Actualidad

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá o acto de presentación dunha nova edición do ciclo de cinema Abril de Cine para este 2026, que dará comezo o vindeiro 9 de abril e que está enmarcada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura. Durante todo este mes proxectaranse tres películas de actualidade, todas elas os xoves, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira Electrónica do Concello de Ames.

Ames conmemora o Día Mundial do Teatro coa publicación dun vídeo que protagonizan os rapaces e rapazas que integran a Escola Municipal de Teatro. A través deste vídeo queren compartir a súa paixón pola escena e desexarlle a toda a veciñanza un día cheo de arte, emoción e moita maxia teatral. Actualmente estase desenvolvendo a programación cultural do primeiro semestre de 2026, que inclúe 12 espectáculos de teatro, danza e circo e que se representan de xaneiro a maio. Preme nesta ligazón para ver o manifesto galego no Día Mundial do Teatro 2026.

A programación do Ames Cultural continúa este venres, 27 de marzo, co musical infantil “O libro da selva: o musical”, na Casa da Cultura do Milladoiro, e o cal tamén se enmarca dentro do programa Apego para conmemorar o Día Mundial do Teatro. Esta representación teatral de Ártika Cía forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Podes consultar a programación completa do Ames Cultural premendo nesta ligazón.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou o pasado 5 de marzo as convocatorias de subvencións para a promoción de festas populares e actividades levadas a cabo polas asociacións culturais no exercicio 2026. O prazo para solicitar estas axudas, que suman unhas contías de 30.000 euros para as actividades culturais e de 25.000 euros para as festas populares, estará aberto ata o 10 de abril. Premendo nestas ligazóns pódese obter máis información sobre a convocatoria para as festas populares e para as actividades levadas a cabo por asociacións culturais.

O fotógrafo Toño Villar, con estudio en Bertamiráns, foi premiado na categoría de Natureza nos Premios Sony AFPV da Comunidad Valenciana, celebrados o pasado 14 de febreiro, onde estaba nomeado en ata tres ocasións noutras tantas categorías. Estes nomeamentos veñen a seguir a liña deste ano, no que tamén conseguiu 3 nomeamentos nos Premios Nacionales Quijote, 2 nomeamentos nos Premios FEPFI, unha Medalla de Bronce e unha Mención de Honra nos Tokyo International Foto Awards, e 2 nomeamentos ós Premios Goya de fotografía.

A programación do Ames Cultural continúa este venres, 13 de marzo, coa obra Riazor Ostia, ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase da nova produción de Os Náufragos teatro en colaboración coa AGADIC. Con texto e dirección do dramaturgo coruñés Gustavo del Río, Riazor Ostia preséntase como un poema escénico que dialoga coa memoria, o odio e a resistencia. Esta representación teatral forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas están dispoñibles na Billeteira Electrónica do Concello de Ames. Podes consultar a programación completa do Ames Cultural premendo nesta ligazón.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este pasado martes, 24 de febreiro, a primeira xuntanza ordinaria do Pleno do Consello sectorial da Cultura de 2026. En dita xuntanza presentouse o informe – memoria Ames Cultura de 2025, no que se recolle a actividade de dinamización cultural, das Bibliotecas municipais e da Escola de música durante o ano pasado. Ademais, fíxose un avance sobre a programación de dinamización cultural que está pechada para 2026; e falouse de posibles cambios nas distintas liñas de subvencións que dependen do departamento de Cultura. Pódese consultar o informe completo na seguinte ligazón.

O Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, informa de que está aberto desde o 21 de febreiro ata o 7 de marzo (ambos incluídos) o prazo de inscrición para que as agrupacións musicais non profesionais do concello de Ames participen nas festas populares ou actividades orientadas á dinamización sociocultural de 2026. Posteriormente, os grupos de música tradicional e corais non profesionais inscritos poderán ser solicitadas por asociación e comisións de festas municipais dentro da convocatoria de subvencións en especies para as festas populares celebradas no 2026. A contía total desta liña de axudas en 2026 ascenderá a 24.000 euros.

O regueifeiro e profesor do IES do Milladoiro, Manolo Maseda, xunto con Saúl Rivas, presentan o vindeiro sábado 21 de febreiro na Sala Mozart do Auditorio de Galicia o seu proxecto Ao son da nova regueifa, un percorrido dende Bergantiños ata Vigo na procura das pontes entre a regueifa tradicional e as súas manifestacións máis contemporáneas no que participa o Concello de Ames. A peza audiovisual viaxa pola xeografía galega entre versos, encontros e reflexións compartidas co obxectivo de mostrar que a regueifa segue viva.

Ibuprofeno Teatro estrea en Ames a súa nova produción Bio Construción un texto de Santiago Cortegoso para dous actores e unha violonchelista no que a compañía segue explorando o teatro absurdo. As funcións serán o venres 27 e o sábado 28 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A creación artística desta peza teatral realizouse no Milladoiro a través do programa municipal de residencias artísticas. O Concello de Ames conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), para a realización da programación de artes escénicas do primeiro semestre do ano 2026.
- ‹ anterior
- 6 de 73
- siguiente ›




