actividade son dinamizar o uso do galego entre os rapaces e rapazas de infantil e primaria, entre o persoal dos centros de ensino e entre toda a veciñanza en xeral, fomentar a creatividade en lingua galega, e favorecer o (re)coñecemento das nosas devanceiras e da nosa memoria, da nosa historia como pobo e da necesidade de promover o uso da nosa lingua, desde a alegría e a celebración.