Actualidad

Esta mañá, o Concello de Ames presentou no espazo de coworking A Proa do Milladoiro unha nova edición da xornada de innovación InnovAmes, que se levará a cabo o vindeiro venres, 20 de febreiro, no pavillón municipal do Milladoiro. O proxecto acollerá durante toda a mañá conferencias, obradoiros e exposicións de stands, así como a xa habitual entrega dos premios InnovAmes, co obxectivo de achegar á cidadanía as últimas tendencias dentro do mundo da innovación á vez que se crea un espazo de coñecemento e networking. Este ano, como novidade, incrementouse a contía dos premios e contarase con empresas de fóra do concello para poder crear sinerxías entre as empresas amesás e as doutras localidades. Ademais, contarse coa asistencia da Secretaria Xeral de Innovación, Teresa Riesgo, e do Delegado Especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades.

O alumnado do CEIP de Barouta e do CEP de Ventín conmemorou o Día da Muller e a Nena a Ciencia co proxecto “Miña avoa xa facía ciencia”, unha iniciativa que organizou o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, co obxectivo de recoñecer e poñer en valor a sabedoría feminina tradicional (en xeral, invisibilizada) e amosar como as mulleres galegas, dende os seus fogares, eidos ou talleres, xa practicaban ciencia antes de ter nome ou recoñecemento académico. O Concello de Ames pertence á Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación (Rede Innpulso), que é un proxecto impulsado e cofinanciado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. Preme nesta ligazón para ver un vídeo resumo das actividades realizadas dentro de dito proxecto.

Dúas hamburgueserías de Ames, Petiscos Gastrobar e Malasogra, están na final do campionato gastronómico Burguer Showdown, unha competición que determina a mellor hamburguesa da provincia da Coruña mediante o formato 1vs1, onde cada hamburguesería se vai medindo a outros establecementos de maneira directa ata chegar á final. Ademais, ambos establecementos hostaleiros de Bertamiráns, participan tamén na sexta edición do Campionato de España de Hamburguesas, onde tamén participan O Recuncho de Adrián e Custom Burguer Shop by La Central, os dous do Milladoiro.

O local da asociación Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) acolleu este pasado xoves, 5 de febreiro, o sorteo dos catro premios incluídos na sétima edición da campaña de promoción do comercio local “Ilumina o teu sorriso”. No certame participaron un total de 53 persoas, superando a participación de edicións anteriores. As persoas premiadas foron María Hernando, José Luis Noya e Belén Pita, que recibirán tres vales de 250, 150 e 100 euros, para gastar en comercios amesáns adheridos a XEA. Ademais, este ano súmase a novidade do Premio Especial XEA, dotado de de 300 euros para gastar en Recunchos, que foi para Vanesa Davó Ortuño.

O espazo colaborativo A Proa acolleu esta mañá unha xuntanza entre o Goberno municipal de Ames e unha ampla representación do sector tecnolóxico e audiovisual asentado no concello de Ames. O obxectivo de dito encontro foi ter unha primeira toma de contacto para crear un grupo de traballo e poder colaborar e realizar proxectos de forma conxunta. A previsión é manter unha reunión ao ano para manter contacto entre as distintas empresas e mailo Concello. A dito encontro acudiron 20 profesionais de ditos sectores que valoraron de forma positiva esta iniciativa. O Concello de Ames pertence á Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación (Rede Innpulso), que é un proxecto impulsado e cofinanciado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

No marco das actividades de dinamización do mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, este sábado 31 de xaneiro organízase unha nova sesión do Club tixolas, un club de cociña para nenos e nenas de 6 a 12 anos que pretende achegar aos máis pequenos ao mundo culinario e a realizar receitas con produtos frescos de proximidade. Terá lugar desde as 11.30 ata as 13.00 horas. A inscrición é de balde. Para inscribirse, hai que enviar un WhatsApp ao número de teléfono 667 665 705. Hai 30 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de inscrición. O mercado celébrase na praza da Maía, en Bertamiráns, en horario de 10.00 a 13.30 horas.

No marco das actividades de dinamización do mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, este sábado 24 de xaneiro organízase unha degustación de tapas en seis locais hostaleiros de Bertamiráns, que serán elaboradas con produtos do mercado de horta e artesanía de Ames. Dita degustación ofrecerase no restaurante Onde Keiras, Bar O Recreo, Ristorante Tivolino, Restaurante Mollos e Moios, Restaurante Petiscos e Cafetería O Lambón.

O Concello de Ames continúa coa súa programación de actividades polas festas de Nadal, desta volta co servizo do Tren de Nadal que percorrerá os días 2, 3 e 4 de xaneiro as rúas de Bertamiráns e O Milladoiro, unha actividade enmarcada na programación da Gran Festa de Reis. Este servizo de tren, totalmente gratuíto, estará dispoñible en Bertamiráns o venres 2, de 11.00 a 13.30h e de 17.00 a 19.30 horas, e o sábado 3 pola mañá de 11.00 a 13.30. No Milladoiro estará o sábado 3 pola tarde de 17.00 a 19.30 horas e mailo domingo 4, de 11.00 a 13.30h e de 17.00 a 19.30 horas.

Ames acollerá a vindeira semana as visitas dos personaxes do mundo Disney para saudar e pasar tempo cos nenos e nenas. O día 29 chegarán á Casa dos Maiores de Bertamiráns (praza da Maía) e o 30 pasarán polo antigo centro de saúde do Milladoiro (na rúa Agro do Medio, número 8). Esta actividade enmárcase dentro da programación de Nadal 2025, que comezou o pasado 4 de decembro e se desenvolverá ata o próximo 10 de xaneiro de 2026.

A programación de Nadal en Ames este ano conta coa novidade da celebración dun Mercado de Nadal na praza da Maía durante esta fin de semana. En total hai 18 postos; 13 de artesanía e 5 postos de alimentación e produtos da horta. O horario de atención ao público do Mercado de Nadal este sábado e domingo é de 10.00 a 14.00h e de 17.00 a 20.30 horas. Este sábado, ás 13.00 horas, celebrouse o acto de apertura de dito mercado. Trátase de incrementar a oferta comercial do concello con produtos de artesanía e de alimentación frescos e de proximidade.
- ‹ anterior
- 3 de 55
- siguiente ›




